O 11 de marzo de 2011 rexistrouse un terremoto seguido por un tsunami que tiveron efectos devastadores nos 6 reactores da central nuclear de Fukushima-Daiichi e noutros 8 reactores de Xapón.

PDF - 700.8 KB
2º aniversario de Fukushima

O terremoto xa produciu graves danos nos reactores de Fukushima-Daiichi e o tsunami veu completar a destrución de equipos vitais para a seguridade, o que desembocou nunha masiva fuga de radioisótopos, sobre todo iodo e cesio.

A humanidade enfrontouse así a un novo accidente nuclear que dispersou grandes cantidades de radioactividade no medio terrestre e no mar.

O accidente de Fukushima ten dúas características que o distinguen de accidentes anteriores: produciuse en Xapón, unha potencia tecnolóxica de primeira liña con garantías democráticas homologábeis ás europeas, e xerouse por un evento externo á central. Este último feito engade gran incerteza á seguridade destas plantas: pode alguén prever todo o que vai acontecer que afecte a central?

Unha catástrofe ambiental, social e económica

Os efectos sobre o medio e a saúde das persoas non van ser fáceis de obviar, porque hoxe en día non fixeron máis que comezar a manifestarse. De entrada, o risco de novos accidentes aínda non desapareceu en Fukushima, posto que as danadas estruturas dos reactores poderían non resistir os sismos que poderían rexistrarse nun futuro próximo. Ademais, na zona contaminada, de evacuación obrigatoria, recolléronse máis de 1600 vítimas do terremoto e tsunami: nunca saberemos cantas desas vidas poderíanse salvar coa debida atención que non se produciu para evitar a radioactividade.

A contaminación viaxou moi lonxe do reactor e fixo que os niveis de radioactividade superasen as doses admitidas para os traballadores expostos a distancias de máis de 80 quilómetros e que os niveis fosen oito veces o normal en Tokio, cidade de máis de 30 millóns de habitantes situada a 250 quilómetros da central. Detectouse contaminación en arroz, verduras, carne de tenreira e até no leite materno. Alén diso, vertéronse máis de 12.000 toneladas de auga contaminada ao mar, o que terá consecuencias impredicíbeis. De feito pescáronse exemplares de peixes cun nivel de radioactividade 2500 veces o permitido.

Os primeiros efectos desta contaminación rexístranse xa nun recente informe emitido pola Organización Mundial da Saúde (OMS), onde os cálculos indican: un aumento do 4 % de tumores sólidos e do 6 % en cancro de mama en mulleres expostas na súa infancia; un aumento do 7 % das leucemias entre os adultos expostos na súa infancia e un aumento dos cancros de tiroides case nun factor 100. Ademais disto, a OMS recomenda continuos estudos médicos sobre a poboación para detectar as posíbeis enfermidades derivadas da radiación.

Ademais dos terríbeis danos para a saúde e o ambiente, hai que considerar os danos económicos. Segundo avaliacións independentes, estes poderían ascender a 250.000 millóns de dólares, dos cais xa se gastaron uns 43.700 millóns de dólares de diñeiro público. En Xapón a responsabilidade civil é ilimitada, mais non hai ningún regulamento que estabeleza como deben acometerse as indemnizacións, polo que TEPCO, a empresa propietaria da central, aínda non se ve obrigada a acometer indemnizacións de consideración. As cifras anteriores hai que comparalas co máximo gasto por danos a terceiros previsto pola lexislación europea, en que se contempla unha responsabilidade civil limitada, que ascende a 1200 millóns de euros.

Non se aprende a lección

O debate subseguinte e as reaccións foron moi diversas nos diferentes países: en Alemaña ou Suíza prodúcese o apagamento nuclear paulatino e definitivo, mentres que noutros, como España, as autoridades políticas e a industria nuclear fican acazapadas ata que pase o ballón. Hoxe en día, o noso ministro de Industria volve falar da necesidade de manter a enerxía nuclear.

Como resultado do accidente, a petición de Austria, a Unión Europea impulsou a realización dunhas probas extras nas centrais nucleares europeas, mal chamadas “probas de estrés”. Estas probas foron moi limitadas por non ter en conta as accións humanas (tais como sabotaxes ou accidentes de avión) sobre as centrais e porque os informes sobre os que traballaron os organismos reguladores -o Consello de Seguridade Nuclear no caso de España- foron realizados polos propios operadores das plantas e non por axentes independentes.

A pesar diso, a posta en práctica das accións suxeridas nos informes vai supor un enorme gasto para a industria nuclear. Segundo a Comisión Europea (CE), podería ascender a uns 25.000 millóns de € para toda Europa e a uns 750 millóns de € para as centrais españolas. No informe da CE reflíctese ademais unha queixa pola gran disparidade de regulamentos e niveis de seguridade exixidos nos diferentes países europeos e dise abertamente que o nivel de seguridade das centrais é insuficiente.

Pór fin ao pesadelo nuclear

A pesar de todo, algúns gobernos, entre eles o español, seguen sen aceptar a evidencia do perigo da enerxía nuclear e non estabelecen calendarios de peche das centrais nucleares. A industria nuclear e as compañías eléctricas, que posúen centrais, seguen pondo a obtención de beneficios por diante da saúde das persoas e o medio. É un caso máis de apropiación privada dos beneficios e de socialización do risco.

O accidente de Fukushima mostra ás claras que é imposíbel garantir a seguridade das centrais nucleares e que o máis sensato é procedermos ao seu peche graduado. Sobre todo tendo en conta que existen xa enerxías alternativas capaces de fornecer electricidade sen risco e con mínimos impactos ambientais.

Alén do perigo de accidente, as centrais nucleares xeran residuos radioactivos perigosos durante centos de miles de anos. Precisamente en España quérese condenar á morte a unha comarca enteira, ao redor de Villar de Cañas (Cuenca), mediante a instalación dun cemiterio nuclear transitorio e centralizado.

Ecoloxistas en Acción exixe ao Goberno que poña fin ao pesadelo nuclear e fomente o despregamento das enerxías renovábeis no canto de o limitar mediante decretos que cortan o seu desenvolvemento.