Baixo o lema «a ciencia fala, os políticos non escoitan», organizacións da sociedade civil denunciaron hoxe en Vigo a inacción dos líderes mundiais perante a mudanza climática. Os expertos da ONU, que se reúnen na cidade galega, sinalan a actividade humana como a causa principal dos graves impactos do quecemento global.
Entre os días 5 e 9 de novembro, Vigo acolle a terceira reunión de especialistas do Panel Intergobernamental de Cambio Climático (IPCC) [1]. Preto de 300 científicos procedentes de todo o mundo avalían neste encontro as diferentes opcións de mitigación da mudanza climática mediante a limitación das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI).
Coalición Clima , Amigos da Terra, Verdegaia, Adega, SGHN, CC OO, SEO/BirdLife, Greenpeace e Ecoloxistas en Acción saíron á rúa o primeiro día de reunión. «O furacán Sandy volve demostrarnos que loitarmos pola xustiza climática non é un luxo en tempos de crises senón unha necesidade urxente», asegurou Tom Kucharz, membro da coalición.
As organizacións sociais esixen ao Goberno que escoite as recomendacións científicas e tome medidas concretas que garantan a redución de emisións e eviten as peores consecuencias do cambio climático. No último informe, publicado en 2007, o IPCC sinala que o cambio climático é inequívoco e alerta de que se non se avanza con urxencia nas políticas de redución, as emisións mundiais de GEI seguirán aumentando e agravando os efectos da mudanza climática.
A nivel internacional os gobernos dos países industrializados desatenderon as advertencias da ciencia, aprazando ano tras ano o acordo que permita diminuír as emisións e frear así o cambio climático.
O Goberno de España ademais de non tomar medidas para avanzar cara a un futuro baixo en emisións, está a pór freo ás enerxías renovábeis, á rehabilitación de edificios e incrementando a dependencia enerxética dos combustíbeis fóseis e os sectores industriais máis contaminantes (e menos xeradores de emprego), que non só estancan a redución de emisións a nivel estatal, senón que as incrementan. España está lonxe de cumprir o Protocolo de Kioto. A pesar da redución na actividade económica e no transporte debido á crise, as emisións de CO2 incrementáronse un 0,1% respecto ao ano anterior.
En Galicia unhas emisións equivalentes a 10 toneladas de CO2 por habitante e as centrais térmicas de carbón e de ciclo combinado de Endesa nas Pontes emitindo por si soas 6,81 millóns de toneladas anuais, obstaculizan a loita contra o cambio climático. Os proxectos de bioenerxía ignoran as recomendacións do Comité Científico da Axencia Europea de Medio Ambiente e a aplicación do Plan de Activación do Aforro e a Eficiencia Enerxética 2008-2011 só é testemuñal.
«Aínda que a ciencia cada vez sexa máis clara acerca dos nefastos efectos do cambio climático, os políticos seguen sen estar á altura das circunstancias, pondo así en perigo a estabilidade climática e ecolóxica do noso planeta e producindo dramáticas perdas humanas e económicas», subliña Kucharz.
[1] O IPCC foi estabelecido en 1988 pola Organización Meteorolóxica Mundial e o Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente co mandato de avaliar a información científica, técnica e socio-económica dispoñíbel sobre cambio climático sobre unha base comprensíbel, obxectiva e transparente. Un dos seus principais produtos, os informes de avaliación, teñen unha gran relevancia como o referente científico para a toma de decisións no proceso de negociación da Convención Marco das Nacións Unidas sobre Cambio Climático e para a definición e aplicación das políticas nacionais neste campo. Os informes do IPCC representan un equilibrio dos puntos de vista científicos e, aínda que non son prescritivos, si son politicamente moi relevantes. http://www.ipcc.ch/