PDF - 3.3 MB
Deuda pesquera europea y española
Implicaciones globales, causas y soluciones

O peixe procedente dos caladoiros baixo xurisdición española só permite cubrir un 34,9 % de todo o peixe consumido no Estado español. Por esta razón, a pegada pesqueira española é unha das máis altas do mundo: catro veces superior á media mundial. Para suplir o consumo restante incórrese por tanto nunha débeda pesqueira, entre cuxas consecuencias destacan a sobreexplotación dos caladoiros e a deterioración da pesca artesanal. O Estado español ten así mesmo unha responsabilidade directa nestes impactos, ao posuír a maior frota pesqueira exterior de toda a Unión Europea.

Ecoloxistas en Acción fixo público o informe Deuda pesquera europea y española. Implicaciones globales, causas y soluciones coa finalidade de dar a coñecer á opinión pública os impactos socioambientais que o noso consumo de peixe causa noutras partes do planeta, sinalar a responsabilidade directa das frotas exteriores españolas, e esixir que a reforma da Política Pesqueira Común –ao contrario do que foi até agora- apoie as frotas artesanais e aposte pola xestión sustentábel dos caladoiros. No informe explícanse ademais dous casos concretos: o do Sahara Occidental e o de Senegal.

As conclusións principais que se extraen do informe son as seguintes:
- A data en que o Estado español comeza a depender de recursos pesqueiros externos correspóndese co 8 de maio, dous meses antes que a media doutros países da Unión Europea. É dicir, que a nosa autosuficiencia no consumo dos produtos pesqueiros é do 39 %.
- Esta autosuficiencia tan baixa é a causa de que a nosa pegada ecolóxica debida ao consumo de peixe sexa catro veces superior á media mundial.
- A sobreexplotación dos caladoiros próximos, causada polo auxe da modalidade de pesca industrial, xunto coa deterioración dos nosos mares, e o incremento do consumo de peixe das últimas décadas, fixo que se «colonizasen» novas zonas pesqueiras por parte das frotas españolas e europeas. Poderíase falar, por tanto, dunha «débeda pesqueira» dos países enriquecidos fronte aos países empobrecidos, e entre as súas respectivas frotas, para compensar o déficit pesqueiro dos primeiros, así como para lucrarse no mercado global da pesca. Entre os primeiros atoparíanse os países e as frotas da Unión Europea, de América do Norte e do Pacífico Occidental, e entre os segundos, os países de África e do Pacífico sudoccidental.
- Os buques industriais da UE acceden aos caladoiros de terceiros países do Sur mediante: acordos pesqueiros asinados entre a UE e os respectivos países, a través da creación de empresas nos terceiros países de titularidade completamente estranxeira ou mixta (con socios do país), ou practicando a pesca INDNR (ilegal, non declarada e non regulamentada).
- No Estado español só o 24 % de todas as embarcacións son de tipo industrial, con todo, debido ao seu maior tamaño representan o 94 % da capacidade pesqueira total. Así mesmo, de cada 10 embarcacións catalogadas como frota exterior (aquelas que desenvolven máis do 90 % da súa actividade pesqueira en caladoiros non nacionais) 6 son españolas, e a española presenta máis da metade de toda a capacidade pesqueira da frota exterior da UE.
- A sobreexplotación dos caladoiros nos terceiros países causa a deterioración dun recurso alimentario fundamental ás súas poboacións, á vez que destrúe a actividade económica que se sustentaba ao redor da pesca artesanal. Como sucedeu por exemplo en Senegal, país no que faenan un gran número de embarcacións españolas.
- O acceso aos recursos pesqueiros levou mesmo á Unión Europea a asinar acordos que van contra o Dereito Internacional como sucede coa sinatura do acordo pesqueiro con Marrocos, no que se inclúen os caladoiros pertencentes ao Sahara Occidental ocupado. Perpetuando deste xeito o conflito bélico, e favorecendo a ocupación militar e ilegal do Sahara Occidental por parte de Marrocos.

Por todo iso, ao final do informe sinálanse cais son os principios que debería recoller a nova Política Pesqueira Común (PPC), en proceso de reforma, para conseguir evitar a progresiva deterioración dos nosos caladoiros e os doutras rexións do planeta, e evitarmos así os negativos impactos socioambientales causados polo noso consumo actual de peixe. Para iso a nova PPC debe orientarse cara á recuperación de poboacións de peixes sas e lograr que a explotación dos recursos pesqueiros se realice por riba dos niveis que poidan producir un Rendemento Máximo Sustentábel, así como apostar polo desenvolvemento da pesca artesanal e sustentábel mediante a aprobación de medidas e políticas específicas que estabelezan a consecución da sustentabilidade ambiental como obxectivo prioritario. Pero para lograr esta sustentabilidade, debe prevalecer o principio de precaución e o enfoque ecosistémico, baseado na xestión a longo prazo e na aplicación dos mellores coñecementos científicos