Os previsibles acordos internacionais que se atinxan en Copenhague e a repartición interna da UE fixarán para España en 2020 un obxectivo de emisión de gases de efecto invernadoiro (GEI) menos ambicioso que o de Quioto, non contribuíndo deste xeito á redución mundial destes gases de mudanza climática.

Segundo a repartición interna da UE para os obxectivos de emisións de G.E.I. encadrado no Paquete de Enerxía e Cambio climático 2020, España poderá aumentar as súas emisións a respecto do nivel de referencia (emisións de 1990) en calquera dos escenarios estudiados: redución do 20%, se non hai acordo internacional satisfactorio; redución do 30%, se hai acordo internacional satisfactorio. Isto significa que España aumentará as súas emisións, polo menos, até 2020, mentres que os países do contorno terán que diminuír e en consecuencia transformarán as súas sociedades cara a modelos menos dependentes do carbono. A estas alturas, Suecia, Reino Unido e Francia xa cumpren cos seus obxectivos de Quioto e Alemaña está a piques de o facer. España é o país da UE cuxas emisións aumentaron máis rapidamente e que máis se afasta do seu obxectivo.

A análise das políticas públicas españolas en mudanza climática oferece unha serie de conclusións moi ilustrativas, como que as declaracións das persoas responsables das políticas de mudanza climática coidan que este é un tema prioritario e non obstante as medidas non se corresponden con ditas declaracións. Dise que pode seguir crecendo o consumo enerxético e ao tempo reducirse as emisións de GEI significativamente; que construíndo máis autovías, AVEs e aeroportos redúcense as emisións do transporte; que a prioridade é reducir as emisións internas mais ao mesmo tempo afírmase que as condicións postas ao MDL impediron un verdadeiro lanzamento destes proxectos e que isto é un desastre para España; que a prioridade é Latinoamérica e os proxectos de enerxías renovables a pesar dos datos; que permitir aos sectores industriais non enerxéticos non reducir a súas emisións nun período de tsunami urbanizador no impide cumprir con Quioto; que dedicar diñeiro público español á Captura e Almacenamento de CO2 é para evitar a emisión de grandes cantidades de GEI de China e India, que non compite con investimentos noutros campos máis sustentables como as enerxías renovables e que forma parte das solucións a pesar de que non estará operativa até a segunda metade do século; que existe coordenación entre todos os niveis da administración pública.

Chama a atención, porén, que os poderes públicos achen que é bo e xusto para España emitir máis en 2020 que en 2012, como demostran non só as declaracións senón as políticas postas en marcha nos últimos tiempos, coas que calquera mudanza na tendencia crecente antóllase imposible.

Se o Goberno español pretende colaborar no obxectivo global de diminuír as emisións á metade en 2050 e transformar a sociedade e a súa economía cara a modelos máis sustentables e xustos, deberá asumir unilateralmente obxectivos de emisións cuantificables moi por debaixo do descrito.