A Deep Sea Conservation Coalition (DSCC), na que participa Ecoloxistas en Acción, aplaude e dá a benvida ao apoio mostrado pola sociedade española á mellora do Regulamento Europeo de acceso ás poboacións de peixes de augas profundas do Atlántico nordeste, mediante o envío aos eurodeputados españois dunha declaración de apoio á proposta da Comisión Europea.

Así, un grande número de entidades conservacionistas, científicos, pescadores artesanais, deportistas e profesionais vinculados co mar sumáronse á petición que reclama unha mellora sen dilación da nova normativa de acceso a especies de augas profundas, que deberá ser votada na sesión plenaria do Parlamento Europeo do mes de decembro.

Nesta liña, a declaración envíada aos eurodeputados e eurodeputadas pide que se remate coas prácticas de pesca destrutivas e que se deixe de pescar de xeito non sustentábel estas poboacións e ecosistemas tan fráxeis.

A proposta europea de mellora da xestión das pesqueiras de augas profundas será votada en pleno no Parlamento Europeo o próximo 10 de decembro.

Declaración de apoio: Protexer as augas profundas ante a pesca destrutiva

Os abaixo asinantes representamos o público concernido e preocupado e agrupamos a pescadores artesanais, organizacións ambientais e a prol do desenvolvemento, así como outras partes interesadas. Partillamos un interese común por restabelecer as poboacións de peixes de augas profundas de Europa e garantir a conservación a longo prazo dos ecosistemas de augas profundas. Para ese efecto, apoiamos a prevención de impactos adversos sobre os ecosistemas de augas profundas, que pode conseguirse en gran parte eliminando de forma progresiva as prácticas pesqueiras destrutivas e esixindo a realización de avaliacións de impacto para todas as pesqueiras de augas profundas.

A Unión Europea (UE) ten unha das frotas pesqueiras de augas profundas máis grandes do mundo. Existen abundantes probas de que a pesca de arrastre de augas profundas danou de forma significativa os ecosistemas de augas profundas, incluíndo arrecifes de coral, xardíns de esponxas e montes mariños, e provocaron graves descensos nas poboacións de peixes de augas profundas. Instamos os responsábeis da toma de decisións da UE a que adopten un papel firme e construtivo a favor da protección dos ecosistemas de augas profundas dentro e fóra das augas da UE.

Queremos un mandato claro por parte dos responsábeis da elaboración de políticas da UE para a xestión sustentábel dos recursos de augas profundas. Até a data, a lexislación promulgada polos Estados membros da UE resultou insuficiente para protexer os ecosistemas mariños vulnerábeis da contorna de augas profundas perante os efectos adversos das artes de pesca destrutivas, principalmente as artes de arrastre de augas profundas. A pesar da introdución de nova normativa para pór freo á sobrepesca, as poboacións de peixes de augas profundas están nun grave estado de esgotamento no Atlántico Nordeste e a captura da maioría de especies segue sen estar regulada [1].

Congratulámonos pola proposta feita pola Comisión Europea o 19 de xullo de 2012 para reformar o réxime de acceso a augas profundas, e máis concretamente pola disposición que esixe unha eliminación progresiva do arrastre de fondo e enmalle de fondo para especies de augas profundas dentro dun prazo de dous anos [2]. A proposta integra adecuadamente os compromisos de protexer a contorna de augas profundas contraídos pola UE durante a última década na Asemblea Xeral de Nacións Unidas e na Cimeira da Terra Río +20, celebrada en xuño de 2012 [3]. Instamos ao Consello da UE e aos Deputados do Parlamento europeo a que respecten os devanditos compromisos prestando apoio á proposta da Comisión e garantindo a revisión das pesqueiras de augas profundas da UE.

Tamén apoiamos a actual proposta que permite que sigan pescando de forma sustentábel e rendíbel na contorna de augas profundas os pescadores artesanais que utilizan métodos e artes de pesca selectivos para capturar especies obxectivo a uns niveis que non exceden o recomendado nos ditames científicos. Os pescadores artesanais contribúen de forma importante ao mantemento do tecido social, económico e cultural das comunidades costeiras da UE nalgunhas das rexións máis periféricas e dependentes da pesca de augas profundas da UE.

Pedimos aos responsábeis da toma de decisións da UE que adopten un novo regulamento para a xestión da pesca de augas profundas no Atlántico Nordeste que:

  • Acabe coas prácticas pesqueiras destrutivas mediante a eliminación progresiva obrigatoria da pesca de arrastre de fondo e de enmalle de fondo para as especies de augas profundas nun período de dous anos;
  • Esixa avaliacións de impacto previas para todas as pesqueiras de augas profundas;
  • Asegure que a pesca se permite unicamente se as capturas, incluíndo as capturas accesorias, poden limitarse a niveis sustentábeis sobre a base dunha comprensión científica clara das especies sobre as que inflúe a actividade pesqueira, e se as pesqueiras de augas profundas se xestionan de forma que se minimice ou evite a captura de especies vulnerábeis, ameazadas ou en perigo de extinción;
  • Garanta que todas as pesqueiras de augas profundas se xestionan para evitar efectos adversos sobre ecosistemas vulnerábeis de augas profundas, por exemplo, os dos corais de augas profundas, as esponxas ou os montes mariños.

[1] CIEM. 2010. Status of fish stocks managed by the Community in the Northeast Atlantic [Situación das poboacións de peixes xestionadas pola Comunidade no Atlántico Nordeste]. Libro11.

[2] Proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello polo que se estabelecen condicións específicas aplicábeis á pesca de poboacións de augas profundas no Atlántico Nordeste e disposicións relativas á pesca en augas internacionais do Atlántico Nordeste, e derrógase o Regulamento (CE) nº 2347/2002. Bruxelas, 19.7.2012 COM(2012) 371 final 2012/0179 (COD).

[3] ONU-GA Resolucións 61/105 (2006), 64/72 (2009) e 66/88 (2011). Resolucións sobre pesqueiras sustentábeis, incluíndo o Acordo de 1995 sobre a Aplicación das Disposicións da Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar do 10 de decembro de 1982 relativas á Conservación e Ordenación das Poboacións de Peixes Transzonais e as Poboacións de Peixes Altamente Migratorios e instrumentos relacionados. Asemblea Xeral de Nacións Unidas.