A caza impacta contra o equilibrio natural e a economía rural

Todas as versións deste artigo : [Català] [Castellano] [Galego]

  • Ecoloxistas en Acción elaborou un informe sobre o impacto da caza no Estado español, onde desagrega documentadamente os graves prexuízos que esta actividade está a producir no medio natural e que alcanza aspectos ambientais, de benestar animal, económicos e sociais.
  • A caza en España, lonxe de ser unha actividade que contribúa ao equilibrio natural, é o factor que xera moitos dos problemas que logo o sector cinexético se ofrece a solucionar, sen éxito en ningún caso.
[Informe] El impacto de la caza en España

Ecoloxistas en Acción elaborou o informe "O impacto da caza en España" no que, a través dunha revisión de 80 publicacións científicas, técnicas e divulgativas, analiza os principais aspectos que definen o desenvolvemento desta actividade e valórase documentadamente o profundo e negativo impacto que crea no equilibrio natural, a biodiversidade, o benestar animal e o desenvolvemento rural.

A caza no Estado español afecta ao 80% do territorio e se debate entre dous modelos de xestión: un de perfil máis popular, de coutos de carácter social, e outro de carácter comercial, destinado á explotación turística. Ambos os dous modelos, aínda que máis acusadamente o segundo, tenden cada día máis á intensividad e á transformación da caza nun mero aproveitamento gandeiro baseado na solta de animais criados en granxas, na achega artificial de alimento e na implantación de infraestruturas que cada día fragmentan máis os espazos naturais e obstaculizan o desenvolvemento de actividades de lecer e ecoturísticas. Algúns datos ofrecidos polo informe son elocuentes sobre o que é e o que prexudica a caza en España.

Canto ao cumprimento da lexislación, o mundo da caza mantense en permanente rebeldía coas directivas europeas e as leis estatais e autonómicas. É manifestamente refractario a deixar de lado ningún tipo de práctica cinexética por perniciosa que esta for. Contabilizáronse máis dunha vintena de modalidades de caza contrarias á normativa. Entre elas están os exemplos do parany, do silvestrismo, das tiradas de pichón, de paspallás, de faisán ou de acuáticas, do uso de chumbo, da caza de especies exóticas e invasoras, do control de predadores, da caza de perdiz con reclamo, da media veda da rula, da caza nos parques nacionais ou noutros espazos protexidos, da caza do lobo ou da caza fóra de tempada.

Canto á xestión e a esa imaxe que o lobby cinexético quere proxectar de favorecer o equilibrio ecolóxico, fica patente –e subscríbeno numerosos estudos científicos e mesmo algunha sentenza do Tribunal Supremo– que, lonxe de contribuír a iso, o que fai a caza é exactamente ao contrario. Co agravante, ademais, de que en moitos casos os cazadores ofrécense a solucionar, con nulo éxito, os problemas que eles mesmos crean.

Así, por exemplo, están a fomentar o incremento das poboacións de xabaril e de cervo a través de soltas e a instalación de comedeiros. Foron os causantes da entrada de especies invasoras que son alleas aos nosos ecosistemas, como o arruí ou o muflón. Mediante soltas descontroladas contribuíron e contribúen á contaminación xenética de especies como a perdiz vermella. Ou xeran fortes desequilibrios, favorecendo o incremento de depredadores oportunistas, mediante as soltas masivas de especies de caza menor.

Fronte a iso, cando se pon á caza ao servizo do chamado control de poboacións, sexa na circunstancia que for, fracasa estrepitosamente. Así ocorreu e ocorre co xabaril en toda a península, co cervo nos parques nacionais e outros espazos naturais, co arruí nas zonas onde está introducido e co coello nos lugares onde produce dano nos cultivos.

Esta situación ten unha explicación que partillan mesmo os tribunais. Como ben sinala nos seus argumentos a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo, na sentenza 637/2016 que dá a razón ás organizacións ecoloxistas no seu recurso fronte ao Real Decreto 630/2013 sobre Especies Exóticas Invasoras: "Está na natureza das cousas que a caza e a pesca, lonxe de servir aos fins de erradicación das especies catalogadas [como exóticas e invasoras], máis ben determinan o seu mantemento indefinido, cando non a agravación, do status quo actual, dificultando, se non facendo imposíbel, a súa erradicación, que é un obxectivo inequívoco da LPNB". É dicir, como testemuñan diversos estudos, a caza non serve para o manexo ordenado de poboacións, pois no seu ADN está o mantemento e promoción das especies que son do seu interese.

No que atinxe á contribución económica cómpre salientar que a caza se xera actividade é, sobre todo, a través do diñeiro negro. Algo que recoñeceu o propio sector, que chegou a cifrar en dous terzos, sobre un total duns nove mil millóns de euros, o volume de negocio que escapa ao control legal.

[Folleto] 7 verdades sobre el impacto de la caza en España

Por outra banda, a práctica cinexética prexudica cada día máis ao resto de actividades de aproveitamento, lecer e turismo que se desenvolven no medio natural. Molesta e pon en perigo as persoas e xera obstáculos legais ou físicos para limitar o seu desenvolvemento. E iso ocorre cando xa está demostrado, a través dun recente estudo elaborado nunha das comunidades autónomas de maior actividade cinexética como é Andalucía, que as actividades de autoconsumo ambiental, uso recreativo e conservación da biodiversidade ameazada son máis rendíbeis que a caza en termos económicos (Campos et al. 2014).

Ecoloxistas en Acción, alén de divulgar este estudo e o documento informativo "Sete verdades do impacto da caza en España", trasladará estes textos ás institucións europeas e estatais, incluídos os grupos políticos, para que o teñan en consideración á hora de abordaren o futuro desta actividade.


xullo do 2017 :

xuño do 2017 | agosto do 2017



Visitantes conectados: 588