A decisión de pechar liñas ferroviarias é un paso máis no desmantelamento do transporte público no Estado español. A rendibilidade emprégase como argumento para suprimir liñas accesíbeis á maioría da poboación. Mais, paradoxalmente, non se alude ao custo dos miles de millóns de euros investidos en liñas de alta velocidade, que non son rendíbeis na maior parte dos casos. Ecoloxistas en Acción lamenta que continúe o malgasto e a ineficiencia nun tren elitista como é o AVE, mentres se pechan liñas de tren convencional, socialmente máis accesíbel e cuns impactos ambientais moi inferiores.

Esténdese o panorama de trens ultrarrápidos e ultracaros baleiros, de estacións pantasma en cidades e vilas incomunicadas e sen estación. A intención do Ministerio de Fomento de pechar e reducir a oferta de liñas de tren convencional é a continuación da política de transporte iniciada hai dúas décadas, que sentencia de morte o ferrocarril convencional mentres aumentan de xeito insustentábel as liñas de alta velocidade. A moi cuestionábel honra de sermos o segundo país do mundo en quilómetros de vías ferroviarias de alta velocidade logrouse a golpe de débeda pública e malgasto.

As liñas ferroviarias de media distancia proporcionan un servizo básico para moitas poboacións rurais que ficarán aínda máis illadas cos peches anunciados hoxe. A única forma de desprazamento será por estrada, o que dificultará a vida daquelas persoas residentes no medio rural que non dispoñan de automóbil ou non poidan conducilo, por idade ou cuestión física. A substitución dos trens por autobuses suporá unha deterioración do servizo de transporte para os sectores máis vulnerábeis, e en ningún modo substituirá de igual maneira o servizo ferroviario convencional.

Emprégase o argumento de pechar os servizos de tren convencional que non son eficientes desde o punto de vista ambiental, económico e social, cando é a política de transporte a que provocou esa ineficiencia. Nas últimas décadas investíronse cantidades multimillonarias en construción e melloras de novas infraestruturas de alta velocidade, mentres o ferrocarril convencional quedou, pola contra, desatendido. Por iso, as liñas de tren de media distancia están cada vez máis obsoletas e funcionan peor.

Unha política de transporte que non só é inxusta en termos sociais (priorizando a vertebración entre grandes cidades e marxinando as pequenas poboacións rurais) e económicos (o AVE é inaccesíbel economicamente para unha gran parte da sociedade), senón que tamén incidiu nos problemas ambientais que causa o transporte: construción de infraestruturas, consumo enerxético e emisións de CO2.

Se a aposta fose polo tren convencional, a débeda pública sería hoxe varias veces inferior, a factura en consumo enerxético sería moito máis pequena (o transporte é o maior consumidor de enerxía primaria en España), as emisións de gases de efecto invernadoiro serían menores, o noso territorio estaría menos fragmentado e os nosos hábitats naturais menos deteriorados.

Resulta alarmante que os numerosos exemplos de ineficiencia e malgasto non leven a rectificar e apostar por unha nova política de infraestruturas que abandone a construción de novas liñas de AVE, obrigue a que o transporte por estrada asuma os custos reais polo uso e manutención da estrada e aposte polo tren convencional como o modo de canalizar os desprazamentos interurbanos.