• A mellora das nosas cidades, en termos de saúde, igualdade de xénero e redución de impactos ambientais, non pasa só por unhas políticas sociais xustas, senón tamén por políticas ambiciosas de mobilidade sustentable, orientadas a reducir a dependencia do automóbil.
  • Transcorridos dous anos desde as últimas eleccións municipais, caracterizadas pola chegada a moitos concellos de forzas políticas denominadas do cambio, Ecoloxistas en Acción exhorta os consistorios a materializaren no que resta de lexislatura todos esas mudanzas necesarias e estruturais, a maior parte das cais non pasaron ata o momento das palabras e os xestos.

O 20 de setembro de 1987 celebrouse en toda Europa o primeiro Día sen Coches, mais non foi ata trece anos despois cando se instaurou a Semana Europea da Mobilidade (SEM). O seu obxectivo é reivindicar a viabilidade e a necesidade de transformar a mobilidade das nosas urbes, coa redución das viaxes en coche e o incremento das realizadas a pé, en bicicleta e en transporte público.

De nada serve realizar xestos favorables a unha mobilidade sustentable durante unha semana ao ano se os 358 días restantes continúan a se impulsar políticas urbanas opostas. Esta foi a tónica nos 17 anos que leva celebrándose a SEM na maior parte dos municipios españois tras o tímido esforzo que se realizou o ano pasado, no que algúns municipios se atreveron a impulsar algúns cortes de tráfico máis ambiciosos do habitual.

Por esta razón, Ecoloxistas en Acción empraza aos concellos a non caeren na inercia de se adaptaren novamente ás lóxicas e intereses que durante décadas deseñaron as nosas cidades, como consecuencia do medo a unha suposta reacción popular negativa que se promove desde forzas políticas e grandes medios de comunicación remisos ao cambio e vencellados aos tais intereses.

Pasado xa o ecuador da lexislatura, non se pode demorar máis a posta en marcha das medidas de mobilidade urbana que os retos sociais e ambientais actuais e futuros reclaman, moi especialmente os chamados concellos do cambio, cuxos programas electorais incluían estas medidas. Queda tempo para materializar o que ata o momento foron fundamentalmente palabras e xestos. É urxente pór en marcha medidas que supoñan unha transformación real estrutural das nosas cidades, e lograrmos así mitigar as nosas emisións de gases de efecto invernadoiro, adaptarnos mellor ao previsible esgotamento do petróleo e conseguir cidades máis habitables, menos contaminadas, menos ruidosas e socialmente máis xustas.

Esta SEM podería ser un bo momento para, máis aló de ver a alcaldesas e a concelleiras paseando en bicicleta e participando en charlas e mesas redondas, materializar un compromiso para implantar antes de que remate a lexislatura medidas audaces que poñan fin ás autoestradas urbanas, reduzan a velocidade, aproben plans de prioridade residencial, eliminen prazas de aparcadoiro, melloren o transporte público, faciliten o uso da bicicleta e estendan as zonas peonís, entre outras. Medidas que, en definitiva, impliquen unha drástica redución do uso do automóbil nas nosas áreas urbanas e metropolitanas, mentres se impulsa a marcha a pé, en bicicleta e en transporte público.

Lograr este obxectivo require de compromiso e vontade institucional. Hai que pór fin ás receitas do pasado que deseñaron as nosas cidades en función dos intereses dunha elite económica vinculada ao ladrillo e a construción de infraestruturas, parte de cuxos beneficios revertían á súa vez na clase política a través de todo tipo de tramas corruptas.

Non semella que as desigualdades sociais e de xénero, os problemas de saúde e os impactos ambientais provocados durante máis de 50 anos por estas receitas se acheguen ao seu fin. O motor da especulación urbanística segue estando detrás das políticas urbanas e de mobilidade que rexen as nosas cidades, con todas as súas ramificacións máis vivas que nunca: macroeventos turísticos, novos plans urbanísticos, plans para a ampliación e construción de novas estradas ou infraestruturas e a extensión das grandes superficies comerciais. Se se seguen mantendo e impulsando estas políticas impedirase todo cambio real e necesario nas nosas cidades.