Acumúlanse 275 millóns de toneladas de materias primas valiosas, perto do 70% de todos os nosos residuos terminan enterrados no canto de reciclados. A redución, reutilización, o Sistema de Retorno e a recolla selectiva da materia orgánica serían a solución para xestionarmos os nosos residuos.

Como se pode ver nas rúas de Madrid, os problemas do lixo comezan no momento que nos desprendemos del. Por pura coincidencia, presentáronse hoxe informes que abordan os graves problemas de xestión dos residuos domésticos. Perto do 70% deles terminan nos vertedoiros. Alí acumúlanse centos de millóns de toneladas de materias primas valiosas. Para evitar o desbaldimento é preciso mudar. A redución de residuos, a reutilización, un Sistema de Retorno de envases (SDDR) e a recolla selectiva da materia orgánica para unha óptima compostaxe serían os primeiros pasos para atallarmos os problemas.

Cada cidadán en España «produce» uns 535 quilogramos de residuos ao ano. Son 24 millóns de toneladas ao ano no Estado español, que van parar aos perto de 200 vertedoiros legais que existen e aos centos e milleiros doutros vertedoiros ilegais dispersos pola xeografía. O informe «Un yacimiento en la basura», realizado por Ecoloxistas en Acción e Amigos da Terra, dúas das asociacións que fan parte da Plataforma Retorna, vén denunciar que o 70% destes residuos entérrase sen máis, desperdiciando millóns de toneladas de materias primas que terían que ser recicladas para unha segunda vida.

O intento por descubrirmos a realidade dos vertedoiros chocou cun muro de silencio. As instalacións que xestionan os nosos lixos só ofrecen datos fríos e contraditorios, sempre positivos para os seus intereses. Ningún organismo controla as estatísticas e as administracións danas por boas e envíanas a Bruxelas. A falta de cifras contrastadas e a súa dispersión poderían ser a causa de que desde 2006 non haxa un informe sobre os vertedoiros como este. Unha gran burbulla do lixo está a piques de estoupar.

O 12% dos vertedoiros españois foron apercibidos por unhas ou outras causas por Bruxelas desde 2008. Imposíbel sabermos qué pasa con esas denuncias que poderían terminar en sancións contra España. Retorna dirixiuse á CE para coñecer ao detalle estas denuncias e a súa tramitación, mais tampouco obtivo respostas concretas.A respecto das denuncias, Daniel López, experto en residuos de Ecoloxistas en Acción, aclara: «Non están a ser eficaces para erradicar a práctica do vertido rampante, porque a Administración española consente e ampara a pervivencia dos vertedoiros, sempre condicionada a futuras 'medidas correctoras» que non chegan nunca».

O gran negocio da recolla de lixo e xestión dos residuos move ao ano 4.500 millóns de euros. Se se lle suma a limpeza urbana, a cifra ascende a 5.150 millóns de euros. Detrás destes grandes contratos que se asinan por unha ou dúas décadas existen casos de corrupción xa nos tribunais. O outro negocio é o da incineración. Queimar para non ver. O sector quere dobrar o número de incineradoras existentes para queimar no ano 2020 case oito millóns de toneladas. Pero a incineración produce contaminación e dispersa sustancias perigosas. Ademais queima materias primas de gran valor, ás que só saca o rendemento duns poucos quilowatts. E após incinerar, o 30% dos residuos convértense en cinzas que hai que tratar como perigosas.

No marco desta opacidade nos datos sobre recolla e reciclaxe de residuos en España, Amigos da Terra e a Fundació per a la Prevenció de Residus i el Consum Responsable decidiron examinar o contido do lixo de catro zonas españolas: Canarias, Baleares, Navarra e Barcelona. Ramón Sans, catedrático experto en residuos da Universidade Politécnica de Cataluña, realizou un minucioso estudo de caracterización que corrobora os datos que veñen denunciando amplamente: a recolla dos envases de bebidas, que son recursos de gran valor e os envases máis consumidos no noso país, é insustentábel.

No mellor dos casos, esta recolla chega ao 40% (en Cataluña, que é onde mellor se xestionan os residuos) mais no peor, que ademais coincide coas zonas de máis consumo e maior visibilidade internacional (Baleares ou Canarias) non supera o 15%. Iso significa que o 85% duns recursos valiosos, como son o aluminio, aceiro, vidro e plástico PET, desaprovéitanse e acaban en vertedoiros ou incineradoras.

En resumo, Retorna aposta polo Residuo Cero. Mentres tanto apoia os obxectivos da UE de reciclar un 50% dos nosos residuos urbanos, pechar os vertedoiros e non incinerar ningún residuo que se poida reciclar.

As 19 asociacións que impulsan Retorna propoñen como solución a tanto desacerto: a redución, a reutilización, o sistema de retorno de envases (SDDR) e a recolla selectiva da materia orgánica. Con iso, conseguiremos diminuír a «produción» de residuos, evitaremos enviar cada día 2.000 camións cargados de envases dun só uso aos vertedoiros e destinaremos a metade do cubo do lixo actual a producir compost de calidade, contribuíndo a inverter a tendencia á desertificación do noso país.