O 13 de marzo votouse no Parlamento Europeo a proposta dos 4 textos da Política Agraria Común da UE, que se implementará entre 2015 e 2020. Esta política xestiona máis do 40% do orzamento europeo, con impactos ambientais e sociais moi importantes no noso territorio. A partir de agora ábrese un novo período de negociación da Comisión Europea cos Estados Membro.

Por primeira vez, o Parlamento Europeo votou sobre unha política da Unión Europea, iniciando o mecanismo de «codecisión» coa Comisión Europea. O resultado eliminou algunhas das peores propostas, como aquelas relativas ao dobre financiamento ou a certas equivalencias para acceder ao 30% do cheque de pagamento único asignado ao cumprimento de certas pautas de manexo agrario sustentábel, que resultaban dubidosas.

Asemade, déronse algúns pasos interesantes como a condicionalidade do cumprimento da Directiva Marco sobre uso de pesticidas; ou o estabelecemento dunha porcentaxe mínima de gasto para medidas con fins ambientais nos fondos de desenvolvemento rural (regulamento FEADER).

O debate no Parlamento Europeo deixa fóra un gran número de cuestións de gran impacto social no noso sistema agroalimentar. Mantén a proposta de pagamentos por hectárea e o tope de pagamentos directos por explotación en 300.000€/ano, mentres que en España a media é de 5.600€/ano. Esta medida segue sen facer fronte á importante inxustiza na repartición de fondos pola forte transferencia ás explotacións máis grandes e os grandes propietarios da terra en Europa.

Así mesmo, esta proposta non condiciona os pagamentos directos ao cumprimento de políticas básicas da UE, como a Directiva Marco de Auga e deixa fóra o apoio aos sistemas agrarios de Alto Valor Natural proposto pola Comisión Europea, que podería ter un importante papel no apoio de prácticas de gran relevancia ecolóxica, como a gandaría extensiva e a agricultura ecolóxica.

Por último, o Parlamento Europeo segue apostando por un sistema agroalimentar baseado na globalización, continúa impulsando a concentración das producións en poucas mans e subordinando a produción primaria á agroindustria e a distribución comercial a gran escala. A súa aposta polas relacións contractuais entre produción primaria e transformadores senta bases sólidas para unha maior financiarización dos alimentos. O cal vai abertamente en contra do carácter de necesidade básica da alimentación.