A modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que dá vía administrativa ao proxecto da cidade deportiva do Real Club Celta de Vigo e do megacentro comercial en Mos foi aprobado o pasado mes de setembro. O obxectivo desta modificación parcial, cuxo promotor é o propio concello da man da alcaldesa do PP Nidia Arévalo, foi a delimitación dun sector de solo urbanizable destinado para “dotacións de carácter privado e usos terciarios comerciais”.

Deste xeito preténdese transformar solos rústicos de protección forestal, que son maioritariamente naturais, en solos urbanizables incrementando mediante esta actuación a presión sobre o territorio e a biodiversidade, sendo afectada con máis fincapé a parroquia de Tameiga.

A especulación do territorio para o beneficio duns poucos

Co proxecto da cidade deportiva do Celta de Vigo tense previsto expropiar 864.000 metros cadrados de monte, dos cales a metade corresponden a monte en man común, co fin de cedelos ao Club Celta de Vigo, quen construirá un centro comercial de 120.000 metros cadrados alén das dotacións deportivas. Deste xeito, a través do falso discurso da xeración de emprego, do progreso e da diversificación da economía, tentan xustificar as dotacións deportivas e as áreas comerciais como beneficiosas para a veciñanza, mais estes beneficios recaerán coma sempre nas mans duns poucos e sempre en detrimento das comunidades locais e do medio ambiente.

Esta actuación corresponde cun modelo e cunha lóxica caduca e errada que presenta un gran impacto ambiental negativo, así como unha  ocupación do territorio que non favorece a mobilidade sostible e que actúa como barreira ecolóxica nos ecosistemas. Ademais é fonte de xeración de emprego precario e temporal, cun modelo de grandes centros comerciais anacrónico responsables da perda de comercio local e de proximidade nas vilas e cidades.

O monte comunal: unha alternativa real de loita contra o cambio climático!

Dos 864.650 m² afectados na modificación parcial do PXOM,  230.100 m² pertencen ao monte comunal de Tameiga (o 28% da superficie) e 153.700 m²  ao CMVMC de Pereiras (19% do total afectado). Pola súa banda, 393.300 m² corresponden a fincas de particulares, 46.250 m² son de dominio público e 41.300 m2 corresponden á superficie afectada polo novo sistema xeral viario.

De toda a superficie afectada, os únicos terreos suxeitos a protección como rústicos forestais son os pertencentes aos montes veciñais polo simple feito de seren montes comunais. Mais o artigo 35.5 da lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia establece que “O plan xeral poderá excluír xustificadamente do solo rústico de especial protección os terreos necesarios para o desenvolvemento urbanístico racional, logo do informe favorable do órgano que teña a competencia sectorial correspondente”. Así, a través desta fórmula legal, pódese expropiar terreos dos montes comunais afectados co fin de especular con dotacións e infraestruturas privadas.

Unha vez máis estase a pasar por alto desde as administracións o potencial de xeración de emprego e fixación de poboación que constitúe a xestión sostible do monte comunal. Os montes en man común teñen un enorme potencial na conservación e na posta en valor dos ecosistemas, da biodiversidade e dos recursos ecosistémicos. Ferramentas como a figura da custodia do territorio, a educación ambiental ou o voluntariado ambiental son fórmulas que permiten conservar, restaurar e achegar á cidadanía e a poboación local o beneficio de termos unha natureza ben conservada. Isto nun momento en que se están aprobar mocións de emerxencia climática en moitos concellos é un paso fundamental para poñer freo ás consecuencias do cambio climático e gañar resiliencia nos territorios. Desde o potencial que teñen as comunidades de montes, e escapando de lóxicas forestais produtivistas, pódense levar a cabo proxectos de restauración ambiental que coa expropiación do monte comunal de Tameiga quedan imposibilitados.

Este desleixo cara a natureza e cara o potencial comunitario das comunidades de montes non só quedou constatado coa decisión de Nidia Arévalo, senón que este desleixo é fomentado tamén desde a Xunta de Núñez Feijoo. O pasado 20 de novembro do 2018 no parlamento de Galiza rexeitouse a ILP en defensa do bosque autóctono, unha iniciativa que contou co apoio de mais de 42.000 galegas e galegos. Así, unha aposta clara pola multifuncionalidade do monte, á silvicultura próxima á natureza e por axudas para o mantemento e recuperación dos bosques autóctonos e dos seus servizos ecosistémicos, serían alternativas reais e viables moito máis beneficiosas para a poboación local, para a economía circular e para o medio ambiente.

Afección ás captacións de augas e ás comunidade de augas

No ámbito de actuación afectado polo proxecto urbanístico localízase o nacente do rego Porteliña, identificada e clasificada a súa correspondente zona de policía no PXOM de Mos como Solo Rústico de Protección de Augas (SRPA). Nesta zona de nacente localízanse ademais especies arbóreas de bosque de ribeira, principalmente salgueiros, ameneiros e outras caducifolias autóctonas, que como tal cumpren unha valiosa función ecolóxica en canto que dotan ao territorio de conectividade, permitindo ser espazos de acubillo, refuxio e alimento para a fauna.

Na superficie afectada existen ademais sistemas autónomos de captacións de auga subterránea para o consumo que dan servizo principalmente ás parroquias de Tameiga e de Cela. Deste xeito a modificación puntual do PXOM afecta ao abastecemento e á xestión comunitaria das augas levadas a cabo pola propia veciñanza a través de traídas veciñais xestionadas por comunidades de augas.

A mobilidade sostible ante o cambio climático

O proxecto deportivo e comercial do Celta de Vigo supón un freo á mobilidade sostible de toda a comarca. Este proxecto fomenta o uso do transporte privado e individual provocando grandes emisións de CO2 á atmosfera e colapsando aínda máis un dos nós de comunicacións máis importantes de Galiza. Isto sen dúbida constituirá unha perda da calidade de vida das e dos habitantes de Tameiga, ao teren unha maior afluencia de tráfico na súa parroquia.

A ordenación do territorio para acolleren grandes eventos deportivos tería que contar con infraestruturas públicas de transporte colectivo, fomentando a comunicación intermodal e reducindo o uso do transporte privado. A súa vez, as áreas comerciais terían que planificarse desde a proximidade da poboación albo, pudendo facer as compras a pé ou transporte público de calidade. Sen dúbida todas es medidas axudarían a reducir as emisións de CO2 e a gañar unha maior calidade de vida nas nosas vilas, cidades e parroquias. Unha ordenación adecuada do territorio é sinónimo de loita contra o cambio climático.

E a insostenibilidade do proxecto da cidade deportiva quedou unha vez máis constatada polo informe negativo emitido pola Deputación de Pontevedra e o rexeitamento de Fomento á modificación do Plan Xeral de Mos en termos de mobilidade, ao non garantir a seguridade nin a capacidade de acollida dun considerable aumento do tráfico ante o gran número de desprazamento que supoñen grandes eventos deportivos ou áreas comerciais desta natureza.


Asinado por: ADEGA, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción de Galiza, Verdegaia, Extinction Rebellion Vigo, EQUO Galicia, Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo, Plataforma Salvemos O Iribio, Fundação Montescola, Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins, Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Froxán, Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo, A.S.C Vagalume, Marcha Mundial das Mulleres