A valoración da folga xeral de onte por parte de Ecoloxistas en Acción ten múltiples facetas que deitan un resultado de éxito moderado que se inscribe nun novo ciclo de loitas sociais ascendentes.

Para Ecoloxistas en Acción resulta evidente que a convocatoria foi notabelmente máis exitosa que a da anterior folga xeral a nivel estatal por catro razóns principais. Por unha parte porque o elenco de sindicatos e organizacións convocantes foi maior abranguendo, se non a todo o arco de esquerdas, a case todo. En consonancia, a amplitude territorial da resposta foi maior, incluíndo ás distintas nacionalidades que conviven no Estado español. Pero obviamente foi un éxito tamén no que atinxe ao seguimento, como mostran indicadores tan claros como a baixada no consumo eléctrico, os comercios con moi pouca actividade (folga de consumo), e os peches na industria, o transporte ou o mercado almacenista. Finalmente, a folga xeral supuxo un potente día de loita en moi distintos aspectos (manifestacións, piquetes, marchas ciclistas, comidas populares,…) notabelmente máis concorridos, variados e numerosos que na última convocatoria.

Non obstante non se pode dicir que a folga xeral fose o froito dun consenso social. Varios sectores abriron de forma maioritaria, destacando pola súa vistosidade o pequeno comercio e a banca. Outros sumáronse con timidez, como as administracións públicas. Alén diso, a mobilización na rúa veu acompañada dunha actitude moi agresiva en contra por parte dunha parte da cidadanía. En resumo, a folga resultou profundamente incomprendida para importantes sectores sociais.

Á calor destes indicadores, Ecoloxistas en Acción cualifica a folga xeral como un éxito moderado. A convocatoria aglutinou maioritariamente aos sectores politicamente máis organizados da sociedade, mais non foi capaz de transcender máis que parcialmente cara a outros que non o están.

Estes datos concordan cos publicados por algúns medios de comunicación o domingo pasado, que mostraban unha maior polarización social arredor da convocatoria da folga xeral. Unha polarización que probabelmente corresponde coas partes da sociedade que se resignan a pagar o axuste das políticas da gran banca e as inmobililiarias, fronte ás que non. Porén, estas medidas non son aceptadas por unha ampla maioría da sociedade, como mostra outra enquisa publicada polo mesmo xornal o 24 de outubro.

En todo caso, para a organización ecoloxista o máis importante é que a folga se inscribe nun ciclo de mobilizacións á alza dende o nacemento do 15 M. A folga xeral de onte non é un feito illado e non debe lerse así, o que sen dúbida é un problema para o Goberno do PP.

É máis, a folga xeral do 29 M está nun contexto de mobilizacións de similares obxectivos no resto de países da Europa mediterránea (e do resto da UE). Estas mobilizacións están cada vez máis conectadas, como o testemuñan as convocatorias europeas para accións e manifestacións o vindeiro mes de maio, ou a coordinación das campañas pola auditoría á débeda que se están a desenvolver en varios países.

Por último, a organización ecoloxista quere salientar que a folga non foi só contra a reforma laboral. Por exemplo, as críticas á UE estiveron moi presentes, como tamén o estiveron os contidos ambientais. Por exemplo, se na última folga xeral os piquetes en bicicleta foron unha novidade, esta vez foron un elemento utilizado de forma moito máis xeralizada. Ademais, a chamada a unha folga de consumo foi explícita por moitas organizacións e expresouse nunha das consignas máis coreadas ao longo do día: “hoxe non se traballa, hoxe non se consume”.