Ecoloxistas en Acción cualifica de decepcionantes os límites de pesca para 2017 que o Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea acaba de decidir.

Esta madrugada terminou a reunión do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea (UE) que comezou o luns co obxectivo de fixar os límites de pesca para 2017, coñecidos como totais admisíbeis de capturas (TAC) para a maior parte das poboacións pesqueiras do Atlántico Nororiental e as augas adxacentes.

Para Ecoloxistas en Acción, os Ministros de Pesca da UE non foron o suficientemente ambiciosos e, un ano máis, numerosos límites de pesca volvéronse estabelecer por riba das recomendacións científicas que xa eran públicas desde hai meses.

Trátase dunha decisión chave para pór fin á sobrepesca e restaurar as poboacións de peixes a niveis saudábeis tal e como marca a Política Pesqueira Común (PPC), que contén obxectivos e prazos vinculantes que deben cumprirse como moi tarde en 2020.

Aínda así, o obxectivo de pór fin á sobrepesca está aínda lonxe de se acadar posto que, segundo datos da propia Comisión Europea, máis do 60% das poboacións da UE avaliadas están aínda por baixo dos límites biolóxicos de seguridade e case a metade dos stocks do Atlántico sofren sobrepesca.

Eneko Aierbe, responsábel de pesca de Ecoloxistas en Acción e responsábel da acción na que participaron varias organizacións fronte ao edificio do Consello da UE en Bruxelas o pasado luns, declara que «aínda que levamos as demandas de centos de persoas que participaron na campaña Como peixe na auga para pedir límites de pesca sustentábeis até Bruxelas, os Ministros de Pesca dos 28 volveron lexislar un ano máis a favor da sobrepesca, nun proceso de negociación que tivo lugar a porta pechada».

A análise das decisións do Consello que acaba de ter lugar aínda é provisional, posto que o acordo final alcanzado non se fará público ao completo até dentro dalgunhas semanas. Mais Ecoloxistas en Acción coida que as oportunidades de pesca estabelecidas para determinados stocks son preocupantes.

Algúns exemplos: para o stock da pescada do sur (Cantábrico e augas ibéricas atlánticas) o consello científico estabelecía unha captura desexada de 6.838 toneladas e finalmente decidiuse un límite de captura de 10.520 toneladas (é dicir, un 54% por riba do consello científico). Para o merlán oeste (Golfo de Biscaia e Cantábrico) o consello científico recomendaba unhas capturas non superiores ás 1.613 toneladas, con todo lexislouse un límite de pesca de 2.540 toneladas (un 57% superior). Así mesmo, para o abadexo norte (Mar Céltico e Canle da Mancha) cuxo límite de pesca recomendado era de 4.080 toneladas, estabeleceuse finalmente en 12.146 toneladas (é dicir, un 198% por riba do nivel sustentábel aconsellado polo criterio científico).

Após estas decisións, Lydia Chaparro, coordinadora de pesca da Fundació ENT, acha que «os resultados deste ano son unha continuidade da mala praxe realizada polo Consello durante estes últimos anos”. E engade que «aínda que é responsabilidade de cada un dos Estados membros pór fin á sobrepesca, cómpre lembrar que España é un dos países da UE que estabeleceu historicamente máis límites de pesca por riba das recomendacións científicas (lugar que comparte xunto con Reino Unido e Portugal entre outros, tal e como reflite un artigo publicado en Marine Policy). Este feito conduciu á sobrepesca e, por tanto, á degradación do ecosistema e á perda de potencial económico do propio sector».

Na mesma liña, Aierbe declara que «cada vez máis evidencias demostran que unha pesca sustentábel levaría numerosos beneficios ecolóxicos, económicos e sociais. Por estes motivos volveremos insistir á Ministra Isabel García Tejerina que é necesario cumprir cos requisitos da PPC no menor tempo posíbel, e respectar, ao máximo, o consello científico á hora de estabelecer as oportunidades de pesca».