Os abusos tarifarios encarecen a factura da luz marcando prezos record

Todas as versións deste artigo : [Català] [Castellano] [Galego]

  • As condicións meteorolóxicas non son a causa atrás do encarecemento da luz, senón unha mala regulación do sector.
  • A redución de consumos innecesarios, o autoconsumo e a mellora da eficiencia enerxética son as chaves que permiten aforros significativos.

O prezo da luz durante esta semana situouse por riba dos 95 euros por MWh. Segundo as palabras do ministro de Enerxía, Álvaro Nadal, a falta de auga e de vento e o consumo de Francia debido ao parón nuclear están detrás deste aumento tarifario. Con todo, cómpre sinalar unha vez máis que non son as condicións meteorolóxicas as que máis peso teñen nesta suba do prezo. É a mala regulación do sector enerxético que desde 1997 segue favorecendo a un oligopolio eléctrico que, perante a situación actual e a pasividade do regulador, comete abusos tarifarios.

A auditoría real dos custos enerxéticos é unha das demandas que a sociedade civil reivindicou durante anos e que segue desatendéndose polo lexislativo. Nun mercado marxinalista onde a última enerxía que entra no sistema é a que marca os prezos permítese ás grandes compañías eléctricas decidiren cal será esa enerxía e por tanto o prezo final. Así, obtéñense beneficios millonarios, como é o caso da enerxía nuclear que, tendo un custo inferior a 20 euros por MWh recibe de media entre 50 e 60 euros, única razón que xustifica o temerario alongamento da súa vida útil.

Un enorme lucro que se suma ao financiamento que recibiron tradicionalmente as empresas enerxéticas, os 3.500 millóns de euros de Custos de Transición á Competencia que se embolsaron, ou os continuos pagamentos por capacidade que premian as tecnoloxías máis obsoletas. Ademais, hai que ter en conta a bolsa que se introduce na lei de 1997 destinada a pagar as amortizacións das centrais de carbón, hidráulicas e nucleares.

Por iso, Ecoloxistas en Acción sinala que é necesario eliminar os beneficios caídos do ceo que reciben as grandes eléctricas, ás que, aínda en situacións de emerxencia como a vaga de frío, permíteselles seguir duplicando e triplicando o prezo real da electricidade. É fundamental abordar no cadro dunha lei orgánica de cambio climático e transición enerxética a eliminación do actual sistema de tarificación. Neste sentido, as renovábeis, o autoconsumo e a mellora do illamento das vivendas son pezas chave para reducirmos a nosa factura nun mundo co prezo dos combustíbeis fósiles en continuo crecimento. O desenganche das empresas do oligopolio eléctrico en favor das cooperativas de enerxía verde é o primeiro paso que, como cidadanía, podemos dar para esixirmos o cesamento destes abusos tarifarios.

Por último e máis importante, debemos lembrar que estes incrementos se ensañan especialmente cos sete millóns de españois que xa teñen dificultade para pagar o recibo da luz ou que xa están en situación de pobreza enerxética, sen que existan a día de hoxe medidas efectivas que eviten os cortes de subministración de luz, auga e calor ás familias vulnerábeis de todo o Estado español.

Explicación do sistema tarifario

Instalacións xa amortizadas con diñeiro público

O sistema de fixación do prezo da electricidade en España está determinado pola Lei do Sector Eléctrico de 1997, (Lei 54/1997 de 27 de Novembro; BOE A – 1997 – 25340), que introduciu o Goberno de José María Aznar mudando drasticamente a anterior regulación.

O punto de partida de maior incidencia nos resultados sociais, e doutro tipo, é unha poxa dos prezos de xeración propostos polas empresas todas as noites, para o día seguinte e que se dividen en fraccións de media hora, 48 medias horas ao longo do día. É un esquema pensado para as centrais que se asumen son de réxime ordinario: hidráulicas, carbón, nucleares e ciclo combinado.

Esa mesma Lei introduce a formación dunha bolsa para con ela pagar a amortización das instalacións que entraron en operación antes de 1997. Son basicamente: as centrais hidráulicas, as de carbón e as nucleares. Esa bolsa foi xestionada polas empresas eléctricas e o sistema financeiro de tal modo que xa desde hai anos, antes de 2011, todas esas instalacións atópanse amortizadas.

A poxa de xeración debera recibir valores asociados aos custos variábeis de xeración para as diferentes centrais, que desde as empresas propóñense aos operadores do sistema eléctrico. A poxa resólvese co prezo de corte, de cada fracción de media hora, entre a demanda prevista e a suma das ofertas, ese prezo aplícase a todas as instalacións que operen a esa hora, aínda que a súa oferta sexa de moito menor prezo.

As centrais hidráulicas, de carbón e nucleares, xa amortizadas, resultan claramente beneficiadas nesta poxa. Por exemplo, calquera central nuclear ten un custo variábel inferior a 20 €/MWh e de media recibiu entre 50 e 60 € por MWh; este inxente beneficio é a razón atrás do seu alongamento de vida por riba dos 40 anos previstos no seu deseño.

As novas centrais, en operación posterior ao ano 1997, en particular as de ciclo combinado, deberían ofertar en función dos seus custos variábeis, fundamentalmente o custo do gas natural consumido, e o maior pago que obtivesen na poxa debera permitir a realización da amortización das mesmas. É un punto que non fica nada claro na súa concepción.

Poxa de xeración eléctrica a mediados de xaneiro de 2017

Nesta semana de mediados de xaneiro de 2017 está a producirse unha situación atípica de prezos, da cal se fan eco os medios de comunicación. No día 18 de xaneiro, os valores de poxa fixáronse entre 67,5 €/MWh, horas vale, e 95,11 €/MWh, moi por encima dese valor medio antes citado de 60 €/MWh. Véxase a figura nº 1.

Figura nº 1.- Preciso do mercado diario de electricidade o día 18 de xaneiro de 2017.

Podémonos preguntar se sucedeu algo raro e houbo que recorrer a enerxías non previstas en cantidades significativas, e se o combustíbel utilizado nesas centrais atopábase en niveis de prezos moi elevados.

Na figura nº 2 móstrase a curva de demanda eléctrica peninsular ao longo dese día 18 de xaneiro. É bastante convencional. Parámonos na hora vale, 4 horas e 10 minutos para vermos a desagregación de fontes. Atopámonos co feito de que dúas fontes xa amortizadas, carbón e nuclear supoñen nesa hora o 46 % da xeración, van recibir un moi bo prezo; logo, ás horas punta, será mellor, recibirán ao redor dos 90 €/MWh.

Figura nº 2.- Curva de demanda eléctrica en España Peninsular o día 18 de xaneiro de 2017. Para vermos o círculo da desagregación da xeración, á dereita da figura, é preciso entrarmos na páxina web de Rede Eléctrica de España e seguirmos a curva diaria co cursor.

A xeración eólica, que está incluída no réxime especial, non no ordinario, participa a esa hora, das 4,10, cun 36,4 % da total. Este día o seu esquema de recepción de pagos suporálle un bo día desde o punto de vista económico. Algo parecido ocorre coa coxeración, tamén concepto incluído no réxime especial.
As centrais de ciclo combinado compran gas natural de orixe foránea, mais este non ten agora un prezo especialmente elevado, e ademais nesa hora, das 4,10, só participan nun 4,1 % da produción total de electricidade. Non parece que este apartado xustifique esa subida de prezos de poxa.




Visitantes conectados: 654