• A organización ecoloxista reclama que se priorice a investigación destes incendios para coñecer as súas verdadeiras causas, en lugar de responsabilizar dos mesmos a tramas organizadas, o que non está demostrado.
  • Ecoloxistas en Acción quere manifestar o seu apoio a familiares e amigos das persoas falecidas onte en Galicia e en Portugal debido aos incendios forestais, así como o seu agradecemento a todas as persoas profesionais e voluntarias que están a colaborar na extinción destes incendios forestais.

Unha vez máis os responsábeis políticos, sen esperaren os resultados das necesarias investigacións, culpan dos incendios forestais a tramas organizadas de incendiarios, algo que se vén repetindo en Galicia desde hai moitos anos e que nunca se demostrou. Doutra banda, nas últimas horas están a ser especialmente preocupantes os incendios que en Asturias afectan zonas de gran valor ambiental e con presenza de especies en perigo de extinción, como a contorna do concello de Ibias.

Como demostran os datos do último decenio (2001-2010), no noroeste peninsular o 70,26 % dos incendios son intencionados, mentres que nas rexións do mediterráneo, Canarias e comunidades interiores as porcentaxes de incendios intencionados son do 31,41 %, o 29,40 % e o 29,43 % respectivamente. Con todo, as administracións non toman as medidas necesarias para evitar esta intencionalidade. Este é precisamente un dos grandes retos das administracións do noroeste peninsular: unha revisión da súa política forestal, unha nova política de desenvolvemento rural e facer fronte ao cambio climático.

Ecoloxistas en Acción quere recoñecer ademais a implicación de boa parte da sociedade galega na loita contra o lume. Perante a escaseza de medios foron onte as galegas e os galegos quen cos seus cubos, baldes e mangueiras fixeron fronte ao lume.

A continua ruptura de marcas de temperaturas máximas nos últimos anos, sumado a un outono especialmente seco, é un sinal de alerta clara das consecuencias do incremento da temperatura planetaria. Así, as tendencias globais mostran como o cambio climático incrementará as situacións de escaseza de precipitación e as altas temperaturas, de forma que aumentará o número de días con alto perigo para os incendios forestais. Unha tendencia que xa se observa na actualidade.

Esta maior virulencia dos incendios supón á súa vez a emisión de miles de toneladas de gases de efecto invernadoiro adicionais que agravan a deterioración climática, consecuencia do actual modelo de produción e consumo. É urxente frearmos as nosas emisións de gases de efecto invernadoiro e introducirmos instrumentos de adaptación ás previsíbeis consecuencias da mudanza climática, tanto na política de prevención dos incendios como na de reforestación, e tamén noutras políticas como a xestión da agua.