PDF - 554.3 KB
[Informe] La calidad del aire en el Estado español durante 2012

Ao longo de 2012, o 94% da poboación respirou aire contaminado, de acordo aos valores recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Así se desprende dos datos recollidos en todo o Estado español e analizados por Ecoloxistas en Acción no seu informe anual.

O dato é coherente co recente estudo presentado pola Axencia Europea de Medio Ambiente, aínda que o que agora se presenta ofrece os datos máis recentes dispoñíbeis e analiza todas as localidades españolas. A situación é grave, pero mantense estábel por efecto da crise. O tráfico nas zonas metropolitanas segue sendo o principal axente contaminador do aire, mentres que as administracións públicas continúan sen tomar medidas proporcionais á gravidade do problema.

O estudo A calidade do aire no Estado español durante 2012 [1] analiza a calidade do aire que respira a práctica totalidade da poboación española durante 2012 (47 millóns de persoas en xaneiro dese ano). Os datos utilizados proveñen das redes de medición de contaminación autonómicas e foron facilitados polas administracións correspondentes. Trátase do estudo máis exhaustivo, máis actualizado e que máis datos analiza a nivel estatal.

Os contaminantes que provocan máis problemas de saúde son as partículas en suspensión (PM10 e PM2,5), o ozono troposférico (O3), o dióxido de xofre (SO2) e o dióxido de nitróxeno (NO2). Para a valoración da porcentaxe de poboación que respira aire contaminado tivéronse en conta todos estes contaminantes.

O informe toma como referenza, do mesmo xeito que en anos anteriores, os valores máximos de contaminación recomendados pola OMS, sensibelmente máis estritos que os límites legais fixados pola UE, e máis acordes cunha adecuada protección da saúde humana. Trátase da mesma metodoloxía de análise que adoptou por segunda vez a Axencia Europa de Medio Ambiente no seu recente informe de calidade do aire en Europa (presentado o 15 de outubro pasado), e que avala a metodoloxía empregada por Ecoloxistas en Acción desde hai anos.

Así pois, o informe conclúe que a poboación que respira aire malsán elévase até os 44,1 millóns de persoas. Isto é, un 94% da poboación.

Segundo os valores límite estabelecidos pola Directiva 2008/50/CE, que tamén se contemplan no informe, a poboación que respira aire contaminado por riba dos valores legais é de 17,3 millóns de persoas, un 37% do total. É dicir, máis dun de cada tres españois respira aire que infrinxe os límites legais.

A principal fonte de contaminación en áreas urbanas (onde vive a maior parte da poboación) é o tráfico rodado.

O ozono foi un dos contaminantes que máis incrementou a súa incidencia en 2012, mentres que outros declinaron lixeiramente, como o caso do dióxido de nitróxeno e as partículas en suspensión.

Seguindo a tendencia iniciada desde 2007, obsérvase unha certa diminución dos níveis de contaminación a respecto dos níveis daquel ano. Unha baixada que non é tanto o resultado de medidas planificadas, como de razóns conxunturais. A crise provocou a redución da mobilidade (o consumo de combustíbeis de automoción en 2012 foi un 20% inferior ao rexistrado en 2007), a diminución da actividade industrial e a evolución do parque automobilístico cara a vehículos máis pequenos e eficientes e, por tanto, menos contaminadores.

Ecoloxistas en Acción quere salientar que a contaminación do aire é un asunto moi grave: estudos da Comisión Europea cifran en 19.940 os falecementos prematuros ao ano no Estado español por esta causa [2]
. A Comisión Europea iniciou, en xaneiro de 2009, un procedemento de infracción contra España polo incumprimento da normativa sobre calidade do aire que está a piques de chegar ao Tribunal de Xustiza Europeo. Doutra banda, a OMS anunciou recentemente que incluirá o aire contaminado no grupo 1 –o máis alto da escala– de sustancias que provocan cancro.

A pesar diso, as administracións non están a tomar as medidas necesarias para solucionar este grave problema de saúde pública:

  • A información á cidadanía non é nin adecuada nin axustada á gravidade do problema.
  • Os Plans de Mellora da Calidade do Aire e os Plans de Acción para reducir esta contaminación, obrigatorios segundo a lexislación vixente, en moitos casos non existen, e noutros apenas si teñen efectividade por falta de vontade política. Estes plans son responsabilidade de Comunidades Autónomas e Concellos.
  • O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente aprobou hai uns meses o Plan Aire, mais apenas tivo desenvolvemento, por falta de vontade política.

Ecoloxistas en Acción lembra que as principais vías de actuación para reducirmos a contaminación do aire pasan pola diminución do tráfico motorizado, a redución da necesidade de mobilidade e a potenciación do transporte público (en especial o eléctrico). Cómpre ademais dar facilidades aos medios non motorizados nas cidades. Para mellorar o aire das zonas industriais a mellor estratexia é a adopción xeneralizada das mellores tecnoloxías industriais dispoñíbeis e a redución drástica da xeración eléctrica por centrais térmicas, e en particular das que utilizan carbón.

Notas

[1] O estudo realízase coa colaboración da Fundación Biodiversidade do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, no marco do proxecto «Seguimento e valoración das políticas de calidade do aire, auga, política agraria común, política pesqueira común e convenio internacional de biodiversidade».

[2] Dirección Xeral de Medio Ambiente, Comisión Europea, 2005: CAFE CBA: Baseline Analysis 2000 to 2020. pág 105