[Informe] Fabricación e uso do lindano

Todas as versións deste artigo : [Català] [Castellano] [Euskara] [Galego]

Eo lindano é un isómero químico do hexaclorociclohexano (HCH) que foi empregado como praguicida no pasado. É unha substancia organoclorada prohibida dende 2008 na UE, que se caracteriza pola súa persistencia, toxicidade, mobilidade e bioacumulación.

A súa fabricación levouse adiante en varios países europeos durante a segunda metade do século XX. O proceso de obtención do lindano era moi ineficiente de forma que, por cada tonelada producida, xerábanse entre seis e dez toneladas de residuos cunhas características contaminantes semellantes ás do lindano.

No Estado español funcionaron varias fábricas de lindano entre finais dos anos corenta e comezos dos noventa do século pasado. Algunhas delas recibiron denuncias polo grave impacto ambiental que causaron, como é o caso de Bilbao Chemical S.A., localizada en Ansio-Barakaldo (Bizkaia); Nexana S.A., situada en Asua-Erandio (Bizkaia), Zeltia en O Porriño (Pontevedra) e Industrias Químicas del Noroeste S.A., en Sabiñánigo (Huesca). Ademais, tamén fabricaron lindano ou empregaron lindano nos seus procesos de produción, outras empresas situadas en Barcelona ou Madrid. Os casos de Bizkaia e Huesca resultan especialmente graves, porque manteñen actualmente focos de contaminación por esta substancia, é dicir, a día de hoxe seguen ocasionando un impacto de consecuencias incalculábeis.

[Informe] Fabricación e uso do lindano

A grande cantidade de residuos que se xeraban na obtención de lindano foron mal xestionados, até tal punto que se realizaron presuntamente verteduras ilegais en lugares diferentes aos de fabricación. Así que estes residuos pódense encontrar en numerosos puntos do país moi lonxe das fábricas onde se orixinaron, como Borobia (Soria), Cabria (Palencia), Vitoria-Gasteiz (Araba), Viana (Navarra) e Igúzkiza (Navarra). Houbo unha absoluta opacidade nas verteduras, como o demostra o feito de que anos despois da súa prohibición se siga detectando a súa presenza, algunhas veces en niveis superiores ao permitido, por parte das confederacións hidrográficas en bastantes cursos de auga distribuídos por case todo o país. A día de hoxe descoñécese parte da situación destes puntos, as cantidades ou as condicións nas que se produciron estas verteduras.

O lindano sintetizouse tamén noutros trece países da UE, encontrándose os puntos críticos mellor documentados en Alemaña, Eslovaquia, Francia, Hungría, Italia, Polonia, República Checa e Romanía. En varios destes focos de contaminación, os residuos da fabricación de lindano deixaron igualmente unha herdanza ambiental de moi graves consecuencias.

As iniciativas emprendidas tanto a nivel europeo coma dos estados, son claramente insuficientes. É necesario traballar na elaboración dun mapa exhaustivo do lindano en España, que reconstrúa o rastrexo dos residuos e identifique a situación de todas aquelas verteduras que non están localizadas nin detectadas, para posteriormente poder proceder á súa retirada, tratamento e á descontaminación integral das zonas afectadas, até conseguir unha completa erradicación desta carga contaminante no noso país, nun prazo de tempo o máis reducido posíbel. Para iso, tanto as administracións autonómicas como a estatal deben traballar de xeito coordinado.

En paralelo, debería modificarse a actual normativa estatal, prohibindo expresamente o emprego de calquera auga para abastecemento a poboacións onde nalgún momento se tivera detectado a presenza de lindano, con independencia da concentración, tal e como se aconsella a nivel sanitario dende diferentes organismos internacionais.

Así mesmo, é necesario que se avalíe a exposición da poboación das zonas afectadas a estes contaminantes, se demanden as responsabilidades que correspondan (penais, administrativas e políticas) aos causantes da contaminación e se destinen dende os gobernos central e autonómicos os orzamentos necesarios para faceren efectivas as citadas accións.

A contaminación das terras é unha grande sinatura pendente dentro da UE. Xa que logo, como un dos principais países afectados, España, debería liderar na UE unha fronte para avanzar cara unha normativa europea de solos, de acordo co que está demandando a sociedade civil europea.




Visitantes conectados: 692