O futuro dos nosos peixes e o escenario actual da pesca no Atlántico

Todas as versións deste artigo : [Castellano] [Galego]

Este xoves día 17 de marzo, Ecoloxistas en Acción puido achegar o seu gran de area para aumentar a difusión da xestión pesqueira entre os asistentes a estas xornadas de educación ambiental que o Grupo Naturalista Hábitat convoca habitualmente.

O obxectivo principal do encontro foi o de divulgar os principais fitos da reformada Política Pesqueira Común (PPC) entre os asistentes e dar a coñecer as repercusións que estes poden ter sobre o sector pesqueiro. Entre os contidos tratados déuselle unha especial atención á regulación de Totais Admisibles de Captura (TAC) e á conflitiva repartición de cotas de pesca entre as frotas operativas. Sobre este asunto, a responsable de pesca de Ecoloxistas en Acción Lucía Martínez sostivo que “segundo os resultados das negociacións do pasado mes de decembro, en 2016 continuaremos cunha xestión cortopracista das pesqueiras na que se priorizan os beneficios económicos inmediatos fronte á protección das especies. Case 2.800 embarcacións de artes menores desapareceron entre os anos 2006 e 2014. Coa recuperación das poboacións e unha repartición xusta das posibilidades de pesca, beneficiaríanse numerosas comunidades”.

Durante o encontro, a Confederación aproveitou a oportunidade e explicou o traballo que está a desenvolver para apoiar a campaña “Acabar coa sobrepesca nas augas noroccidentais de Europa”. Neste sentido, Lucía Martínez declarou que “seguimos loitando para poñer fin á sobrepesca. O noso obxectivo é lograr a óptima implementación da reformada PPC e, dese modo, restaurar as poboacións explotadas a uns niveis sustentables”.

Doutra banda, e para complementar os contidos destes “Encontros Naturalistas”, as xornadas ofreceron un exhaustivo repaso ás principais ferramentas e consellos que os consumidores deben ter en conta para practicar un consumo responsable dos produtos do mar. A elección de peixe de tempada, de orixe local e proveniente de artes de pesca de baixo impacto son os tres factores crave que se sinalaron neste taller.




Visitantes conectados: 300