PDF - 193.6 KB
Once propuestas para la conservación del lobo ibérico

ASCEL, Ecoloxistas en Acción e Lobo Marley reclaman ás formacións políticas que se presentan ás próximas eleccións autonómicas que se comprometan á adopción de medidas concretas e factibles para a conservación do lobo ibérico. Entre elas figuran a paralización dos chamados “controis de poboación”, responsables da morte cada ano de máis de 200 lobos, e fomentar a coexistencia entre o lobo e a gandaría extensiva.

Ante a nefasta xestión que as diferentes administracións rexionais realizaron durante os últimos anos, este tres organizacións reclaman un cambio radical na xestión deste gran depredador, unha especie chave na conservación dos ecosistemas. Consideran imprescindible pasar da súa actual persecución a través da caza e os chamados controis de poboación, a unha xestión como especie protexida que inclúa a elaboración de plans de recuperación, a persecución do furtivismo, e a posta en marcha de campañas de educación e concienciación, sempre desde a premisa que o lobo vale máis vivo que morto.

Dada a proximidade das eleccións autonómicas ASCEL, Ecoloxistas en Acción e Lobo Marley remitirán estas propostas ás diferentes formacións políticas pedindo que se comprometan publicamente á súa aplicación, especialmente nos casos de Galicia, Cantabria, Asturias, Euskadi, Castela e León, A Rioxa, Aragón, Catalunya, Comunidade de Madrid, Estremadura, Castela-A Mancha e Andalucía.

Descargar PDF

11 propostas para a conservación do lobo ibérico nas Comunidades Autónomas

1.- Protección estrita do lobo ibérico en toda España e inclusión da especie nos Catálogos de Especies Ameazadas das comunidades autónomas (CCAA).
O lobo é un elemento chave para o correcto funcionamento dos ecosistemas. Dada a situación das súas poboacións na Península Ibérica, o lobo debe ser unha especie protexida en toda España, como xa o é en Portugal. Para iso, debe ser incluída nos distintos Catálogos de Especies Ameazadas rexionais. O primeiro efecto desta protección será que o lobo deixará de ser especie cinexética.

2.- Paralizar de forma inmediata os plans ou decretos de control da especie.
Varias CCAA desenvolven plans de xestión que incorporan eufemisticamente “controis de poboación”, partindo da premisa errónea de que a predación sobre gando é unha simple función da abundancia de lobos. Os controis de poboación son medidas de xestión ineficaces, implantadas sen coñecer que individuos poden estar realmente xerando conflitos, sen avaliar as medidas preventivas utilizadas polos propietarios para evitar os ataques, e en moitas ocasións sen poder descartar que a autoría se deba a cans incontrolados (non necesariamente salvaxes). Os controis de poboación implican mortalidade aleatoria de individuos, nunha especie que forma grupos familiares moi estruturados. A desestruturación debilita eses grupos, e pode alterar as necesidades e o comportamento dos sobreviventes, incrementando de feito os conflitos co gando.

3.- Elaboración de Plans de Conservación ou Recuperación do lobo.
O lobo, como gran depredador, é escaso polas limitacións enerxéticas dos ecosistemas; non alcanzará de maneira natural altas densidades. Si é concebíbel en cambio que chegue a expandirse territorialmente, mantendo baixas densidades en toda a súa área de distribución. Reducindo a mortalidade non natural, dita expansión levaría a medio prazo a que o lobo volva colonizar aquelas zonas do territorio español das que foi exterminado polo ser humano. Cómpre por tanto que as CC AA nas que esta recolonización sexa previsíbel dispoñan de plans de Conservación e/ou Recuperación da especie. Estes plans deberían incluír a necesidade de fomentar a conectividade entre poboacións locais a través da creación efectiva de corredores ecolóxicos reforestados, pasos de fauna específicos, revisar en profundidade o modelo cinexético, a prohibición de valados cinexéticos e/ou gandeiros, etc. Esta iniciativa requirirá un alto grao de coordinación entre CC AA e autoridades locais.

4.- Aprobación, adecuación real e/ou revisión dos Plans de Xestión das Zonas de Especial Conservación (ZEC) con presenza de lobo.
Actualmente a maior parte das ZEC con presenza de lobo non foron declaradas e os borradores de plans de xestión que se están elaborando non contan con información detallada da especie, carecen de obxectivos ambiciosos, ou non contemplan accións específicas para a conservación da especie. Por iso, non se está garantindo o estado de conservación favorábel da especie, sobre todo ao sur do Douro.

5.- Promover a elaboración dun censo peninsular do lobo ibérico.
Este censo debe ser científico, independente e supervisado por persoal de organismos nacionais e internacionais de prestixio que nos permita coñecer a situación real da especie na actualidade. Coñecer a distribución dunha especie é fundamental para a súa conservación, así como para prever e xestionar futuros cambios desa distribución e, por tanto, das consecuencias que a presenza da especie poida carrexar.

Non debemos restrinxirnos só a subxectivos datos numéricos que constitúen unha foto fixa e que son os que guían as diferentes administracións para xustificaren os seus “controis poboacionais”, senón que debemos facer tamén fincapé en asegurar a conservación a longo prazo permitindo o incremento da variabilidade xenética, xa que as actuais poboacións ibéricas de lobo proveñen dun limiar próximo á extinción que aconteceu no pasado século XX como consecuencia da persecución humana (directa e indirecta).

6.- Fomentar a coexistencia entre o lobo e a gandaría extensiva.
Manter unha poboación de lobos en estado favorábel de conservación, como dita a Directiva Hábitats da UE, pode ser compatíbel coa explotación gandeira de pastos. Esa compatibilización pasa por recoñecer e admitir a presenza de lobos na paisaxe axustando a xestión en consecuencia, en lugar de apostar polo permanente estado de excepción e conflito que supoñen a predación sobre gando e as medidas letais de control de poboación. Un compoñente importante dese axuste consistiría na elección das razas mellor adaptadas á contorna, e a adopción de medidas preventivas (cans de vixilancia, pastoreo, recolla nocturna, valados etc.).

7.- Axudas ao sector agrogandeiro condicionadas a compromisos ambientais.
Os lobos non ameazan a viabilidade do sector gandeiro español, xa que a predación sobre gando afecta a menos do 1% da cabana gandeira extensiva. Ese patrón xeral non impide que determinadas zonas ou explotacións concretas poidan verse especialmente afectadas. Para evitar descompensacións na repartición de esforzos de conservación, é desexábel implantar axudas ás explotacións gandeiras en territorios con presenza de lobos. Perante o fracaso do sistema actual de indemnizacións, que non reduce tensións sociais, é necesario orientar as axudas a financiar a adopción de medidas preventivas da predación nas explotacións gandeiras. Así mesmo, o pagamento de compensacións por predación sobre gando debe estar condicionado á adopción previa desas medidas preventivas. Trátase dunha estratexia máis robusta, proactiva, que busca evitar danos ao gando e á poboación de lobos. Dita aproximación prestaríase a menor manipulación política, e incentivaría as boas prácticas gandeiras e de xestión de fauna.

8.- Diminución da presión cinexética sobre presas salvaxes do lobo (corzo, cervo, xabaril, etc.)
Para lograr a conservación do lobo e reducir o número de ataques ao gando é fundamental diminuír a presión sobre as súas presas salvaxes, o cal ademais evitaría ou reduciría a necesidade dos descastes que se realizan destas especies pola ausencia de grandes carnívoros. O máis eficiente controlador natural dos ungulados silvestres é o lobo, non só pola presión directa, senón pola modificación dos patróns de uso de hábitat dos herbívoros.

9.- Promover accións contra o furtivismo e os envelenamentos.
A principal causa de mortalidade dos grandes carnívoros, mesmo en ambientes protexidos, é de orixe humana. O lobo segue sendo perseguido incesantemente de maneira legal e ilegal na maior parte da súa área de distribución, existindo moi pouco interese por parte das administracións en perseguir e acabar ditas actividades. Isto supón a erradicación de moitos individuos dispersantes que impiden a estes exemplares asentarse e recolonizar os seus antigos territorios históricos e entre outras cousas, poden impedir a conexión efectiva cos lobos que se encontran severamente ameazados de extinción en Sierra Morena.

Por iso, é necesario que as CC AA e o Estado adopten medidas concretas e máis severas, lexislando respecto diso, que eviten a persecución da especie e castiguen aos culpables.

10.- Regular e propiciar o ecoturismo de lobos, incluídas as actividades de observación directa e fotografía.
O turismo de observación da natureza supón unha importante actividade socioeconómica en diferentes países, con ingresos moi superiores aos derivados da caza das especies observadas. Esta actividade pode e debe ser compatíbel coa conservación da especie e o seu hábitat. Para que o seu desenvolvemento sexa sustentábel, é imprescindíbel que o lobo deixe de estar sometido a explotación cinexética e controis de poboación, fontes de mortalidade non natural nun predador superior que impoñen notábeis alteracións de comportamento. Ademais, é dificilmente explicábel para un guía de natureza e os seus clientes que o lobo que están a observar pode estar morto ao día seguinte.

11.- Fomentar a educación e concienciación sobre a importancia ecolóxica dos grandes depredadores, en particular do lobo.
Unha das claves para que a sociedade sexa consciente da importancia ecolóxica dos grandes depredadores e para que colabore por tanto na súa conservación, é pór en marcha campañas de educación e concienciación sobre a importancia ecolóxica, cultural e social do lobo, no noso caso.