A xestión forestal dos montes debe avanzar cara á substitución de masas repoboadas de piñeiros e eucaliptos por especies autóctonas para evitar os grandes lumes, como lembra Ecoloxistas en Acción ao comezo dunha época estival marcada polo perigo de incendios forestais. Esta advertencia é especialmente relevante á vista dos plans nalgunhas provincias e comunidades autónomas e do aumento de lumes no primeiro semestre de 2014.

No primeiros seis meses do ano os lumes rexistrados foron 4.930, case o dobre dos rexistrados no mesmo período de 2013 (2.783). A superficie forestal afectada foi de 24.336 hectáreas, fronte ás 9.152 hectáreas de 2013. A reformulación da xestión forestal segue a ser unha tarefa pendente. Mentres tanto, en lugares como Asturias discútese sobre novas repoboacións con especies alóctonas, especialmente propensas a arderen.

As principais responsábeis dos lumes son as persoas que accidental ou intencionadamente os provocan. Mais non é casualidade que a superficie arborada máis afectada polos incendios forestais na década 2001-2010 fose de Piñeiro bravo (Pinus pinaster), cun 26,97%, de Eucalipto común (Eucalyptus globulus), cun 13,89%, e de Piñeiro carrasco (Pinus halepensis), cun 11,02%. En troques, a aciñeira (Quercus ilex), cuxas formacións ocupan unha maior superficie, rexistra unha porcentaxe de superficie queimada desta especie moito menor, do 7,59%.

Boa parte dos grandes incendios (é dicir, os que afectan a máis de 500 hectáreas) prodúcense sobre zonas de piñeiral repoboado e eucaliptos, mentres que de cando en cando prodúcense grandes incendios en bosques maduros autóctonos. Isto débese a que as quercíneas resisten mellor o avanzo do lume, axudan a extinguilo, e, á vez, rexenéranse mellor do lume. Os piñeirais, pola contra, alimentan o lume coa resina das árbores e, ademais non rebrotan, agás no caso do piñeiro canario. O mesmo ocorre con outras especies alóctonas, como os eucaliptos, que teñen unha alta propensión a arder.

A problemática ten un claro exemplo en Galicia, onde máis dun terzo da superficie está ocupada por repoboacións con piñeiros e eucaliptos. A alta frecuencia de incendios está relacionada, en parte, coa substitución realizada da vexetación autóctona nesa comunidade.

Na conxuntura climática actual, con temperaturas e secas en aumento, é preciso introducirmos paulatinamente especies arbóreas autóctonas dentro das masas forestais de piñeiros e eucaliptos, para que actúen de devasas, tal e como recoñece o propio Ministerio de Medio Ambiente.

Baixo ningún concepto deberíanse autorizar novas plantacións destas especies nos nosos montes. Ao contrario, débese favorecer a conversión dos monocultivos forestais de piñeiro e eucalipto en bosques mixtos, para favorecer o aumento da biodiversidade nos devanditos cultivos, reducir os incendios e eliminar un dos principais motivos de perda de biodiversidade nos nosos montes.