A calidade do aire no Estado español durante 2016

Todas as versións deste artigo : [Castellano] [Galego]

Perto de 44 millóns de persoas respiraron aire contaminado durante 2016 no Estado español. O informe anual de calidade do aire de Ecoloxistas en Acción que se presenta hoxe conclúe que o 94 % da poboación e o 90 % do territorio estiveron expostos a uns niveis de contaminación que superan as recomendacións da Organización Mundial da Saúde. O cambio climático, o repunte do tráfico, a fraude nas emisións dos automóbeis e a aposta gobernamental polas enerxías sucias en detrimento das renovábeis, entre as causas dun problema que afecta a saúde da cidadanía, mais tamén os cultivos, bosques e espazos naturais.

[Informe] La calidad del aire en el Estado español durante 2016

O informe elaborado por Ecoloxistas en Acción analiza os datos recollidos en 700 estacións oficiais de medición instaladas en todo o Estado español. Presenta datos exhaustivos da calidade do aire, por comunidades autónomas e por sustancias contaminantes.

Entre as súas principais conclusións, salientan:

  • En 2016 produciuse unha redución xeral dos niveis de contaminación atmosférica por partículas en suspensión (PM10 e PM2,5), dióxido de nitróxeno (NO2), ozono troposférico (O3) e dióxido de xofre (SO2), recuperando aparentemente a tendencia decrecente iniciada en 2008 coa crise económica, o que explica a melloría da situación e a menor poboación e territorio afectados.
  • O informe de Ecoloxistas en Acción toma como referencia os valores máximos de contaminación recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e o obxectivo a longo prazo para protexer a vexetación estabelecido pola Unión Europea. De acordo a eses niveis, o aire contaminado afectou en 2016, 43,7 millóns de persoas no Estado español, o 94 % da súa poboación, así como 455.000 quilómetros cadrados, o 90 % do territorio.
  • Se se toman os estándares da normativa española, máis laxos que as recomendacións da OMS, a poboación que respirou aire contaminado por encima dos límites legais foi de 16,9 millóns de persoas, un 36 % do total e 1,6 millóns de afectados menos a respecto de 2015, aínda que 1,4 millóns de afectados máis que en 2014. É dicir, un de cada tres españois respirou aire que infrinxe os límites que marca a lei. E a superficie exposta a niveis de contaminación que danan a vexetación atinxiu 255.000 km2, 70.000 km2 menos que en 2015. Noutras palabras, a metade do territorio español soportou unha contaminación atmosférica que incumpre os estándares legais vixentes para protexer os cultivos e os ecosistemas naturais.
  • A principal fonte de contaminación en áreas urbanas, onde se concentra a maior parte da poboación, é o tráfico rodado. En determinadas áreas fabrís e na contorna das grandes centrais termoeléctricas de carbón e outros combustíbeis fóseis son estas fontes industriais as que condicionan de maneira decisiva a calidade do aire.
  • O ozono troposférico é o contaminante que presentou unha maior extensión e afección á poboación, cuns niveis que se manteñen estacionarios ou mesmo á alza. Isto débese ao incremento das temperaturas medias e das situacións meteorolóxicas extremas (vagas de calor) durante o verán, como resultado da mudanza climática. Durante o ano 2016, pola elevada calor estival, a maior parte da poboación e o territorio españois seguiron expostos a concentracións de ozono perigosas para a saúde humana e vexetal.
  • As partículas (PM10 e PM2,5), o dióxido de nitróxeno (NO2) e o dióxido de xofre (SO2) no aire afectan tres cuartas partes da poboación do Estado. Seguen, por tanto, sendo unha seria ameaza para a saúde, a pasar de que o ano pasado recuperouse a tendencia á baixa destes contaminantes que se iniciou en 2008, coa crise económica.
  • O descenso da contaminación do aire é consecuencia en primeira instancia da conxuntura meteorolóxica, caracterizada por unha menor estabilidade atmosférica, e en menor medida, da redución da produción eléctrica en centrais térmicas de carbón, petróleo e gas. No entanto, hai sinais preocupantes que advirten de que poderiamos asistir a un cambio xeral de tendencia, tras anos de redución dos contaminantes clásicos (partículas, NO2 e SO2): o repunte do tráfico por estrada (o consumo de combustibles de automoción en 2016 foi superior ao do catro anos anteriores), a fraude nos sistemas de certificación das emisións dos automóbiles ou “dieselgate”, o aumento do consumo de electricidade (recuperando os niveis de 2008), e o abandono das enerxías renovables.
  • A contaminación do aire debería abordarse como un problema de primeira orde, tal e como se deriva do Informe elaborado por Ecoloxistas en Acción. Cada ano rexístranse máis de 24.000 mortes prematuras no Estado español por afeccións derivadas da contaminación do aire, segundo as últimas estimacións da Axencia Europea de Medio Ambiente.
  • Os custos sanitarios derivados da contaminación atmosférica representan polo menos 50.000 millóns de dólares ao ano, un 3,5 % do PIB español, segundo o Banco Mundial, sen considerar o custo dos danos provocados sobre os cultivos e os ecosistemas naturais.
  • A información á cidadanía por parte das administracións públicas non é nin adecuada nin axustada á gravidade do problema.
  • Os Plans de Mellora da Calidade do Aire e os Plans de Acción a curto prazo para reducir a contaminación son obrigatorios segundo a lexislación vixente. Mais, en moitos casos non existen, e noutros son inefectivos por falta de vontade política. O Plan Aire do Goberno central expirou en 2016, sen que se elaborase o seu correspondente substituto. Por este motivo a Comisión Europea tramita senllos procedementos de infracción contra o Reino de España polo incumprimento da normativa sobre partículas PM10 e dióxido de nitróxeno.
  • As principais vías de actuación para reducir a contaminación do aire son a diminución do tráfico motorizado, a redución da necesidade de mobilidade e a potenciación do transporte público. Cómpre ademais dar facilidades á bicicleta nas cidades. Así como a adopción xeneralizada das mellores técnicas industriais dispoñíbeis e a redución drástica da xeración eléctrica por centrais térmicas, en particular as que utilizan carbón.



Visitantes conectados: 397