Máis de dous centenares de organizacións, colectivos e movementos mobilizaranse o sábado 23F nunha Marea Cidadá para expresar a súa rotunda oposición aos recortes de liberdades e dereitos sociais que sofre a maior parte da cidadanía. Ecoloxistas en Acción súmase á convocatoria, consciente de que os retrocesos sociais e económicos veñen da man de recortes na protección da nosa contorna, que non é un luxo, senón unha necesidade.

O chamando golpe dos mercados é unha tremenda agresión aos dereitos laborais, sociais e ambientais de toda a sociedade para obter recursos que satisfagan aos mercados financeiros e, como cada vez é máis claro, tamén a políticos e administradores corruptos. Desmóntanse servizos públicos e sociais, degradando elementos tan importantes para o benestar da cidadanía como a sanidade, a educación ou a asistencia social. E ao mesmo tempo, recórtase na defensa do patrimonio natural e a biodiversidade e espólianse recursos naturais dos que depende o futuro.

A prevista reforma da Lei de Costas abre as portas á privatización do litoral. Parte dos montes públicos poderían pasar axiña a mans de particulares nalgunhas comunidades. As enerxías renovábeis son atacadas a favor de sistemas contaminantes e perigosos e en beneficio das grandes empresas eléctricas.

Hai moitos máis exemplos. O desleixo na aplicación da normativa sobre calidade do aire supón unha diminución da saúde de gran parte da poboación. A redución dos orzamentos no medio ambiente favoreceu o pasado ano un dramático incremento dos incendios forestais. Mentres se acometen recortes draconianos en partidas sociais séguense pedindo miles de millóns de euros en créditos para pagar infraestruturas elitistas, como a alta velocidade ferroviaria.

As receitas de austeridade que se aplican na actualidade non evitan a crise, pero si empobrecen á maior parte da sociedade e desposúena dos seus dereitos. Tampouco a aposta polo crecemento funciona cando se alcanza o tope en consumo de enerxía e recursos ou en xeración de residuos. Debe formularse un sistema económico axustado ás necesidades reais a nivel global e ás capacidades do planeta.

Por todos os motivos que se destacan no manifesto da Marea Cidadá, xunto ás razóns ambientais sinaladas, Ecoloxistas en Acción apoia esta mobilización e anima á cidadanía a que se some, de forma pacífica pero contundente, para deixar claro que non imos permitir que continúe esta inxusta situación.