Ecoloxistas en Acción sinala que o que está detrás da probábel intervención de EE UU e algún dos seus aliados en Siria non é o posíbel uso de armas químicas polo Goberno da al-Assad, senón desembarazarse dun inimigo na zona. O Goberno baatherista é aliado de Irán, Hezbolá e, en menor medida, Rusia. Ademais, a solución ao conflito sirio dista de ser unha intervención militar, o que cómpren son medidas para tranquilizar o conflito.

A organización pacifista lembra que a política de EE UU na rexión desde o estalido da Primavera Árabe foi contraditoria fronte ás revoltas populares. Por unha banda apoiou os intentos de derrocar os Gobernos que non lle eran funcionais (Libia, Siria). Por outro deu o visto e prace para que o seu principal aliado árabe (Arabia Saudita) axudase á represión das revoltas en lugares como Barhein e Iemen, situación que ademais permaneceu opaca aos grandes medios de comunicación. Finalmente, en países como Exipto financiou o exército, que foi o brazo executor último da caída de Mubarak e, posteriormente, do Golpe de estado. Deste xeito, o xigante americano no que non foi contraditorio foi na defensa dos seus intereses nesta rexión chave a través do apoio aos seus aliados e/ou da loita contra quen non lle seguen politicamente.

Por outro lado, o argumento do suposto uso de armas químicas por parte do réxime sirio soa demasiado similar ao das armas de destrución masiva usado para xustificar o ataque a Iraq unha década atrás. A organización ecoloxista condena o uso e a posesión destas armas, mais non só en Siria, senón tamén en EE UU e o Estado español. No caso español o centro principal de almacenamento e experimentación é o da Marañosa (na Comunidade de Madrid). Pola súa banda, EEUU usou municións incendiarias con fósforo branco e outras con uranio empobrecido en Iraq, ambas poden ser consideradas armas químicas.

Finalmente, está o argumento humanitario: a necesidade de parar unha guerra fratricida. Ecoloxistas en Acción súmase á urxencia de atinxir este obxectivo. Con todo discrepa en que a mellor forma de avanzar cara a unha Siria en paz sexa apoiando mediante un bombardeo aéreo a unha das partes en conflito. No mellor dos casos esa opción deixará un país dividido entre vencedores, vencidos e unha maioría da poboación, especialmente mulleres, que serán vítimas duns e outros.

Sempre que se chega a unha situación de confrontación bélica desde os poderes estabelecidos arguméntase que a única saída é o uso da violencia. Porén, antes deixáronse pasar anos sen pór en marcha imprescindíbeis medidas preventivas como unha educación e sanidade de calidade, unha redistribución da riqueza ou un empoderamento da sociedade.

Mesmo nas situacións de guerra aberta aínda son posíbeis medidas pacíficas que permitan unha saída menos cruenta ao conflito. Entre elas hai algunhas obvias como un embargo de armas, o despregamento de persoal mediador e de interposición, o apoio aos sectores sociais proclives a saídas pacíficas ao conflito ou o desvío do financiamento desde as organizacións contendentes ás que perseguen unha Siria pacífica. En definitiva trátase de usar a mesma lóxica que empregamos na nosa vida cotiá na que, perante unha pelexa, o que facemos é tentar separar aos contendentes.