A grave crise sanitaria co seu cru drama humano centrou toda a atención mediática relegando a un sombrío e perigoso segundo plano a emerxencia climática. O confinamento derivado da pandemia do COVID-19 deixou irrefutablemente patente que a actividade do ser humano é a causante da crise climática e doutros problemas socioambientais, pero tamén a nosa capacidade como sociedade para amoldarnos e cambiar os hábitos ou actividades que supoñen un grave risco para a saúde. Desta capacidade colectiva de superación debemos extraer a lección para abordarmos con éxito a emerxencia climática e a máis ampla crise socioecolóxica da que forma parte.

Non debemos adentrarnos na nova normalidade incidindo nos erros do pasado. A superación da crise sanitaria ten que ir acompañada de medidas para afrontar a emerxencia ecolóxica. O paquete de medidas de estímulo e recuperación económica que se implementen debe centrarse en actividades sostibles e positivas para a natureza e non en sectores responsables da crise ecolóxica tales como a aviación ou a automoción. A defensa da vida, da biodiversidade, debe ser a premisa das futuras decisións políticas. O novo Goberno galego que saia das urnas o 12 de xullo chega nun momento no que a vida no planeta está comprometida. A crise sanitaria, ecosocial e climática resultan evidentes e en todo o planeta aumentan os chamamentos para inclinar a balanza en favor da sustentabilidade e dun sistema económico máis xusto. Por iso, Ecoloxistas en Acción pide ás forzas políticas que vaian  conformar o novo Parlamento Galego e designar o futuro Goberno que adopten nos seus programas  estas propostas para abordar os maiores retos ambientais aos que se enfronta o noso país en defensa da natureza e as persoas.

Este documento recolle dez grandes propostas en seis bloques que o Goberno entrante deberá poñer en marcha para recuperar o tempo perdido e avanzar con decisión na necesaria e urxente transición ecolóxica.

Transición ecolóxica xusta e rápida

1. Adoptar accións transversais de goberno para promover unha verdadeira transición ecolóxica

  • Asegurar unha representación adecuada das entidades ambientais nos consellos e demais órganos consultivos da Xunta de Galicia e intoducir mecanismos de democracia participativa na toma de decisións.
  • Persistir na sacralización do PIB como indicador central de éxito ou fracaso socioeconómico é incompatible cunha verdadeira transición ecolóxica. Os indicadores de carácter socioambiental, como as emisións de gases de invernadoiro ou o reparto da riqueza, deben adquirir moita maior relevancia como guía das políticas públicas. Ademais, cómpre introducir unha contabilidade económica oficial biofísica complementaria da monetaria, que deite luz sobre a externalización de danos socioambientais (en especial ao Sur global) ou as mochilas ecolóxicas ocultas das diversas formas de produción e consumo.
  • Desenvolver unha lexislación de avialiación medioambiental que obrigue a uns detallados e imparciais estudos de impacto medioambiental a calquera proxecto que potencialmente poida resultar lesivo para o medio ambiente e que estableza uns tempos e canles que favorezan a participación cidadá.
  • Aproveitar plenamente o marco competencial propio para acometer unha reforma fiscal que promova a sustentabilidade e xere recursos para financiar unha transición ecolóxica xusta: modificación do imposto sobre a contaminación atmosférica  para incluír as emisións de NH3 e CO2,  taxa turística, imposto para gravar a incineración e o vertido de residuos, eliminación das axudas públicas contrarias á sustentabilidade, etc.
  • Revisar a planificación do territorio para incorporar como criterio central, e non simplemente retórico, a conservación da biodiversidade, así como o seu papel estratéxico na garantía da soberanía alimentaria e enerxética. Ademais, deberá contribuír á diminución das necesidades de mobilidade motorizada.
  • Aplicar un Plan de Fomento do Consumo Sustentable e o Comercio Local, orientado a reducir a deterioración socioambiental dentro e fóra das nosas fronteiras asociada ao noso consumo institucional e privado, incorporando medidas como a compra de produtos agroecolóxicos de proximidade por parte dos comedores públicos, o fomento da alimentación saudable e con baixa pegada de carbono,  o fomento da organización de canles curtas de comercialización como modelo de integración territorial e de conexión entre rural e urbano, a limitación de grandes superficies comerciais, etc.
  • Promover un ambicioso Plan de Acción de Educación Ambiental para a Sustentabilidade dirixido a todos os ámbitos educativos e a toda a poboación.

 

Sen biodiversidade non hai vida

2. Poñer en marcha medidas urxentes para frear a perda de biodiversidade:

  • Elaborar unha «Folla de ruta» vinculante para abordar a urxencia producida pola perda de biodiversidade, así coma avaliar o seu impacto sobre a provisión de servizos ecosistémicos chaves para o noso benestar. Entre outras accións, é imprescindible duplicar a superficie protexida ao abeiro da rede Natura 2000, favorecendo todo o posíbel a conectividade ecolóxica entre os espazos naturais, así como  promover plans de conservación e recuperación para todas as especies de fauna e flora catalogadas como vulnerables ou en perigo de etinción. A ampliación da Rede Natura 2000 debe acompañarse de orzamento suficiente que permita a execución das distintas medidas incluídas nos plans de xestión dos espazos naturais que a compoñan.
  • Prestar especial atención á conservación e restauración dos hábitats naturais claves tanto para a conservación da biodiversidade como para a mitigación da emerxencia climática (polo seu papel como reservorios de carbono), caso, por exemplo, dos bosques, as turbeiras e as matogueiras húmidas.
  • Revisar o Plan Director da Rede Natura 2000 para reforzar o seu carácter conservacionista e elaborar plans de xestión específicos para cada un dos espazos naturais integrados nesta rede.
  • Dotar de medios económicos, humanos e materiais  aos departamentos de Medio Ambiente, en particular aos que se encarguen do desenvolvemento de procedementos sancionadores.
  • Facer un seguimento en materia de xustiza ambiental, asegurando a inclusión de medidas correctivas que compensen as penalizacións e limitacións de usos ás persoas residentes dentro de áreas naturais protexidas, independentemente da figura de protección empregada.
  • Deixar de considerar a caza un deporte.

 

A emerxencia climática unha prioridade

3. Actuar fronte á emerxencia climática de forma prioritaria:

  • Reformular a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 para acadar un obxectivo de redución das emisións galegas  de dióxido de carbono (CO2) e outros gases causantes de cambio climático de, polo menos, un 65 % en 2030 con respecto a 1990,  para lograr a meta de emisións netas cero en 2040, a máis tardar. Para iso, é prioritario que a central térmica das Pontes estea xa pechada en 2022 (descartando totalmente a opción da co-combustión de carbón e residuos orgánicos) e conseguir un sistema eléctrico 100 % renovable en 2030, a máis tardar.
  • Impulsar a elaboración participada a nivel local e comarcal de estratexias de loita contra o cambio climático, con obxectivos de redución de emisións coherentes co obxectivo de mitigación reclamado no punto anterior e cun seguimento e revisión anual.
  • Promover unha Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética para crear un marco legal propio que impulse a loita contra a crise climática e unha transición enerxética rápida, xusta, democrática e con enfoque de xénero e que sirva de eixo integrador do territorio. Deberá impulsar  o decrecemento do consumo de enerxía primaria nun mínimo do 40 % en 2030, así como un aproveitamento das enerxías renovables respectuoso coa natureza e protagonizado polo sector público e a cidadanía  (autoprodución, cooperativas verdes) e non polas grandes empresas privadas. As enerxías renovables deberían cubrir un mínimo do 80 % do consumo galego de enerxía final en 2030.
  •  Promover unha Lei de Mobilidade Sostible e Financiamento do Transporte Público que reduza o uso do automóbil. Precisamos unha rede ferroviaria totalmente modernizada e ampliada, baixa en emisións e accesible para todas as persoas. Creación urxente dun servizo ferroviario de proximidade que cubra as principais áreas urbanas.
  • Moratoria na construción de novas autovías e autoestradas.
  • Desenvolver unha Estratexia de Adaptación á Crise Climática.

 

A vida no centro das políticas

4. Medidas efectivas para garantir o uso sustentable dos recursos hídricos e o dereito humano á auga

  • Garantir caudais ecolóxicos no 100 % dos tramos fluviais  e realizar un estudo completo dos regadíos actuais co fin de establecer unha planificación axeitada dos recursos.
  • Considerar o acceso á auga potable e ao saneamento como un dereito humano, establecendo medidas de fomento dunha xestión pública, eficiente e participativa da auga.
  • Acelerar a delimitación do dominio público hidráulico na Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa e garantir a súa defensa efectiva para reforzar o seu papel na conectividade ecolóxica e na laminación das enchentes.
  • Eliminación progresiva de todas as construcións existentes en cauces e zonas de alto risco de inundación.
  • Depuración das augas residuais xeradas en todos os núcleos de poboación do país de cara a garantir o bo estado ecolóxico de todas as masas de auga, particularmente as da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, nas que a competencia pertence á Xunta de Galicia.
  • Facer campañas de concienciación en contra do consumo de auga envasada e dos beneficios do consumo de auga corrente.

5. Medidas efectivas contra a contaminación atmosférica, acústica e lumínica

  • Reformar a lexislación autonómica en materia de calidade do aire e de ruído e promover  senllos Plans de Mellora da Calidade do Aire e de Redución da Contaminación Acústica co obxectivo de cumprir as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) sobre niveis máximos admisibles de concentración de contaminantes no aire e de ruído.
  • A Xunta debe favorecer, e non obstaculizar, o peche da fábrica de pasta de papel de ENCE en Lourizán, entre outras razóns, polos seus inaceptables efectos negativos sobre a saúde da poboación que vive na súa contorna.
  • Promover o cambio de tecnoloxías lumínicas eficientes e que dirixan a luz, evitando a contaminación lumínica especialmente en zonas naturais abertas.

6. Medidas efectivas contra a contaminación electromagnética

  • Moratoria do despregue da 5G e dos seus proxectos pilotos (Vigo e A Coruña) que non atenden á avaliación ambiental nin ao principio de precaución (como subliña o “Defensor del Pueblo” e máis de 6.000 científicos), e acrecentan un modelo económico insustentable que acelera de forma  exponencial: o produtivismo, as emisións de gases de efecto invernadoiro, o consumo enerxético, o extractivismo mineiro, a industria agro-gandeira intensiva, a obsolescencia tecnolóxica, o hiperconsumismo; así como a exposición ás radiofrecuencias, as condutas aditivas, a concentración do poder e control social, as interferencias metereolóxicas, …
  • Adoptar as recomendacións incumpridas da Resolución 1815 (2011) do Consello de Europa:
    • Aplicar todas as medidas técnica e razoablemente posibles para reducir a exposición aos campos electromagnéticos, especialmente a nivel infanto-xuvenil e noutros grupos sensibles.
    • Na liña do COBGA: deseñar campañas educativas sobre tecnoloxía dixital atendendo aos criterios de principio de precaución e saúde, así como éticos de decrecemento e respecto aos límites planetarios e da xustiza social, climática e ecolóxica.

7. Reducir o uso de sustancias perigosas de xeito drástico e descontaminación das zonas afectadas

  • Debemos aliñarnos coas sociedades máis garantistas coa saúde da poboación e do medio ambiente en relación coas sustancias químicas tóxicas.
  • Establecer obxectivos ambiciosos de uso de praguicidas, de polo menos un 30% de redución para 2023, prohibindo antes aqueles máis perigosos e os que interferen co sistema endocrino.
  • Evitar a concesión de permisos xeneralizados para o uso de sustancias prohibidas.
  • Prohibir o uso veterinario do diclofenaco e o uso da munición con chumbo para salvagardar as nosas poboacións de aves; e non apoiar a renovación do pesticida glifosato, nin a autorización do 1,3 dicloropropeno.
  • Abordar sen máis dilación a retirada das terras contaminadas por lindano na contorna da Louriña.
  • Fomentar o coñecemento entre a poboación do impacto sobre a saúde e o medio ambiente das substancias químicas tóxicas máis habituais e fomentar o emprego de substancias substitutas non lesivas.

Un novo modelo produtivo paraun horizonte sen residuos

8. Impulsar un modelo produtivo baseado na redución do consumo de recursos materiais con especial atención ás políticas de residuo cero

  • Reformular a Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030 para facela máis ambiciosa e incorporar o obxectivo de reducir a demanda de materiais  da economía galega nun 40 % en 2030, ao tempo que se aumenta o peso relativo do uso de materiais renovables en detrimento da utilización de minerais (enerxéticos e non enerxéticos), hoxe moi maioritariamente importados do resto do mundo e, especialmente, do Sur global.
  • Reconducir o modelo extractivista caduco no marco da transición ecolóxica. Derrogación da Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais, a coñecida como “Lei de Depredación de Galiza”.
  • Iniciar as medidas encamiñadas a regular a responsabilidade ampliada do produtor en toda a súa extensión co fin de cubrir os custos totais de xestión de residuos do produto e asegurar o camiño da implantación de medidas que permitan a reutilización, o reenchido e a reparación, por exemplo, para o caso dos envases de bebidas, o sistema de depósito, devolución e retorno (SDDR).
  • Rematar cun sistema baseado no verquido e a incineración de residuos, os dous métodos de xestión máis prexudiciais para a saúde e o medio ambiente. A Xunta deberá pechar a incineradora de SOGAMA en Cerceda en 2025.

Un desenvolvemento sostible no rural

9. Apostar pola agroecoloxía e a soberanía alimentaria

  • A necesaria transformación de todo o modelo produtivo pasa no ámbito agrario pola desintensificación, unha certa desgandeirización acompañada do fomento da redución do consumo de carne e lácteos e a conversión ecolóxica da produción, priorizando as pequenas explotacións labregas e o comercio de proximidade.
  • Establecer unha moratoria para novas grandes explotacións gandeiras industriais e a ampliación das existentes.
  • Aplicar un plan para controlar e reducir as verteduras de xurros, particularmente na comarca da Limia.
  • Preservar as sebes naturais e os pequenos bosques autóctonos e as zonas húmidas presentes nos espazos agrarios, en particular fronte aos procesos de concentración parcelaria, como pezas necesarias para a conservación da biodiversidade agraria e para unha produción sustentable.
  • Impulsar campañas de concienciación para o cambio de hábitos alimenticios e de consumo, con especial énfase no lavado verde das grandes distribuidoras e nos modelos neocoloniais detrás das cadeas de alimentación global.

10. Xestión forestal sostible e con futuro

  • Novo Plan Forestal de Galicia e revisión da lexislación de montes, baseándose no consenso social e na conservación das masas forestais autóctonas, a zonas de mato, pastos e outros terreos agrícolas, non na mobilización produtivista do monte.
  • Reducir de forma progresiva e drástica a superficie coberta por eucaliptais, impedindo novas plantacións e eliminando parte das existentes, especialmente nas ribeiras dos ríos e nos espazos naturais protexidos.
  • Impulso de Plans de Ordenamento e Usos dos terreos forestais a nivel supracomarcal, coa implantación de zonas de corredores ecolóxicos e obrigatoriedade de interromper masas con especies de crecemento rápido
  •  por outras de especies autóctonas non talables.
  • Incentivos fiscais e económicos ao asociacionismo agroforestal, con máis fins ca a venda da madeira en orixe a mellor prezo.
  • Aprobación dun paquete de liñas de financiamento e créditos para as asociacións forestais e agroforestais que planten especies autóctonas.
  • Recoñecemento e protección explícita da figura das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, impulsando a súa xestión directa.
  • Implantación dun sistema de poxa público en liña da madeira.
  • Intervención urxente do mercado de compra da madeira, asegurando a competencia na demanda final da madeira dos montes e analizando toda a cadea de valor, co fin de diversificar usos e equilibrar a balanza comercial, especialmente en madeiras sobremaduras e nobres.