• Ecoloxistas en Acción lanza unha ciberacción pedindo unha moratoria ao despregamento do 5G e en defensa da saúde dos seres vivos e do planeta, apoiada por organizacións veciñais, plataformas e colectivos de persoas afectadas e enfermas ambientais, de defensa da saúde e contra a contaminación electromagnética.
  • Apoia e participa en distintas actividades que se desenvolverán estes días en diferentes localidades do estado atendendo aos diversos chamamentos científicos que apelan a aplicar o principio de precaución e a deter o despregamento desta tecnoloxía.
  • Denuncia que se presente como panacea da transición ecolóxica un proceso de dixitalización que profundará de forma exponencial a crise ecosocial, á vez que alerta das recentes conclusións do Consello da Unión Europea que, escudándose nas “fake news”, busca profundar as prácticas de censura sobre os opositores ao 5G.

Os plans de estímulo europeos, como os 750.000 millóns de euros do “Next Generation EU”, vinculan e condicionan o acceso de cada estado aos devanditos fondos, presentados como unha oportunidade única dun Novo Pacto Verde, coa aceptación previa do proceso de dixitalización total da súa economía: “A intelixencia artificial, a ciberseguridade, os datos e a infraestrutura de computación en nube, as redes 5G e 6G, os supercomputadores e os computadores cuánticos, e as tecnoloxías de cadea de bloques”.

Preséntase á dixitalización do capitalismo e á transición ecosocial como fenómenos complementarios, pero Ecoloxistas en Acción considera que son antagónicos: a extensión cada vez maior de Internet e o TIC supón un aumento exponencial do consumo de enerxía e materiais críticos (profundando o extractivismo, as emisións e a destrución ecolóxica). Ao mesmo tempo, fomenta unha aceleración do crecemento capitalista. Segundo a organización ecoloxista, non se necesita un crecemento verde e intelixente, senón frear, repensar e decrecer con criterios de xustiza, igualdade e autonomía.

Utilízase a crise do COVID-19 para aplicar unha “doutrina do shock dixital”. Para Ecoloxistas en Acción úsase a confusión e a dor social para levar a termo, de maneira acrítica e antidemocrática, o proxecto de dixitalización mundial total propugnado polas grandes multinacionais tecnolóxicas desde hai décadas, en colaboración con gobernos do todo o globo. “Unha distopía de alta tecnoloxía”, como alerta a ensaísta e pensadora Naomi Klein.

A organización ecoloxista considera alarmante esta fuxida cara a adiante tecnolóxica, na que o 5G é á vez símbolo e pedra angular, e que se fai desatendendo as advertencias de científicos e institucións internacionais anteriores e posteriores aos plans de despregamento do 5G, tal e como se constata no texto da ciberacción lanzada publicamente por Ecoloxistas en Acción xunto a organizacións sociais de todo o Estado español.

A chamamentos como o International EMF Scientist Appeal ou tomas de posición como a da Axencia Europea de Medio Ambiente, que declaraba as radiofrecuencias risco emerxente e animaba a aplicar  xa o principio de precaución, súmanse outros, defendidos por decenas de miles de persoas pertencentes á comunidade médica e científica que advirten dos riscos potenciais das ondas milimétricas do 5G e de que estas virán sumarse ás  radiofrecuencias xa existentes. Así mesmo, o Comité Científico de Saúde, Medio Ambiente e Riscos Emerxentes (SCHEER) declara como máxima prioridade e urxencia sanitaria e ambiental estudar os «efectos potenciais sobre a vida silvestre de aumentos na radiación electromagnética» ante o despregamento de redes 5G.

Lonxe de atender estas advertencias, das que aseguradoras de todo o mundo toman nota negándose xa a dar cobertura ao despregamento actual desta nova tecnoloxía sen fíos, as institucións escúdanse tras a coiraza das fake news para desatendelas.

Nese sentido, a Ecoloxistas en Acción parécelle especialmente preocupantes as conclusións do Consello da Unión Europea do 9 de xuño de 2020. No seu artigo 36, amparándose na necesidade de negar as teorías que vinculan a extensión do 5G coa pandemia da COVID-19, tachan de falsa calquera posición que defenda que ditas “redes supoñen unha ameaza para a saúde”. Con iso non só desatenden o actual estado da evidencia científica, senón que deixan a porta aberta a profundar prácticas de censura sobre os grupos opositores ao 5G, que plataformas como Facebook ou YouTube levan meses despregando.

O Defensor do Pobo confirmou en 2019 a ausencia de avaliación ambiental para o “Plan Nacional 5G” e os seus proxectos piloto, así como a ausencia da “aplicación do principio de precaución” no “uso da banda de 26 GHz”. Apuntou a falta dunha atención especial ás persoas electrosensíbeis” e lembrou a obrigación do Estado español de “seguir as recomendacións” da Resolución 1815 da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa sobre os perigos potenciais dos campos electromagnéticos [CEM] e os seus efectos sobre o medio ambiente”, que contempla “adoptar todas as medidas razoables para reducir a exposición aos CEM”.

Ecoloxistas en Acción solicita deter inmediatamente o despregamento das redes 5G e atender aos requirimentos dos chamamentos internacionais referidos, do Defensor do Pobo, e da Resolución 1815 da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa, e chama a participar nos actos do 24 de xuño que se celebrarán en diferentes localidades do estado nesta liña.