PDF - 897.9 KB
Luces y sombras de la lucha contra los incendios forestales
Un análisis de los éxitos y fracasos de los últimos diez años
de la lucha contra los incendios forestales en el Estado español

O informe «Luces y sombras de la lucha contra los incendios forestales» presentado por Ecoloxistas en Acción, mostra como nos últimos dez anos as administracións competentes non adoptaron as medidas necesarias para reducir o número e gravidade dos incendios forestais, polo que Ecoloxistas en Acción reclama que se priorice a prevención para reducir o número de conatos e incendios e reducir as causas dos incendios.

As principais conclusións deste informe mostran claramente cais foron os principais erros ou carencias das administracións, especialmente as Comunidades Autónomas (CC AA), na loita contra o lume:

As administracións primaron o investimento en medios de extinción en detrimento da prevención, logrando unha maior efectividade na extinción dos incendios pero favorecendo que o número de conatos e incendios non se reducise ostensiblemente. Ademais, malia o aumento dos medios de extinción estes encontran grandes dificultades á hora de extinguir os grandes incendios cando coinciden con circunstancias climatolóxicas moi desfavorables, tanto pola incidencia e permanencia de temperaturas moi elevadas, coma pola escasa humidade acumulada do solo e de parte da vexetación. Nos próximos anos esta situación agravarase cos efectos, xa evidentes, da mudanza climática, polo que é imprescindible priorizar a prevención, especialmente reducindo ao mínimo as causas responsables dos incendios forestais

As CC AA non realizaron os necesarios esforzos para minimizar as principais causas dos incendios. Malia que dende 2005, tras o grande incendio de Guadalajara se incrementou a regulación do uso do lume no medio natural, as CC AA non lograron impedir que se siga utilizando o lume con fins agrarios (queimas de restrebas, queimas para a obtención de pastos…) durante os meses de máximo risco.

Na última década comprobouse que algunhas actuacións das administracións favoreceron un aumento no risco dos incendios forestais pola falta de planificación e xestión forestal e a realización de repoboacións ou plantacións con especies que favorecen os incendios, ademais dun desenvolvemento urbanístico en zonas forestais, que incrementa o risco de incendios forestais, e supón un elemento de distracción notable para os medios de extinción que se ven obrigados a protexer as devanditas construcións en detrimento do obxectivo de controlar o incendio.

Malia os avances realizados, non se rematou coa impunidade dos incendiarios, sendo imprescindible que se intensifiquen os esforzos e se incrementen os recursos na investigación de todos os incendios e a persecución dos incendiarios, reforzando as fiscalías, así como o Seprona e os axentes forestais, sen esquecer que os xuíces teñan unha maior formación en incendios forestais.

Tras analizar a loita contra os incendios forestais na última década, Ecoloxistas en Acción considera urxente que todas as administracións asuman como prioridade o reducir o número de conatos e incendios e adoptar medidas extraordinarias para rematar coas principais causas dos incendios forestais.