Ecoloxistas en Acción sumouse á querela criminal contra dous extesoureiros do Partido Popular, algúns dos dirixentes da formación e varios responsábeis ou ex responsábeis de grandes construtoras. A maior parte dos pagamentos supostamente ilícitos que aparecen nos “papeis de Bárcenas” presumibelmente traducíronse despois en licitacións de grandes e insustentábeis obras de infraestrutura que agora debemos pagar incrementando de forma abafadora a débeda pública.

PDF - 364.2 KB
Texto de la Querella Bárcenas PP

É posíbel que alguén se pregunte que fai unha organización ecoloxista nunha querela como esta. Ecoloxistas en Acción leva anos alertando sobre a insustentábel e destrutora política de infraestruturas que se veu desenvolvendo durante as últimas décadas en España. Agora, a simple comparación dos supostos apuntamentos contábeis do extesoureiro do PP coas licitacións de grandes infraestruturas permite facerse unha idea dos motivos que levaron a uns investimentos tan afastados das necesidades da maior parte da poboación.

A xustificación destas grandes obras foi sempre a mesma: as infraestruturas de transporte promoven o desenvolvemento económico e xeran emprego. Con todo, o Estado español é marca en todo tipo de infraestruturas de transporte –temos máis quilómetros de autovías e autoestradas, ou de quilómetros de alta velocidade ferroviaria, ou de aeroportos deficitarios que ningún outro veciño europeo– e a pesar desta sobredotación, tamén somos marca en problemas económicos e en desemprego. As cousas non funcionan como nos contan.

Entón, cais son os verdadeiros motivos para levar a cabo estas obras? Un repaso a algunhas das sinaladas na querela pode dar pistas para entendermos como se financian investimentos ruinosos para o erario público e moi destrutivos para o territorio e o medio ambiente.

Autoestrada de peaxe Madrid-Toledo

Madrid ten nada menos que 13 autoestradas radiais. Cinco son de peaxe e están nunha situación ruinosa, recibindo créditos participativos e compensacións do Estado para que non creben, posto que se isto ocorre o Estado tería que se facer cargo das débedas cos bancos.

Unha delas é a AP-41, Madrid-Toledo. Trátase dunha autoestrada que ten o 11% do tráfico previsto. Custou 440 millóns de euros. A concesionaria, á que pertence o grupo Sando –cuxo presidente José Luís Sánchez é un dos querelados– demandou a Fomento e o Tribunal Supremo deulle a razón, polo que o Estado deberá compensar á concesionaria, que reclama 320 millóns, por incumprimento contractual: alegaban que a obra ía chegar até Córdoba e o feito de que conclúa en Toledo fíxolles perder rendibilidade. Un despropósito de xestión e un malgasto de fondos públicos.

Metro lixeiro de Madrid

Outro investimento ruinoso. A construción do Metro Lixeiro Oeste de Madrid custou 585 millóns de euros. OHL, empresa da que é expresidente outro querelado, Juan Miguel Villar Mir, ten o 51% da concesionaria. A explotación segue un sistema equiparábel á peaxe na sombra, de tal modo que a Comunidade de Madrid paga uns 5 euros por pasaxeiro que se monta no metro lixeiro. O custo real de cada pasaxeiro no resto da rede de metro é de 1,7 euros, o que dá idea do onerosa que resulta esta concesión para as arcas públicas. Ademais, se a demanda de viaxeiros fica por baixo do 68% da prevista no contrato, a Comunidade de Madrid tamén debe compensar á concesionaria. Un negocio redondo.

AVE

Moitas das empresas referenciadas na querela (Hispánica, Aldesa…) obtiveron substanciosos contratos de construción de liñas AVE. Fronte a toda a dialéctica e publicidade do Ministerio de Fomento e os grupos construtores, o certo é que a maior parte destas obras non se xustifican desde o punto de vista económico (nin que falar do ambiental ou social). A propia Comisión Europea estabeleceu que só son xustificábeis estes investimentos tan desmesurados (uns 30 millóns de euros por quilómetro de liña) con “unha demanda mínima de 9 millóns de pasaxeiros” [1]. Nin sequera a Madrid-Barcelona chega a esas cifras.

Na actualidade, por exemplo, Fomento prevé gastar 8.500 millóns de euros en levar a AVE a Galicia cando un estudo encargado polo propio ministerio conclúe que non hai demanda máis que para tres trens diarios por sentido. E estes investimentos acométense ao mesmo tempo que se aplican uns draconianos recortes en partidas básicas para o benestar da cidadanía.

A débeda actual do grupo Fomento –o ministerio e as empresas públicas como Adif ou Aena– supera 40.000 millóns de euros. Ecoloxistas en Acción considera que a maior parte dos investimentos para os que se contraeu esta inmensa débeda non teñen xustificación desde o punto de vista do transporte nin do interese social, mais si dos turbios intereses que se pretenden desvelar con esta querela.

Notas

[1] Comisión Europea (2008): Guide to Cost-Benefit Analysis of Investment Projects. Bruxelas.