• Ecoloxistas en Acción presenta o informe ‘Lindano, presente dunha herdanza tóxica’. Un estudo centrado na contaminación por  lindano dos ríos que inclúe a detección, nas inmediacións dos chans contaminados, de elevadas concentracións de  HCH- lindano na madeira de árbores.
  • A organización ecoloxista galega aproveita para lembrarle a Xunta de Galicia que debe cumprir cos seus compromisos para erradicar o envelenamento por lindano na bisbarra da Louriña. A poboación de Porriño segue agardando a que o goberno galego comunique os resultados dos dous estudios encargados á empresa Geocisa.
  • A Xunta de Galicia comprometérase a facer público a principios de xaneiro de 2020 o informe relativo a comprobación do estado da cela de seguridade do parque de Torneiros e a finais de maio entregar o estudo da contorna do denominado emplazamento industrial n°1. Decoñecemos as razóns desta inxustificada demora nin por qué ante estos feitos o Concello de Porriño non convoca a comisión sobre o lindano que ten constituida.
  • Ecoloxistas en Acción Galiza insiste en que a Confederación hidrográfica do Miño-Sil non pode desentenderse do rpoblema por máis tempo. Compre que, ao igual que a maioría das cuncas do estado ao respecto doutros contaminantes, faga un seguimento mediante mostraxes periódicas das augas do río Louro, tributo do río Miño.

O  lindano é unha substancia utilizada como pesticida agrícola e sanitario e prohibida pola UE desde 2008 pola súa toxicidade. A Axencia Internacional de Investigación do Cancro (IARC) considéraa como canceríxeno en seres humanos. É ademais un tóxico persistente, moi volátil e  bioacumulativo.

Aínda que xa non se fabrica no Estado español, segue presente no medio ambiente, en chans e ríos, como consecuencia do seu uso como pesticida e do mantemento de chans contaminados polas verteduras incontroladas dos residuos da súa fabricación. Ademais do Porrriño destacan casos como o de Aragón (Sabiñánigo) e País Vasco (conca do baixo  Nervión- Ibaizabal e Gardelegi en Vitoria).

Ecoloxistas en Acción leva varios anos facendo un seguimento destas situacións de contaminación e denunciando a súa persistencia. Agora elaborou un informe, centrado na contaminación dos ríos, co título ‘Lindano, presente dunha herdanza tóxica’. O estudo está elaborado a partir dos datos facilitados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que confirman a presenza desta substancia perigosa persistente en todas as concas hidrográficas.A descontaminación da contorna da antiga  factoría de Zeltia leva décadas de demora.

As administracións competentes non poden seguir xogando coa saúde da poboación afectada. Compre actuar xa.