Ecoloxistas en Acción rexeita rotundamente a modificación da Lei de Costas aprobada no Consello de Ministros de hoxe. A lei reduce perigosamente a protección do litoral existente até agora, favorece a privatización e a especulación urbanística incontrolada en boa parte da costa e estabelece infinidade de excepcións sen xustificación. Trátase dunha lei aprobada sen a necesaria participación social, feita á medida de intereses particulares, que esquece a mudanza climática e o seu efecto sobre a costa.

O aumento da concesión de ocupación do Dominio Público Marítimo Terrestre (DPMT) a 75 anos supón ter en propiedade unha zona pública para sempre, abrindo paso á especulación. Os intereses privados póñense por diante dos públicos, dos de toda a cidadanía.

Ademais, Ecoloxistas en Acción critica que se exclúan do DPMT un total de 11 zonas asociadas á costa sen ningún criterio científico nin xustificación técnica. É unha medida que aprofunda na privatización do litoral e na súa desprotección.

A diminución da servidume de 100 a 20 metros en lugares como as rías é unha medida totalmente afastada da verdadeira dinámica destes ecosistemas e á previsíbel suba do nivel do mar derivada do cambio climático. Ignorar esta realidade carrexará grandes prexuízos sociais e económicos ás poboacións asociadas ás costas e ás rías.

Ecoloxistas en Acción subliña que a reforma aprobada non trae solucións, senón que xera novos problemas pola mudanza de rumo que supón a respecto da anterior lei. Tampouco incrementará a seguridade xurídica, a pesar do que argumente o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. A grande cantidade de excepcións, casuísticas infinitas e desigualdades de tratamento que recolle terá o efecto contrario: a incerteza xurídica.

Se o contido da reforma é censurábel, tamén o é o xeito no que se levou a cabo a súa aprobación, sen a necesaria participación social. Desde o Ministerio de Medio Ambiente adquiriuse hai poucas semanas o compromiso verbal de debater a reforma con organizacións ecoloxistas e dar espazo para recoller as súas alegacións. Esta promesa foi incumprida coa inesperada aprobación de hoxe no Consello de Ministros.

Ecoloxistas en Acción teme que o Ministerio de Medio Ambiente pretrenda desmantelar a lexislación ambiental. O primeiro paso é a modificación da Lei de Costas de 1988, privando á sociedade dun uso público da costa e da protección da mesma.