Unha análise detallada dos orzamentos do Ministerio de Fomento para 2012 demostra que imos seguir investindo o que non temos en caras e impactantes infraestruturas de transporte. O Grupo Fomento (o Ministerio xunto a organismos públicos como Adif, Aena ou Seittsa) prevé investir 11.900 millóns de euros en grandes obras como novas autovías ou máis liñas de alta velocidade, a pesar de que non teñen a demanda suficiente para xustificar este gasto. E tampouco xerarán desenvolvemento económico e emprego como mostra teimudamente a realidade. Ao contrario, estes ruinosos investimentos xeran máis débeda e empobrecemento polo seu escaso retorno social. E o que é peor, esquécese que se levan a cabo cos fondos que recortamos en sanidade, educación, protección social ou ambiente.

O Ministerio de Fomento anunciou que sufrirá un recorte do 34,6% dos seus orzamentos a respecto de 2011. Non obstante, se nos fixamos nos orzamentos que manexa todo o chamado Grupo de Fomento (o Ministerio xunto ás sociedades mercantís e entidades públicas empresariais como Adif, Aena ou Seittsa), o descenso nos fondos dispoñíbeis é moito menor, do 8,6%.

Os investimentos van seguir sendo cuantiosos en infraestruturas das que xa temos unha gran dotación e unha escasa utilización. Así, por exemplo, en 2012 investiranse 4.187,7 millóns de euros en novos tramos de alta velocidade ferroviaria, na súa maior parte dedicados ao AVE a Galicia. E iso a pesar de que un estudo interno de Fomento que se filtrou hai un ano (marzo 2011) concluía que a demanda de viaxeiros neste corredor (que en conxunto custará máis de 8.500 millóns de euros) só admitiría tres trens diarios en cada sentido. Estas cifras astronómicas contrastan con, por exemplo, os 28,5 millóns de euros previstos para as proximidades, moito máis utilizadas pola cidadanía.

Tamén gastaremos 1.280 millóns de euros en construción de máis estradas. Malia que somos o país europeo con máis quilómetros de autovías e autoestradas (en Europa 1 de cada 5 quilómetros deste tipo de calzadas está en España), poñeranse en servizo 170 km máis durante 2012. Se o comparamos cos exiguos 53 millóns que o Ministerio coas competencias de medio ambiente vai dedicar á partida de «prevención da contaminación e a mudanza climática» restan poucas dúbidas de por onde van as prioridades do Goberno.

O argumento para xustificar este enorme investimento é sempre o mesmo: as infraestruturas xeran emprego e dinamización económica. Mais a realidade desmente estas afirmacións unha e outra vez. Doutro modo non se entende que sexamos o primeiro país europeo en quilómetros de autovías e autoestradas e en alta velocidade ferroviaria -así como récord de aeroportos ociosos ou sobredimensionados- e ao mesmo tempo teñamos a peor taxa de paro europea e unha das peores situacións económicas.

A consecuencia destas obras de infraestrutura é xusto a contraria: estes investimentos sen retorno social nin económico positivo nos empobrecen e endebédannos cada vez máis. Fomento acaba de pedir 3.000 millóns de euros ao BEI para financiar estas obras, o que non fará senón incrementar unha débeda xa insoportábel. Sobre todo porque a forma de pagala están sendo os draconianos recortes sociais que día si e día tamén nos comunican. Pero que, hoxe por hoxe, seguimos sen aplicalos ao cemento.