•  “Por unha pesca sustentábel” é a nova campaña coa que este verán o Diosa Maat, o veleiro de Ecoloxistas en Acción, percorrerá as augas ibéricas do  Atlántico.
  • O obxectivo principal desta campaña é dar visibilidade ao problema da sobrepesca, nomeadamente en augas profundas, e ofrecer apoio ao sector pesqueiro artesanal.

A embarcación de Ecoloxistas en Acción volve sucar os mares en defensa do ambiente. “Por unha pesca sustentábel ímonos ao Atlántico” é o lema que impulsa a campaña de 2018, coa que o veleiro Diosa Maat sairá de Cádiz cara a Portugal, rodeará a costa atlántica e chegará até Santander.

Durante o próximo mes e medio o veleiro realizará paradas tanto na costa portuguesa como na española. Lagos, Lisboa, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Tapia, Avilés, San Vicente de la Barquera e Santander son os destinos onde o Diosa Maat fará de ferramenta operativa, de soporte e difusión de múltiples actividades e protestos en relación ás ameazas ambientais da contorna litoral ou marítima. Unha campaña de ‘porto a porto’ coa que desenvolverá o que xa é un sinal distintivo da organización: actuar localmente para unha mudanza global.

Este ano a temática central está dedicada á sobrepesca. Desde Ecoloxistas en Acción queremos lembrar que a lexislación europea ten marcado o ano 2020 como data límite para acabar coa sobrepesca. Malia os avances que se realizaron, aínda máis do 40 % das poboacións do Atlántico sofren sobrepesca. E en especial queremos mencionar a problemática dos peixes de augas profundas, posto que os seus límites de captura decídense cada dous anos, sendo este ano definitivo para acabar coa súa sobrepesca no prazo fixado.

O itinerario realizará as súas primeiras paradas na costa portuguesa, onde se realizará unha colaboración entre Ecoloxistas en Acción e ONGD locais. Durante este período, abordaranse problemáticas comúns aos dous países, como a sobrepesca e as prospeccións petrolíferas.

A segunda etapa da campaña situarase en Galicia, onde se organizarán actividades relacionadas coa pesca e os problemas da minaría.

Os dous últimos tramos  da travesía sucederán durante o mes de xullo polas costas de Asturias e Cantabria. Nestes puntos os eventos focalizarán algunhas problemáticas locais, como a contaminación do aire, a minaría, e, mantendo a liña central, faranse encontros e actividades para promover unha pesca sustentábel.

Como vén sendo habitual, o veleiro funcionará ademais como unha plataforma de intercambio de voluntariado. Cada semana embarcará un novo grupo de persoas voluntarias tanto de dentro como de fóra de Ecoloxistas en Acción.

O voluntariado exponse  como unha forma de colaboración activa da loita ecoloxista. Decenas de persoas participarán en obradoiros, xornadas, encontros e accións, así como nas tarefas cotiás de mantemento, navegación e manexo de redes sociais, co engadido de vivir unha experiencia no mar. Marquesa H. D’Ascoli, coordinadora da campaña ‘Por unha pesca sustentábel’ explicou: “Buscamos partillar e aprender, crear un proxecto vivo e cambiante que nos una e dea forza para enfrontarmos os problemas do mundo actual”.

Un barco con historia

O veleiro de Ecoloxistas en Acción foi cedido pola Audiencia Nacional a Ecoloxistas en Acción hai máis de 10 anos tras ser comisado por tráfico de cocaína nunha operación antidroga nas augas de Cabo Verde. Desde entón a embarcación foi plataforma de múltiples campañas como ‘Salvemos o Atún Vermello’, ‘Quenllas, o depredador convertido en presa’, ‘Por unha costa sá e unha pesca con futuro’, ‘En acción pola biodiversidade do Mediterráneo’ ou ‘Azul escuro, case plástico’.

Na súa última campaña durante 2017, ‘O veleiro Diosa Maat en Acción’, Ecoloxistas en Acción abordou o futuro de Doñana após o incendio do ano pasado, os plásticos procedentes dos invernadoiros abandonados das costas de Granada e Almería, ou a mala xestión dos residuos en Melilla (onde non hai control nin limpeza das verteduras aos ríos). Así mesmo dedicou boa parte dos seus esforzos á protección da Patella ferruginea, unha lapa en perigo de extinción, incluída desde 1999 no Catálogo Español de Especies Ameazadas.