• Tras do anuncio da Xunta de Galicia dunha  moratoria para a plantación de eucaliptos a plataforma Por un Monte Galego con Futuro 1 alégrase de que por fin o Goberno Galego recoñeza o grave problema económico e ambiental que ten Galiza polo monocultivo do eucalipto.
  • A plataforma Por un Monte Galego con Futuro denuncia que a moratoria non terá valor ningún se non se establecen a través dun regulamento de medidas específicas para aplicala de maneira efectiva impedindo novas plantacións de eucalipto mediante un reforzamento das medidas de control e vixilancia.

O Plan Forestal  Galego de 1992 establecía como limiar que no ano 2032 as plantacións de eucalipto ocuparían 245.000 hectáreas. Segundo os últimos datos do Inventario Forestal de Especies Produtivas –realizado cada década polo ministerio–, en 2018 eran xa 300.500 hectáreas de monocultivo de eucalipto e outras 121.700 hectáreas nas que a especie se atopaba presente dalgún modo. É dicir, case o dobre das previstas para 2032. A falta de realizarse o novo inventario forestal encargado polo goberno galego xa hai voces autorizadas alertando que esta especie exótica invasora pode ocupar xa preto das 600.000 hectáreas en Galiza.

A plataforma sinala que o anuncio da moratoria por parte do goberno galego prodúcese escasas horas despois de aprobar un novo Plan Forestal Galego que responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado. Un plan que pon a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais e deixa de lado o interese xeral. Un plan que non contempla a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais e garantir así os servizos ecosistémicos dos montes galegos.

Un novo Plan Forestal, que segundo denuncia esta plataforma fomenta, o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras ata acadar 1,4 millóns de hectáreas de piñeiros e eucaliptos en 2040, e o aumento de 3 millóns de m3 de cortas anuais de madeira de baixo valor engadido ata acadar os 12 millóns de m3 de cortas/ano. Un plan que propón aumentar aínda máis a superficie ocupada por eucalipto E. nitens, pese a ter traspasado xa en máis do dobre as previsións para 2030, e en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos.

Este plan, indican,  non fai máis que agravar a situación actual. Unha situación que o propio goberno galego recoñeceu co anuncio da moratoria para prohibir máis plantacións de eucaliptos.

A plataforma solicita ao Parlamento Galego a devolución do novo Plan Forestal Galego ao Consello Forestal para realizar unha nova redacción axeitada ás necesidades do país e  na que poidan participar todas as organizacións relacionadas co monte e co medio rural.

  1. Organizacións que conforman a plataforma Por un Monte Galego con Futuro: A Estruga, A Rente do Chan-Pladever, A Ría Non se Vende, A Terra Non se Vende (ATNSV),  Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro, Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, Amigos da Terra, Anduxía, Asociación Ambiental Petón do Lobo, Asociación Ambiental Senda Nova, Asociación de Amigos e Amigas dos Bosques “O Ourol de Anllóns”, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación para a defensa medioambiental Salvemos Monteferro, Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Galega Cova Crea, Asociación Cultural Bidueiro, Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), Asociacion de Custodia do Territorio Brexa, Asociación Frouma, Asociación Medioambiental Galicia Ambiental, Asociación Medioambiental Grupo Lobo, Asociación Monte Galego, Asociación Montes de Galiza (MONTEGAL), Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM), Asociación Naturalista Hispella, Asociación Rebinxe, Asociación Rexeneración Autóctona, Asociación Veciñal do Saviñao, Colectivo Agrocuir da Ulloa, Comando Ghichas, Confederación Intersindical Galega (CIG), Ecoloxistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Federación Rural Galega (FRUGA), Foro do Camiño, Fundación Eira, Greenpeace, Grupo Naturalista Hábitat, Instituto de Estudos Miñoráns, Mariña Patrimonio, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM),  Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo «CÍES», Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, Quercus Sonora, Salvemos as Fragas de Catasós, Sindicato Labrego Galego, Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), SOS Groba, SOS Suído Seixo, Terra Chá Sostible, Verdegaia e Véspera de Nada.