Para Ecoloxistas en Acción coa tramitación de hoxe no Senado do Proxecto de Lei de protección e uso sustentábel do litoral, remátase a Lei de Costas de 1988, unha lei fundamental na actual democracia, e con ela pérdese a protección da costa e gran parte do seu carácter público.

A Lei 22/1988, de 28 de xullo, de Costas é substituída por outra chamada Lei de protección e uso sustentábel do litoral que, en gran medida desprotexe o litoral e propicia grandes perdas de Dominio Público Marítimo Terrestre (DPMT).

As modificacións á antiga lei foron propostas aos poucos desde a toma de posesión do Ministro Arias Cañete. Inicialmente xustificáronse por opinar o Ministerio que a Lei de Costas producía inseguridade xurídica ao interpretar interesadamente un informe do Parlamento Europeo. Posteriormente apareceron modificacións carentes de xustificación científica ou ambiental (en Formentera establécese un tratamento diferencial da franxa en contacto co mar que se atopa dentro do deslinde do DPMT e as súas servidumes sen unha xustificación técnica para iso), modificacións feitas para intereses e instalacións con nome e apelido (deixa de ser DPMT urbanizacións xunto ao mar como Ampuria Brava…) e modificacións caprichosas e curiosamente para espazos cuxos propietarios son coñecidos (as salinas e marismas deixarán de ser DPMT se a auga entra con axuda do home…).

Tamén se propuxo a ampliación das actuais concesións no DPMT que pasan de 30 a 75 anos permitindo a privatización «de facto». Igualmente presentáronse modificacións que supoñen clara desprotección como que na costa pódense celebrar festas e eventos, pódese colocar publicidade, pódense conceder instalacións a chiringuitos por 4 anos, cada vez máis grandes e cada vez máis xuntos…

E por último presentouse a modificación máis perigosa en tanto que supón unha amnistía a todo o que burlou a Lei de Costas vixente até agora: vaise permitir que núcleos de poboación ou instalacións independentes situadas nos 100 m de Servidume de Protección do DPMT, claramente infractoras, non teñan que estar máis que a 20m do citado DPMT; é dicir, considéraselles como solo urbano por graza da nova Lei que propugna Arias Cañete.

Ecoloxistas en Acción manifesta o seu total rexeitamento á nova Lei de protección e uso sustentábel do litoral e indica, que todas as modificacións que presenta a respecto da Lei de Costas non teñen como fin nin a protección do litoral nin o seu uso sustentábel; trátase dunha lei acientífica, de claro contido ideolóxico que ten como punto de mira amnistiar a infractores da antiga lei, favorecer intereses particulares e coñecidos e favorecer a privatización e negocios nas nosas costas.

Se en España, malia a explosión do ladrillo, conseguírase salvar as praias e o DPMT da Lei do 88, agora verase a perda do carácter público, a privatización e a paulatina destrución do litoral.

Todo isto non ten a ver coa crise, é unha aposta ideolóxica e de destrución do conquistado como público polos españois e españolas.