Rio+20: A necesaria transformación ecolóxica, social e urxente da ONU

Todas as versións deste artigo : [Català] [Galego]

O texto de Río+20 é débil, pero aínda que reflectise máis acordos tamén sería un texto incapaz de guiar a mudanza necesaria. En Río 92, a leitura que se fixo xa era equivocada, ao pensar que para alcanzar a sustentabilidade ambiental e a equidade social facía falta máis crecemento económico. O texto aprobado hoxe volve facer continuos chamamentos á necesidade dun crecemento económico continuado cometendo novamente o erro de situar o crecemento no lado das solucións en lugar de no das causas.

O texto chega a afirmar que o desenvolvemento sustentábel non se conseguiu porque toda unha serie de crises alimentaria, económica, financeira, etc. impedírono. Coma se estas crises fosen unha especie de desastres naturais sobrevindos e non estivesen directamente provocadas por un sistema de acumulación e concentración crecente da riqueza que se chama capitalismo. "Non é posíbel o crecemento económico infinito nun planeta con límites", afirma Erika González, portavoz da Alianza "Economía Verde? Futuro imposíbel!" . Esta é a verdade incómoda que os líderes mundiais se empeñan en non mirar á cara.

Algunhas ONG laméntanse de que o texto non lograse introducir un concepto forte de Economía verde como o motor principal para o desenvolvemento sustentábel. Desde a Alianza "Economía Verde? Futuro imposíbel!" non o lamentan. "A economía verde representa a última coartada do capitalismo para incorporar ao mercado os bens naturais e as funcións ecosistémicas. Mais tampouco temos motivos para nos alegrarmos de que non haxa unha definición de Economía verde como a que pretendían os países industrializados, os grandes promotores da idea. O capitalismo verde seguirá, malia Río+20, o seu curso na axenda das grandes corporacións que a promoven e que se beneficiarán dela, aínda que non conseguisen o sinal de oficialidade que buscaban nesta conferencia", segue explicando Erika González.

Se algo deixou en evidencia Río+20 é o poder crecente que teñen as empresas transnacionales para priorizar as súas axendas políticas e económicas co apoio dos gobernos nacionais e as institucións internacionais. Nesa mesma lóxica tamén se pon en evidencia a decrecente vontade política que teñen os gobernos para defender o interese público e o común. A Economía verde non é unha economía que traballe para a conservación do Planeta e a equidade das persoas. "Do que se trata é de que as grandes empresas transnacionais se apropien dos bosques, as terras, a biodiversidade, etc., para crear novos mercados e xestionar, lucrándose, non só eses recursos senón tamén as propias funcións que os ecosistemas realizan hoxe de forma gratuíta, como a captación de carbono, a depuración da auga, a regulación do clima,..", denuncia Samuel Martín-Sosa.

As Nacións Unidas defenden que o proceso foi transparente e participativo, mais iso é falso. A participación non é aparentar un diálogo que non existe, senón que implica ceder poder de decisión. A Conferencia oficial, con todo, foi xorda ao que acontecía a escasos quilómetros na Cimeira dos Pobos onde milleiros de persoas clamaban por unha mudanza de paradigma perante a crise civilizatoria global en que nos achamos. "Desde a sociedade civil denunciamos as estreitas relacións entre as corporacións e os gobernos e o propio sistema de Nacións Unidas, que pon en dúbida a súa lexitimidade", conclúe Samuel Martín-Sosa.

Nunca antes as Nacións Unidas foran un espazo tan débil e cuestionado. Nunca antes os gobernos demostraran tamaña falta de capacidade política. Hai vinte anos os gobernos parecían, polo menos, convencidos de que había que facer algo urxente para solucionar a crise social e ambiental. Agora a sensación que transmiten aos cidadáns é a de que non son eles os que toman as decisións e que iso lles impide chegar a posicionamentos fortes. A quen representan as Nacións Unidas?




Visitantes conectados: 225