O Estado español non logrará deter a perda de biodiversidade para 2020

Todas as versións deste artigo : [Castellano] [Galego]

[Informe] Revisión intermedia del cumplimiento de la Estrategia Europea de Biodiversidad

Ecoloxistas en Acción presenta un informe sobre o cumprimento a nivel estatal da "Estratexia da UE sobre a Biodiversidade até 2020" que demostra que das 37 accións estabelecidas na estratexia as administracións españolas só implementaron correctamente unha. Esta organización reclama un drástico cambio de rumo e tomar medidas urxentes para lograr o obxectivo de frear a perda de biodiversidade en 2020.

En 2011 os xefes de Estado ou de Goberno de todos os países da Unión Europea aprobaron o obxectivo de "deter en 2020 a perda da biodiversidade e a degradación dos servizos ecosistémicos da UE, e restauralos na medida do posíbel, incrementando ao mesmo tempo a achega da UE á loita contra a perda de biodiversidade mundial”. Para iso, aprobaron a Estratexia da UE sobre a Biodiversidade até 2020.

Ecoloxistas en Acción analizou o nivel de cumprimento desta estratexia a metade de período para identificar as áreas nas que cómpre facer maiores esforzos e elaborou unha serie de propostas que permitirían atinxir o obxectivo.

Segundo a análise realizada, das 37 accións estabelecidas na estratexia da UE sobre a biodiversidade, o Estado español implementou completamente só unha actuación, a correspondente á sinatura do Protocolo de Nagoya, relacionado cos recursos xenéticos. Outras 14 accións teñen importantes atrasos na súa implementación e posibelmente non se completarán antes de 2020. Entre elas salientan a posta en marcha de plans de xestión para todos os lugares Rede Natura, a mellora dos pagamentos directos da PAC (Política Agraria Común) e a xestión das pesqueiras.

As restantes 22 accións están sen implementar, o que quere dicir que as administracións españolas non adoptaron medidas eficaces para o seu cumprimento. Entre elas cabe destacar precisamente algunhas das medidas mais importantes da estratexia: a integración da biodiversidade nas políticas sectoriais, a loita contra as especies exóticas invasoras e a redución das causas indirectas da perda de biodiversidade.

Isto demostra o escaso nivel de atención prestado polas administracións españolas á estratexia europea sobre a biodiversidade. A pesar dalgúns avances (como a recuperación de especies emblemáticas ou a redacción de plans de xestión para os lugares Natura 2000), os espazos protexidos non melloraron en xestión ou financiamento e a biodiversidade non se integra nas principais políticas sectoriais como agricultura, pesca, transporte ou enerxía. Non se están reducindo as principais ameazas directas da biodiversidade: cambio climático, contaminación, sobreexplotación dos ecosistemas, especies exóticas invasoras e degradación e perda de hábitats. E o que é aínda máis preocupante, non se abordan en absoluto as causas subxacentes da perda de biodiversidade (identificadas no Convenio sobre a Diversidade Biolóxica), como o comercio internacional ou o actual modelo económico baseado na sobreeexplotación de recursos e o consumo excesivo.

É evidente que, a pesar dalgunhas melloras, o Estado español non está a realizar avances globais significativos para cumprir o obxectivo previsto. A destrución da biodiversidade non só continuou no noso país, senón que se acelerou, con evidentes consecuencias sobre a capacidade dos ecosistemas para satisfacer as necesidades dos seres vivos no futuro.

Accións para unha necesaria mudanza de rumo

Para lograr que o Estado español cumpra cos compromisos incluídos na estratexia europea sobre a biodiversidade e teñamos a oportunidade de deter a perda de biodiversidade en 2020, Ecoloxistas en Acción considera imprescindible a adopción destas cinco medidas:

  1. Renunciar ao obxectivo de crecemento económico duradeiro e non supeditar a conservación da biodiversidade aos ciclos económicos.
  2. Condicionar todas as políticas sectoriais ao obxectivo de deter a perda de biodiversidade, nomeadamente as políticas de transporte, enerxía, agricultura, pesca e turismo.
  3. Reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro (incluíndo límites na utilización da enerxía e o transporte) e investir en medidas de mitigación e adaptación á mudanza climática compatíbeis coa conservación da biodiversidade.
  4. Aprobación dun plan de emerxencia para deter a perda de biodiversidade en 2020 que incorpore medidas concretas para cumprir os compromisos da "Estratexia da UE sobre a Biodiversidade até 2020" e das Metas de Aichi do Convenio sobre a Diversidade Biolóxica.
  5. Presionar a Unión Europea para priorizar a conservación da natureza nas políticas agrarias, pesqueiras e comerciais da UE.