Non cabe ningunha dúbida de que vivimos unha aguda crise económica. Tampouco está en cuestión que nos atopamos nunha profunda crise ambiental.

Cando falamos de crise ambiental referímonos á redución da cantidade e calidade da auga potábel dispoñíbel, á perda das sementes que garanten a nosa seguridade alimentaria, á degradación da calidade do aire das nosas cidades, á cimentación de moitos dos solos máis férteis ou á súa erosión, á incapacidade de xestionar os nosos residuos sen contaminar solo, auga e aire… Mais, probabelmente, as tres caras desta crise ambiental máis impactantes para o ser humano sexan a perda masiva de biodiversidade, a mudanza climática e o pico dos combustíbeis fóseis.

Tras a perda masiva de biodiversidade escóndese a degradación das funcións ecosistémicas das que o ser humano se aproveita de forma gratuíta. Falamos da depuración das augas, da estabilización do clima, dos recursos pesqueiros, da fertilización do solo ou da produción de múltiples medicamentos.

Detrás do cambio climático está a perda de zonas costeiras polo aumento do nivel do mar, as dificultades crecentes de acceso a auga potábel, a diminución da produtividade de moitas colleitas ou a aparición máis frecuente de fenómenos meteorolóxicos extremos (vagas de frío ou calor, furacáns, etc).

O pico dos combustíbeis fóseis é o momento no que estes se tornan cada vez máis caros no mercado por quedar só aqueles de peor calidade (os pesados), máis difíceis de extraer (augas ultraprofundas, fractura hidráulica, areas bituminosas) e en menor cantidade como consecuencia de atravesar o seu pico máximo de extracción. O pico do petróleo estamos a atravesalo xa e, a continuación, virán o do gas e o do carbón. E falarmos de combustíbeis caros, moi caros, é falarmos de tremendos impactos sociais e económicos.

En resumo, xa non estamos nun «mundo baleiro» con moitos recursos por explotar e sumidoiros (vertedoiros) para os nosos refugallos. Agora, por primeira vez na historia da humanidade, estamos nun «mundo cheo» ou, mellor dito, «saturado», onde a clave non é a abundancia senón a escaseza.

A crise económica na que nos achamos está a tentarse saldar con «receitas de austeridade» baseadas en fortes recortes sociais que están empobrecendo amplas capas da sociedade e privando de dereitos conseguidos con moitas loitas sociais. Significan, en definitiva, unha maior explotación das persoas e a natureza para devolver unha débeda ao 1% máis enriquecido do planeta. Unha débeda que, para máis inri, non é nosa.

Tamén están sobre a mesa «receitas de crecemento» que perseguen aumentar o consumo para, con iso, reactivar a economía. Estas son as receitas sobre as que tamén asentan as tremendas desigualdades planetarias: consumismo para unha minoría á conta do traballo mal pago dunha maioría da poboación mundial.

Con todo ambas as receitas son receitas do pasado. Son receitas que podían ter algún sentido, aínda que fose macabro, cando o mundo estaba «baleiro». Agora xa non teñen ningunha validez e, canto máis tarde consigamos que deixen de se aplicar, peor será.

Non ten sentido apostar por devolver unha débeda que é impagábel cos recursos naturais existentes no planeta, pois as burbullas financeiras son moito máis grandes. Non ten sentido porque, simplemente, a súa devolución socavará, está socavando xa, os recursos que nos restan sen podermos sequera enxugala.

É irresponsábel pór todas as esperanzas en que o crecemento económico permitirá crear nova riqueza xa que non van volver anos de crecemento continuado. Conforme se reactive a economía, o prezo do petróleo encarecerase nos mercados internacionais e falar do prezo do petróleo é falar do prezo de todas as cousas. O noso mundo globalizado e financiarizado só pode funcionar con enerxía barata e abundante, dous aspectos que non van volver.

Por tanto dicimos que «ecoloxismo ou crise». Esta non é unha crise que poidamos resolver como as do pasado nin con olladas parciais. Estamos nun momento histórico radicalmente distinto a todos os precedentes. Necesitamos resolver de vez todo o problema: conseguirmos xustiza social garantindo, polo menos, a satisfacción universal das necesidades humanas mediante un novo sistema económico que non explote o planeta senón que estea en paz con el.

Esta nova economía ecolóxica e solidaria non hai que inventala pois xa está en funcionamento:

  • É a que se articula con moedas sociais que permiten o comercio a millóns de persoas en todo o mundo sen xerar débedas que obriguen a crecer continuamente.
  • É a que reparte o traballo socialmente necesario (tamén o de coidados) mediante medidas como a redución das xornadas laborais.
  • É a que crea institucións financeiras que só prestan se hai criterios ambientais e sociais.
  • É a que comprende que o transporte público, a reciclaxe, as enerxías renovábeis, a agricultura ecolóxica, necesitan máis persoas traballando que a industria do automóbil, as incineradoras e vertedoiros, as enerxías sucias e o agronegocio.
  • É a que aposta pola xestión colectiva e democrática dos sectores máis importantes da economía: enerxía, finanzas, auga…
  • É a que pon en contacto directo a quen producen en agroecolóxico ou pescan artesanalmente, e quen queren consumir a un prezo xusto para ambas as partes da cadea. Todo iso mediante un comercio de proximidade.
  • É a que sabe que apostar pola perdurabilidad é o único que ten sentido nun planeta exhausto: «reusar e reparar» fronte a «usar e tirar».
  • É a que pon os recursos colectivos ao servizo da reconversión socioambiental, non dos banqueiros.
  • É a que entende que hai que repartir a riqueza gravando máis a quen máis ten e impondo rendas básicas e rendas máximas.
  • En definitiva, é a que se compón de todos eses momentos da túa vida na que non buscaches o «máximo beneficio individual» senón a «satisfacción das necesidades colectivas».

Estamos a falar da economía que bole entre quen se organizan democraticamente para retomar o poder sobre as súas vidas e non só queren legar un planeta san ao futuro, senón gozalo no presente.