PDF - 141.5 KB
Por un límite en el uso de energías no renovables en la UE

De cara á cimeira de Rio+20, Ecoloxistas en Acción presenta tres propostas concretas para afrontar a crise enerxética actual. Estas tres propostas responden a tres planos diferentes: a nivel da UE (un tope de uso de enerxías non renovábeis), a escala española (unha proposta de xeración eléctrica para o 2020) e unha terceira desde a perspectiva individual-comunitaria (unha cooperativa produtora e distribuidora de enerxía 100% renovábel). Son tres propostas claras e factíbeis que só necesitan vontade para se levar a cabo.

Atopámonos nun momento histórico caracterizado polo feito de que estamos alcanzando os límites de recursos enerxéticos do noso planeta. Perante iso cómpre mudarmos radicalmente a nosa forma de relacionarnos coa contorna e estes cambios deben ser rápidos, pois o tempo para actuarmos é agora, non cando entremos en máis situacións de non retorno. O pico do petróleo é xa unha realidade, e é agora o momento de tomarmos medidas para evitar que o quecemento global supere os 2ºC (ou 1,5ºC para ter unha marxe maior de seguridade e un nivel de impactos menor). Ante isto, na cimeira de Rio+20, son necesarias accións decididas e non discursos baleiros.

Tope de uso de enerxías non renovábeis na UE

Ecoloxistas en Acción lanza unha proposta para ir reducindo progresivamente o consumo de combustíbeis fóseis e enerxía nuclear na UE. Isto faino desde o seo da RCC (Coalición polo límite nos recursos, nas súas siglas en inglés) impulsada a nivel europeo por CEEweb for Biodiversity, ANPED e Ecoloxistas en Acción.

Os elementos fundamentais da proposta (que se pode descargar completa no arquivo xunto) son:
- Repartiríanse gratuitamente os dereitos de consumo enerxético final á cidadanía e as empresas.
- O tope de consumo enerxético por país iría descendendo de ano en ano de acordo cos requirimentos do IPCC e o declive das reservas de petróleo dispoñíbeis.
- Se os/as consumidores/as excedesen os seus dereitos terían que afrontar multas exponenciais, mais se quedasen por baixo terían gratificacións dedicadas a axudar á transición enerxética cara ás renovábeis e a eficiencia enerxética.
- Non habería mercado de compravenda de dereitos de consumo, nin se poderían almacenar dereitos de emisión de ano en ano.
- Ademais o sistema aplicaríase tamén, de forma progresiva, aos produtos consumidos para considerar a enerxía empregada na súa fabricación e transporte.
- Todo o sistema tería unha remesa de dereitos que non se repartirían para afrontar investimentos con apoio público en mellora da eficiencia, e a entrada de novos entes no sistema, xa sexan persoas ou empresas.

Plan de xeración eléctrica para o 2020

Ecoloxistas en Acción elaborou unha proposta de xeración eléctrica para o Estado español en 2020. Con este material demostra que:
- Pódese prescindir do carbón, o fuel e a enerxía nuclear na xeración eléctrica en 2020.
- É posíbel reducir un 34% o consumo de enerxía total e un 45% o de emisións de CO2.
- A xeración por medio de enerxías renovábeis sería do 72%.
- Para afrontar estas mudanzas sería necesario un cambio no sistema regulatorio e o control público das principais empresas do sector eléctrico.
- A cobertura nos picos de demanda eléctrica estaría garantida por centrais de bombeo hidráulico, coxeración, os contratos de interrumpibilidade con empresas xa existentes e as centrais térmicas de ciclo combinado xa construídas.

Pódese descargar a proposta aquí

Som Energia

Som Energia é unha cooperativa dedicada á produción e comercialización de electricidade proveniente de fontes 100% renovábeis que Ecoloxistas en Acción apoia.

As persoas que queiran poden converterse en copropietarias dos paneis que a empresa ten. Ademais, froito da liberalización enerxética, calquera persoa pode contratar a súa electricidade con Som Energia en lugar de coas compañías, na maioría dos casos multinacionais, que teñen intereses nos sectores non renovables.

Pódese achar máis información aquí