• Como en 2020, a redución da mobilidade pola crise da COVID-19 provocou unha mellora xeral sen precedentes da calidade do aire. No entanto, os 2,7 millóns de habitantes de Galicia seguiron a respirar aire contaminado.

Durante 2021 a calidade do aire en Galicia mantivo a mellora substancial xa observada durante 2020, en relación ao período 2012-2019.  Rexistrouse unha notábel redución das concentracións no aire de dióxido de nitróxeno (NO2), dióxido de xofre (SO2), partículas en suspensión inferiores a 2,5 micras (PM2,5) e ozono troposférico. Tamén diminuíu a concentración de partículas inferiores a 10 micras (PM10), aínda que en moita menor medida.

O informe de Ecoloxistas en Acción toma como referencia os valores máximos de contaminación recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) (que se tornaron moito máis esixentes en 2021) e o obxectivo a longo prazo para protexer a vexetación da Unión Europea. Segundo eses niveis, e a pesar da mellora observada, o aire contaminado afectou en 2021 toda a poboación galega. En cambio, pola queda do ozono, o territorio galego non sufriu contaminación que danase a vexetación.

Se se toman os estándares da normativa, ben máis laxos que as recomendacións da OMS, non houbo poboación en Galicia que respirase aire contaminado nin superficie exposta a niveis de contaminación prexudiciais para a vexetación, por riba dos límites legais.

Os factores esenciais para explicarmos a mellora da calidade do aire durante 2021 son a restrición xeral da mobilidade motorizada e a contracción económica derivadas das medidas adoptadas para combater a COVID-19, coa dramática situación sanitaria e social que vivimos nos dous últimos anos. O peche das centrais térmicas de carbón das Pontes (parcial) e Meirama (en 2020), as máis contaminantes, tamén contribuíu á diminución da polución do aire.

O informe elaborado por Ecoloxistas en Acción analiza os datos compilados nas 57 estacións oficiais  de medición da calidade do aire instaladas en Galicia. Entre as súas principais conclusións, salientan:

  • As partículas (PM10 e PM2,5) afectaron a totalidade da poboación galega, sobre todo a urbana. En todas as cidades do país superáronse os valores medios diarios e anuais recomendados pola OMS para estes contaminantes, nomeadamente en Vigo e área metropolitana. Na Galicia rural superáronse os valores medios diarios e anuais para PM2,5.
  • En todas as cidades superáronse os valores medios diarios recomendados pola OMS para o dióxido de nitróxeno (NO2), así como tamén os anuais (neste caso, coas excepcións de Lugo e Ferrol). Os niveis máis altos deste contaminante rexistráronse novamente nas aglomeracións da Coruña e Vigo, como consecuencia do intenso tráfico rodado que soportan.
  • As concentracións de ozono troposférico diminuíron notoriamente, como resultado da forte caída das emisións dos seus principais precursores, os óxidos de nitróxeno (NOx). Mesmo así, superouse o estándar recomendado pola OMS en relación ao valor octohorario en todo o país, agás nas cidades de Lugo, Ourense e Pontevedra.
  • Nas estacións de medición da calidade do aire de Coia (Vigo) e, sobre todo, nas da Grela (A Coruña), Leste (Sarria, Lugo) e Teixeiro (Curtis, A Coruña), as tres últimas na contorna da zona industrial da Coruña-Arteixo, da fábrica de Cementos Oural e da central de biomasa de Greenalia, respectivamente, superouse a recomendación da OMS para o canceríxeno benzo(a)pireno (BaP). Esta preocupante realidade aconsella ampliar as escasas medicións deste contaminante e adoptar medidas específicas para reducir as emisións.
  • No tocante ao dióxido de xofre (SO2), volvéronse detectar superacións da concentración media diaria recomendada pola OMS nas estacións industriais Pastoriza (Arteixo, A Coruña), Oural Sur (Sarria, Lugo) e Xove (Lugo), baixo a influencia das emisións da refinaría de petróleo de Repsol, de Cementos Oural e de Alcoa San Cibrao, respectivamente.

A mellora da calidade do aire pasa pola redución da queima de combustíbeis fósiles e de biomasa, sen esquecer a necesidade de limitar a gandaría intensiva. Nas cidades en particular cómpre diminuír o tráfico motorizado, potenciando a mobilidade activa peonil e ciclista e o transporte público limpo. Tamén é preciso promover o aforro enerxético, adoptar as mellores técnicas industriais dispoñíbeis, pechar o antes posíbel as centrais de combustíbeis fósiles (ciclos combinados a gas, centrais de coxeración), penalizar o diésel, mellorar o ferrocarril convencional, reducir o uso do avión, designar unha área de control das emisións do transporte marítimo, e unha moratoria de novas macrogranxas.

A Lei estatal de Cambio Climático obriga a que todas as cidades de máis de 50.000 habitantes conten con zonas de baixas emisións antes de 2023. Para que sexan realmente efectivas na mellora da calidade do aire e na redución das emisións de gases causantes de cambio climático, os Concellos deben afrontar con ambición o seu deseño, establecendo restricións importantes ao uso do automóbil privado.