Os plans presentados polo Secretario de Estado de Enerxía, Pedro Marín, ás tres asociacións que representan a industria fotovoltaica (ASIF, APPA e AEF), anuncian o peor dos enésimos ataques do Ministerio que dirixe Sebastián ás enerxías renovables: o recorte con carácter retroactivo das primas ás instalacións fotovoltaicas realizadas con anterioridade a 2009. É dicir, instalacións realizadas hai dous anos nunhas condicións económicas determinadas, recibirán un 30% menos do que por entón marcaba a lei. A desconfianza do sector cara ás condicións futuras da lexislación na que se terá que mover pode ser determinante.

A principios de 2008 o Goberno non soubo prever as consecuencias da cota que o Plan de Enerxías Renovables (PER) 2005-2010, fixaba para a fotovoltaica. Esa cota estábase a cubrir de forma evidente, e o Ministerio de Industria, en vez de deseñar un plan de futuro que compaxinase o desenvolvemento de novas instalacións co abaratamento da prima, non fixo nada até o verán. Xa era demasiado tarde, e cando acordou que facer con todas as instalacións a partir dos 400 Mw que marcaba o PER, decidiu darlle a todos a mesma prima. Foi uns meses despois cando dende o Ministerio se decataron de que había case 3.000 Mw instalados, e os custos, como é lóxico, disparáronse. Para emendar o erro, elaboraron unha serie de leis e regulamentos que na práctica puxeron a industria fotovoltaica española contra as cordas: 80 Mw instalados en 2009. E como as primas hai que pagalas todos os anos, agora, segundo Ecoloxistas en Acción, invéntanse aplicar unha lei con carácter retroactivo, algo que pon en cuestión mesmo un dos principios fundamentais do dereito, como é a non retroactividade das leis.

Así as cousas, a situación é crítica para a industria fotovoltaica española, que pouco se beneficiou do «boom» de 2008, xa que a maioría dos grandes hortos solares construídos ese ano o foron por empresas estranxeiras.

Segundo Ecoloxistas en Acción, o crecemento das renovables e as presións das grandes compañías eléctricas son demasiado para un Ministro que hai tempo que perdeu os papeis. Para a organización ecoloxista, o obxectivo é que as renovables substitúan o carbón, gas e uranio. Para iso é necesario un desenvolvemento das enerxías renovables que as eléctricas non se poden permitir: As centrais de carbón e de gas están a producir electricidade moi por debaixo das súas previsións dende hai máis dun ano, debido ao descenso do consumo e á achega das renovables.