Hoxe presentouse en rolda de prensa en Madrid a Plataforma «Non Á nosa Costa», unha iniciativa posta en marcha por Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, GOB, SEO/BirdLife e WWF pola defensa da Lei de Costas, perante os reiterados intentos de reforma desta.

Para as case 100 organizacións que forman polo de agora a Plataforma «Non Á nosa Costa», a Lei de Costas é unha garantía para a conservación dos ecosistemas litorais, o uso público na costa e o freo á especulación urbanística.

A Plataforma está formada por decenas de organizacións ecoloxistas, do sector social e económico, e reúne a empresas de turismo activo e natureza, asociacións de veciños do litoral, departamentos de diferentes universidades, a Asociación de Xuíces para a Democracia, formada por máis de 500 xuíces, o Observatorio de Responsabilidade Social Corporativa, o Foro de Turismo Responsábel, ATTAC (Asociación pola Taxación das Transaccións Financeiras e pola Axuda aos Cidadáns), ou sindicatos como UGT, CCOO ou CGT, entre outras.

«Non á nosa costa» desexa converterse nun movemento cidadán e apartidista, que sume forzas e voces para garantir o uso público e libre da nosa costa, así como a conservación do litoral. Desde a plataforma isto é fundamental para a actividade económica a longo prazo e insístese en que a aplicación correcta da Lei de Costas, sen dúbida, debe conxugar a conservación e o desenvolvemento económico.

Coa presentación da Plataforma, as organizacións lanzaron tamén unha campaña de mobilización cidadá para a título persoal apoiar a validez da actual Lei de Costas en www.noanuestracosta.org.

A situación da nosa costa actualmente

A entrada en vigor da Lei de Costas, en 1988, avanzou decisivamente na conservación dos recursos naturais. Estabelecéronse claros límites ao proceso de desfiguración da costa (iniciado hai 60 anos), facendo patente o uso público da costa para todos os cidadáns que recolle o artigo 132 da Constitución española. Alén diso, salvagarda os dereitos lexítimos de particulares e empresas, dando un prazo de 30 anos, que remata en 2018, e prorrogábeis outros 30 máis, para buscar outra situación ao grande número de industrias altamente contaminantes que se asentan na costa.

En dúas décadas, a nosa costa perdeu unha superficie similar a oito campos de fútbol cada día. Unha costa mal conservada cústanos miles de millóns de euros cada ano, diñeiro público que se destina á restauración de paseos marítimos, praias, infraestruturas costeiras e ao control de verteduras nunha espiral de gasto sen fin.

Desde a plataforma considérase que a aplicación da Lei de Costas ten que ser estrita, sen rebaixas, eliminando as construcións ilegais e compensando aqueles propietarios vítimas da mala xestión administrativa (estudando caso por caso). Unha reforma da Lei de Costas, nos termos formulados polo Goberno, onde só uns poucos se verían favorecidos, implicaría un enorme custo que pagariamos todos co diñeiro dos nosos impostos.

A mellor política que se debe realizar é favorecer a conservación do contorno. O respecto aos procesos ecolóxicos non é un freo ao progreso, senón o camiño para saír da crise.

Dez motivos para defendermos a Lei de Costas

En dúas décadas, cada día perdeuse unha superficie da nosa costa similar a oito campos de fútbol. A Lei de Costas non debe ser reformada, senón aplicada correctamente xa que:

  • A Lei de Costas garante o uso público e libre da costa. Defender as nosas praias, calas, dunas, acantilados e rías é protexer un ben común.
  • A Lei de Costas debe ser un seguro contra a especulación e contra a corrupción no noso litoral.
  • A Lei de Costas salvagarda o valor económico do litoral. Unha costa ben conservada xera beneficios duns 8.000 millóns de euros ao ano e máis empregos que unha costa degradada.
  • A Lei de Costas asegura o bo estado do litoral. Unha costa saudábel é a base para a pesca e o marisqueo, xa que é o viveiro de especies cruciais para o futuro do sector.
  • A Lei de Costas permite a instalación nas nosas praias de estabelecementos, como restaurantes, terrazas, etc, sempre que cumpran a lexislación.
  • A Lei de Costas avala novos modelos de desenvolvemento turístico, investindo en reformar as infraestruturas existentes, sen necesidade de construír outras novas.
  • A Lei de Costas vela pola seguridade cidadá, evitando que se edifique en zonas perigosas por risco de inundación ou temporais.
  • A Lei de Costas evita que se produza unha amnistía para aqueles que danaron o litoral.
  • A Lei de Costas está aliñada coa Unión Europea, que esixe transparencia urbanística e loita contra a corrupción.
  • A Lei de Costas conta co respaldo dos tribunais españois, que fallaron no 95% dos casos a favor do interese xeral e non de intereses particulares.

www.noanuestracosta.org