Ecologistas en Acción dialoga co novo Ministro de Fomento, Xosé Blanco, a partir de extractos do seu discurso de investidura. Na discusión a confederación ecoloxista estatal explica porque considera tremendamente errónea a política que pensa levar a cabo o Ministerio: incrementará os impactos ambientais e os seus maiores beneficiados serán as empresas construtoras.

Xosé Blanco: «Estimularei a actividade e competitividade das empresas de infraestruturas e transportes».

Ecologistas en Acción: Actualmente as empresas construtoras españolas son líderes mundiais. Esta situación conseguíronna á custa do forte proceso especulativo que se produciu no noso Estado nos últimos anos. Ecologistas en Acción quere salientar as tres consecuencias principais da sobredimensión das construtoras españolas: incapacidade de acceder a unha vivenda digna por unha porcentaxe importante da poboación, crise económica e, sobre todo, perda de solo fértil, fragmentación do territorio, alteracións climáticas e diminución da biodiversidade, é dicir, crise das bases que sosteñen a nosa vida.

Xosé Blanco: «O PEIT é o máis importante exercicio de planificación que coñeceu España e traza o camiño que han percorrer as infraestruturas do noso país durante quince anos». «Adecuarei as estruturas do país para un futuro con garantías». «Imos acelerar a transición histórica da España radial á España en rede, para que cada punto do país for centro, e non periferia».

Ecologistas en Acción: España é o segundo país europeo con máis quilómetros de autovías e autoestradas (a penas superado por Alemaña) e o primeiro en quilómetros por vehículo ou en quilómetros por habitante. Cos 6.000 novos quilómetros planificados no PEIT (Plan Estratéxico de Infraestruturas e Transporte) será o primeiro en termos absolutos. Ademais, os 9.000 quilómetros de alta velocidade ferroviaria significarán a maior rede mundial. Hai que engadir que un bo número das infraestruturas do PEIT nin sequera teñen a demanda que, segundo os manuais de enxeñaría, é necesaria para acometer o desdobramento. É dicir, que España non ten ningún déficit de infraestruturas, non necesita máis, senón menos para vivir mellor. Os únicos que gañan realmente cun incremento da construción son as empresas do sector.

Non podemos esquecer que o transporte, o sector económico que máis crece (un 4,2% de media anual), consome o 36% da enerxía final, e case un 90% deste consumo é debido ao transporte por estrada. A súa achega ás emisións totais de CO2 medrou nos últimos 10 anos máis dun 60%, o que o converte no principal responsable de que España se afaste alarmantemente dos compromisos de Quioto. Se se cumpre o PEIT non se cumprirá Quioto.

Xosé Blanco: «Magdalena Álvarez deixa como herdanza o maior esforzo de investimento público en infraestruturas da historia de España».

Ecologistas en Acción: Efectivamente, as infraestruturas consumiron unha parte moi importante dos orzamentos nos últimos anos. O orzamento do PEIT pretende consumir nada menos que 248.892 millóns de euros para o seu desenvolvemento completo que, loxicamente, se detraen doutros capítulos (educación, saúde, prestacións sociais…). Sen ir máis lonxe, nos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) do 2009, orzamentos marcados pola crise e a «austeridade», a partida para autovías subiu un 16% e a de alta velocidade un 21'6%.

Novamente quen máis vai gañar con esta política é quen veu gañando xa: as construtoras. Así non é de estrañar que todas estivesen presentes na toma de posesión de Xosé Blanco e o felicitasen efusivamente. Alí déronse cita ACS, OHL, Acciona, Ferrovial, FCC, Sacyr, Isolux, e as patronais Seopan e CEOE. Unha representación moito maior que na toma de posesión de ningún outro ministerio. Por certo, as organizacións ecoloxistas non fomos convidadas ao acto.

Xosé Blanco: «O Ministerio de Fomento é un dos máis potentes instrumentos da forza creadora do Estado».

Ecologistas en Acción: Encontrámonos nun momento histórico sen precedentes. Estamos esgotando os recursos do planeta Terra. O máis significativo deles é o petróleo, xa que vivimos nunha sociedade tremendamente petrodependente. Ademais estamos saturando os sumidoiros, as lixeiras. O exemplo máis paradigmático é a mudanza climática.

Non é esaxerado dicir que a humanidade, tal e como a coñecemos na actualidade, xógase o seu futuro nos próximos lustros. Temos dúas alternativas:

Continuarmos medrando no noso consumo crecente de materia e enerxía, como propón o Goberno do PSOE. Isto vainos levar a un desastre seguro. Podemos discutir se o pico do petróleo atinxirémolo en 5 ou en 20 anos, o mesmo que podemos argumentar se o incremento de temperatura media global superará os 2ºC a respecto da época preindustrial (cifra que marca altas probabilidades de que o proceso se dispare irremediablemente) en 15 ou en 20 anos. O que é indiscutible é que, se non mudamos radicalmente, isto acontecerá máis cedo que tarde.

A segunda posibilidade pasa por mudarmos o noso sistema económico e pormolo ao servizo das persoas (no da acumulación e o crecemento) en paz co planeta. Para iso, cómpre aplicar as palabras de Xosé Blanco na súa toma de posesión como ministro e que o Estado deixe de ser unha forza destructora para crear unha nova economía sustentable que non necesite crecer. Menos para vivir mellor.