• Ecoloxistas en Acción de Vigo solicita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural,  a protección urxente do ecosistema natural praia-duna da Calzoa e Xunqueira do Lagares.
  • O areal da Calzoa e a Xunqueira do Lagares constitúen unha superficie continua co Espazo Natural de Interese Local (ENIL) do Vao-Baluarte. A inclusión destas zonas en dito ENIL axudaría a salvagardar aqueles valores que a identifican e caracterizan, a mellorar a calidade da contorna e contribuirían á conservación da biodiversidade do ecosistema dunar.
  • A maioría das especies nomeadas no Plan de Conservación do ENIL proviñan principalmente da praia da Calzoa e o seu estuario, e a súa presenza viuse seriamente comprometida (chegando a ser inexistente nalgúns casos) a causa do impacto producido nesta zona coa designación de espazo canino. Resulta enormemente contradictorio pretender por un lado dar protección á contorna Vao-Baluarte e, simultáneamente, promover este tipo de usos incompatibles coa existencia de aves na contorna da Calzoa.

Humidais de importancia máis próximos

O ecosistema dunar obxecto concreto de protección, forma parte dun todo que se estendía, ata os anos 60, pola franxa litoral que abarca desde O Vao ata Samil, e do que todavía se conserva parte importante nas, colindantes ao ENIL, praias da Fontaíña e A Calzoa. Os valores naturais máis destacados no Plan de Conservación, no referinte ás especies de flora e fauna, atópanse representados tamén nas praias mencionadas, principalmente no concreto areal da Calzoa, o que se caracteriza pola súa privilexiada situación xunto ao humidal máis importante do municipio vigués (Xunqueira do Lagares) o que lle confire unha notable importancia dende o punto de vista da biodiversidade. Tanto os ecosistemas dunares como os humidais son ecosistemas escasos e ameazados, moi valorados polas políticas medioambientais europeas, de maneira que sería necesario desprazarse cara ao noreste ata a enseada de San Simón (municipio de Redondela), e cara ao sur ata o estuario do río Miñor (municipios de Nigrán- Baiona) para atopar unha contorna de características similares.

Os obxectivos e principios da declaración do ENIL  Vao-Baluartemarcados pola administración autonómica e presentados polo Concello de Vigo no seu Plan de Conservación, son proporcionar conectividade ao territorio, preservando a funcionalidade dos ecosistemas e evitando a súa fragmentación, preservar a paisaxe litoral como un valor natural e cultural, contribuír á diversidade e riqueza paisaxística, definir unha superficie continua ao longo de toda a costa para salvagardar aqueles valores que a identifican e caracterizan dende o punto de vista xeomorfolóxico, ecolóxico e paisaxísticos e mellorar a calidade da contorna e os areais dos sistemas areal-duna.

A Calzoa antes de ser declarada canina

Nos sistemas dunares das contiguas praias de Fontaíña e A Calzoa urxe unha actuación de protección, principalmente neste segundo, debido á profunda compactación á que se viu sometido o seu límite superior nos dous últimos anos, causada pola constante trasfega de maquinaria pesada destinada á retirada de algas e limpeza de residuos domésticos e excrementos, intensificada con motivo da súa designación como praia canina. No caso da Calzoa, trátase dunha duna móbil costeira, de tamaño considerable, colonizada por Ammophila arenaria, ecosistema incluído na directiva europea 92/43/CEE como Hábitat de interese comunitario con código 2120, de iguais características e valor ecolóxico cas dunas e O Vao e Baluarte incluidas no ENIL .

En tanto en canto o obxectivo primordial de promover a declaración definitiva como ENIL desta contorna é “contribuír á conservación da biodiversidade” e faise especial mención no Plan de Protección á fauna, “destacando sobre o resto as aves”, resulta imprescindible ter en conta a innegable relación da contorna da Calzoa e a Xunqueira do Lagares coa presenza destas especies no ENIL. As observacións ornitolóxicas realizadas nos últimos anos evidencian o alarmante declive de especies e de número de individuos neste tramo de costa, consecuencia da declaración da Calzoa como praia canina.

Agradecemos á vontade de protección e conservación do medio ambiente mostrado por parte das administracións implicadas na declaración deste espazo protexido, así como a ter contado para iso cos coñecementos e experiencia da Asociación de defensa da natureza “Fontaíña”, á que felicitamos polo gran esforzo investido na recuperación dos valiosos e ameazados ecosistemas costeiros, dando exemplo dunha adecuada actuación.