25 anos de AVE, nada que celebrarmos

Todas as versións deste artigo : [Castellano] [Galego]

Pasaron 25 anos desde que se inaugurou a liña AVE Madrid-Sevilla, a primeira deste tipo no noso territorio. Unha etapa caracterizada pola construción sen freo das infraestruturas requiridas para estes trens, e como contraparte, o abandono do resto da rede ferroviaria, peche de liñas, recorte de servizos e emprego. Por tal motivo varias organizacións sociais, entre elas Ecoloxistas en Acción, convocan dous días de accións e mobilizacións para reclamaren unha nova política ferroviaria que priorice as persoas e o ambiente.

Nos 25 anos que pasaron desde que se inaugurou a liña AVE Madrid-Sevilla, o Estado español situouse como o segundo do mundo en número de quilómetros de alta velocidade, avantaxado só por China. Un despregamento inaudito (2.500 quilómetros) que só foi posíbel á custa de miles de millóns investidos cada ano e de enormes impactos ambientais para a construción das vías.

Este investimento público serviu para dispor dunha rede de trens accesíbel só ás persoas con maior poder adquisitivo e para conectar entre si só a unhas poucas e grandes cidades. A rede ferroviaria do AVE traslada ademais a moi pouca xente se se compara cos outros países de referencia neste tipo de trens: uns seis pasaxeiros menos por quilómetro que Francia e 11 veces menos que Xapón ou Corea do Sur. Unha infrautilización que fai dubidar de que a enorme débeda pública que engrosa todo este despregamento poida amortizarse algún día.

Parece por tanto demostrado que os grandes mitos que xustificaron a expansión do AVE, tais como ‘modernidade, ‘velocidade’, ‘crecemento económico’, ‘sustentabilidade ambiental’ ou ‘xeración de emprego’, non foron máis que unha cortina fume tras a que se ocultaron a corrupción ou a débeda pública. Esta expansión xerou ademais a deterioración do resto da rede ferroviaria, á que se abandonou en termos de investimento e priorización política.

Os privilexios do AVE sufríronos o resto de trens mediante recortes en servizos, peche de liñas (entre elas os trens nocturnos) e estacións, e perda de emprego. Unha das consecuencias foi a expulsión dunha boa parte das persoas usuarias cara á estrada, ao non disporen de alternativa ferroviaria atractiva e/ou accesíbel economicamente, o cal aumentou a insustentabilidade ambiental do noso sistema de transportes.

Con todo, baseándose nos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) e os comentarios do actual Ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, semella que se mantén a mesma liña de actuación. Así, no OXE de 2016 destináronse aínda 3.500 millóns para a construción de novas liñas AVE e apenas 150 millóns para novas liñas de trens de proximidade.

A pesar de que os trens de proximidade moven ao longo do ano 15 veces máis persoas viaxeiras que o AVE, todo o orzamento de Renfe é de só 600 millóns ao ano, é dicir, cinco veces menos que o investimento destinado ás novas liñas do AVE.

Estas medidas van en detrimento dos beneficios sociais e dos compromisos ambientais; entre eles, o do Acordo de París e a necesidade urxente de reducir as emisións causadas polo transporte. Encamiñarnos cara a estes obxectivos tería que pasar por ter máis e mellores trens, non pola súa deterioración premeditada. Unha deterioración que á súa vez desconecta o mundo rural e desvertebra o territorio do medio de transporte máis sustentábel que existe na actualidade.

O mal estado da rede ferroviaria e a ameaza de novos recortes está tamén levantando protestos sociais en todo o Estado español. Diversas plataformas cidadás e organizacións sociais están a demandar a mellora dos servizos públicos ferroviarios polas súas enormes vantaxes ambientais, económicas e sociais. Reclaman a necesidade dun tren de calidade, accesíbel, alcanzábel e de titularidade pública, cuxo obxectivo primordial sexa o de dar un bo servizo a persoas usuarias e ser unha alternativa á estrada.

Por todo iso, Ecoloxistas en Acción, CGT, o Movemento polo Tren Ruta da Prata de Plasencia, a Plataforma en Defensa do Ferrocarril Público e Social de Cuenca, a Plataforma Cantabria polo Público, as Mesas de Mobilidade da Bahía e do Besaya, Frente Cívico Somos Mayoría! - Cinco Villas, APUDEPA (Acción Pública para la Defensa del Patrimonio Aragonés) e Asociación de Cultura Popular Alborada de Gallur convocan dous días de accións reivindicativas para esixiren unha nova política ferroviaria, centrada na redución de recursos para o AVE e na recuperación da rede pública de trens de curta, media, longa distancia e nocturnos.