O Consello de Pesca e o Parlamento Europeo acordaron esta madrugada as novas claves do Regulamento base da Política Pesqueira Comunitaria (PPC), chegando a un acordo en temáticas tan importantes como o Rendemento Máximo Sustentábel (RMS), os descartes, e entre outros, o acceso aos recursos. Ecoloxistas en Acción sostén que a reforma aborda obxectivos urxentes e necesarios, mais non é o suficientemente ambiciosa. Ten tamén aspectos positivos, como novos criterios sociais e ambientais na repartición das cotas.

As expectativas non se cumpriron. Sobre o papel o obxectivo é pór fin á sobrepesca en 2015, mais con posibilidade de atrasalo a 2020. A falta dun calendario firme para asegurar a recuperación das poboacións de peixes a niveis sustentábeis é decepcionante.

«Estamos satisfeitos de que os colexisladores acordasen pór fin á sobrepesca en 2015. O problema é que estamos coa mesma canción de sempre: din que se fará cando for posíbel», explica Lydia Chaparro, responsábel de pesca de Ecoloxistas en Acción. «Ademais a reforma apunta a que, se non hai datos suficientes, poderíanse utilizar parámetros aproximativos, o que demostra unha vez máis a falta de valentía política que arrastramos reforma tras reforma».

Co regulamento acordado poderían tardarse dez, vinte, trinta ou moitos máis anos en recuperar as poboacións de peixes a niveis saudábeis. Por tanto, Bruxelas volve presentar unha reforma pouco ambiciosa que non beneficia a medio nin a longo prazo o ecosistema mariño, nin o futuro da pesca no seu conxunto.

A proposta acordada sobre os descartes tamén é preocupante, especialmente no Mediterráneo, onde todas as especies suxeitas a talla mínima deberanse desembarcar, mais permitirase aos pescadores tirar pola borda un 5% da captura anual. «O control e aplicación desta normativa é extremadamente complicada, máis aínda no Mediterráneo, e preocúpanos a aparición dun novo mercado negro baseado en xuvenís», explica Chaparro. Tamén apunta ao perigo de que esta reforma fomente de maneira insustentábel a acuicultura industrial «que agora podería verse beneficiada polo abaratamento dos pensos e aceites fabricados a base dos descartes desembarcados».

Ecoloxistas en Acción aplaude a inclusión na nova reforma dunha das súas principais demandas. A repartición de cotas pesqueiras farase seguindo criterios obxectivos e transparentes que terán en conta factores sociais e ambientais -por exemplo o impacto sobre o ambiente, o historial de cumprimento lexislativo e a achega á economía local-, e non só criterios históricos como até agora. Os pescadores artesanais, que practican artes de baixo impacto ambiental e alto rendemento social veranse beneficiados por este novo acceso preferente aos recursos pesqueiros.