Ecoloxistas en Acción considera que os obxectivos da UE para 2030 en materia de emisións, anunciados hoxe, son claramente insuficientes e afastados das recomendacións científicas. Ademais, estabelecer un obxectivo de só un 27% para as enerxías renovábeis, e non anunciar un novo obxectivo obrigatorio para a eficiencia enerxética, demostra que a UE vive de costas á urxente encrucillada climática en que nos atopamos. As enerxías fóseis seguirán xogando un papel dominante con efectos moi negativos. Alén diso, a Comisión renuncia a estabelecer un marco regulatorio vinculante para o fracking, antepondo os intereses das empresas gasísticas á protección da saúde e o medio.

No paquete de medidas, a UE estabelece un obxectivo (que deberá ser ratificado polos xefes de Estado) do 40% de redución das emisións para 2030 (a respecto dos niveis de 1990), aínda que as presións dalgúns países poderían facer que ese obxectivo se reducise até o 35% ou mesmo menos. Porcentaxes moi por baixo do 50-60% de redución que se tería que atinxir até 2030, segundo os cálculos do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC). Os científicos advirten de que as emisións deben alcanzar o seu máximo no 2020 para evitarmos un quecemento superior a 2 graos, máis aló do cal os efectos da mudanza climática volveranse catastróficos e irreversíbeis. Con medidas timoratas e irrisorias como as anunciadas hoxe pola Comisión este reto faise inalcanzábel.

Ademais, no anuncio de hoxe non se estabelecen obxectivos por Estados na implantación de enerxías renovábeis ou de eficiencia enerxética. A Unión Europea consome demasiada enerxía, a maior parte de orixe fósil (o 75%), e importada (máis do 50%), unha situación que a fai fortemente dependente dos prezos internacionais das materias primas, que non paran de medrar. Reducir o consumo de enerxía, fundamentalmente de fontes fóseis, é un imperativo, non só na loita contra as alteracións climáticas, se non ademais para lograrmos unha economía independente e sustentábel.

Son xa moitos os estudos que mostran os beneficios económicos e sobre a saúde da poboación e do ambiente de apostarmos por unha economía baixa en carbono, mais os intereses dunha industria que se resiste á mudanza están a pesar nas decisións políticas que deben tomarse para lograr obxectivos ambiciosos neste ámbito.

Coa súa renuncia a regular o fracking, a Comisión abre as portas a unha técnica extractiva que implica graves riscos e enfróntase á oposición social. Permite que se invistan recursos que deberían destinarse a medidas de aforro, eficiencia e renovábeis, as únicas ferramentas válidas para a loita contra o cambio climático e a sustentabilidade.

O mercado de carbono -isto é, a compra venda de dereitos de emisións- é outra das ferramentas que se mostraron ineficaces na loita contra a mudanza climática. Con todo, a UE insiste no seu desenvolvemento, xunto co do mercado interior da enerxía, a pesar de que o libre mercado é incapaz de lograr un desenvolvemento sustentábel, xusto e equitativo, con obxectivos a longo prazo.