Ecoloxistas en Acción súmase a organizacións e movementos sociais no rexeitamento á lei Wert. O plan de reforma do sistema educativo aposta pola competitividade e profunda nunha cultura que promove a desigualdade social, a homoxeneidade cultural e o crecemento insustentábel. Promove unha educación adaptada ás necesidades empresariais por encima das necesidades humanas e as do planeta.

O anteproxecto lanzado polo ministro Wert parte de presupostos social e ecoloxicamente inaceptábeis. Non prepara ás xeracións vindeiras para as dificultades socioambientais que xa existen e ao deixar fora os ensinos socioambientais, vira as costas aos graves problemas ecolóxicos e de xustiza social que temos que afrontar para a construción dun mundo máis xusto e sustentábel. Encontrámonos perante un anteproxecto de lei que pon claramente no centro o crecemento económico e os mercados esquecendo que precisamente a ignorancia dos límites das persoas e do planeta por parte desta economía leváronnos á situación de crise que vivimos.

Ademais, o anteproxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) atenta contra a participación e a democracia dos centros, concentrando poder na dirección (elixida pola administración) e eliminando capacidade de decisión do consello escolar. Isto impide unha cultura escolar de persoas críticas e participativas.

Coa reforma búscase que centros de diferentes contextos e condicións compitan en resultados a través de avaliacións externas, homoxéneas e descontextualizadas. Unhas avaliacións que non atenden a circunstancias particulares nin a elementos de diversidade cultural ou recursos, mostrando un claro descoñecemento das interdependencias do sistema educativo.

Todo iso profunda e fomenta a desigualdade social, que se manifesta ademais por outras vías: proponse mellorar a taxa de alumnos excelentes, adiántase a elección de traxectoria (académica ou formación profesional) e dificúltase con reválidas o itinerario educativo.

A nova lei reduce o espazo de decisión das administracións autonómicas e con iso aténtase contra a pluralidade cultural, atentando tamén contra a pluralidade lingüística. Todo iso conduce a crear un modelo educativo homoxéneo e centralista, desvencellado da vida, que esquece que a diversidade é o que dá riqueza e fortalece os nosos ecosistemas.

O sistema ríxido que propón a LOMCE non colabora a crear persoas preparadas para afrontaren situacións diversas, senón que pretende conducilos a visións ríxidas e mercantilistas. Colócase o mercado no eixo central das súas prioridades, promovendo unha educación adaptada ás necesidades do mercado, por encima das necesidades humanas e as do planeta. Aumenta o poder das empresas na formación profesional, que será previsibelmente utilizado para contar con man de obra precaria.

Debilítase a escola pública favorecendo a concertada e a privada. Permite concertos a centros que practican a educación segregada de nenos e nenas. Autoproclámase non ideolóxica á vez que asume os postulados da economía neoliberal e fortalece a presenza da relixión católica.

Coa LOMCE, a educación deixa de ser un dereito básico para se converter nun servizo que se oferta no mercado, transforma os suxeitos de dereito en clientes que poderán consumir unha ou outra oferta de ensino en función do seu poder adquisitivo. Promove definitivamente un modelo de crecemento que está a resultar suicida para o planeta.