Organizacións sociais denuncian as prioridades do Goberno español nos eventos preparatorios da Cimeira Río+20, apoiando ás empresas multinacionais que provocan graves impactos sociais e ambientais e continuas violacións aos dereitos humanos en todo o mundo.

A próxima Cimeira da Terra Río+20, chamada oficialmente Conferencia de Nacións Unidas sobre Desenvolvemento Sustentábel, celebrarase do 20 ao 22 de xuño de 2012 no Rio de Janeiro, Brasil. Con ocasión do seminario “A achega do sector público-privado español á axenda de Río+20”, organizado en Madrid pola Rede Pacto Mundial España, varias organizacións sociais advirten sobre os perigos da estreita relación entre o lobby empresarial e os responsábeis das políticas económicas e ambientais internacionais, tanto do Goberno español como de Nacións Unidas. No evento participaron altos funcionarios do Estado así como multinacionais denunciadas por graves violacións aos Dereitos Humanos como Endesa, Gas Natural Fenosa, BBVA e Agbar.

Un caso emblemático das alianzas público-privadas é o de Stephan Schmidheiny, quen impulsou en 1995 o Consello Mundial Empresarial para o Desenvolvemento Sustentábel (WBCSD polas súas siglas en inglés – World Business Council for Sustainable Development) e que agrupa 200 das máis irresponsábeis e criminais corporacións do mundo. Schmidheiny foi condenado o pasado 12 de febreiro por un tribunal de Turín a 16 anos de cárcere no xuízo do amianto en Italia, como ex propietario do grupo suízo Eternit, declarado responsábel da morte dunhas 3.000 persoas en Italia, ex obreiros ou habitantes de catro localidades onde Eternit Italia tiña as súas fábricas desde 1976 a 1986. Schmidheiny foi acusado de provocar «unha catástrofe sanitaria e ambiental permanente» e de violar as normas da seguridade laboral.

Malia a longa traxectoria delituosa de Schmidheiny, o entón Secretario Xeral da Conferencia de Nacións Unidas para o Desenvolvemento Sustentábel, Maurice Strong, nomeouno en 1992 “asesor principal” da industria e o sector privado para a preparación da Cimeira da Terra naquel ano. Cando o Secretario Xeral das Nacións Unidas, Kofi Annan, lanzou en 1999 o Pacto Global entre a ONU e o poder económico, tanto Schmidheiny como o WBCSD xogaron un papel crave no “lavado de cara” das corporacións máis responsábeis da pobreza e a destrución ambiental no mundo. En 2000, en recoñecemento ao que consideran un “labor pioneiro”, o WBCSD nomeou Schmidheiny o seu presidente honorario. Todas estas alianzas público-privadas vulneraron a credibilidade da ONU.

A Alianza por unha alternativa ecolóxica, social e urxente ao capitalismo, constituída por diferentes organizacións e plataformas do Estado español á calor da Cimeira Río+20, esixe que se poña punto final ao control empresarial de Nacións Unidas e ás asociacións dubidosas entre a ONU e a industria -como o Pacto Global ou o Consello Empresarial Mundial para o Desenvolvemento Sustentábel-, así como rematar co acceso privilexiado que se lle outorgou ao sector empresarial, e á influencia ilexítima que o devandito sector exerce en importantes procesos e decisións multilaterais.

“A ONU e os Estados membro deben impedir as presións que exercen as grandes empresas e disolver as asociacións público-privadas e os grupos de alto nivel que lles outorgan ás grandes empresas unha condición privilexiada nas negociacións oficiais. Así mesmo demandan que as delegacións nacionais involucradas nas negociacións da ONU non deben incluír a representantes do sector empresarial”, demanda a Alianza.

Reclaman que a ONU debe investigar e denunciar os impactos das grandes empresas e estabelecer un réxime xuridicamente vinculante que poida esixirlles ás empresas render contas de cara á lexislación en materia de dereitos ambientais, humanos e laborais.

Para profundar no debate sobre a crise global e a responsabilidade do sector empresarial, dita alianza organiza as Xornadas Internacionais previas a Rio+20 “Economía verde? Futuro negro!” en Barcelona do 1-3 de xuño.

A Alianza por unha alternativa ecolóxica, social e urxente ao capitalismo está integrada por: ACSUR-Las Segovias, ALBA SUD, Ecologistas en Acción- Ekologistak Martxan- Ecologistes en Acció, Enginyeria sense Fronteres, Entrepueblos, Grup Balear d'Ornitologia i Defensa de la Natureza (GOB), Observatori del Deute en la Globalització (ODG), Observatorio das Multinacionais en América Latina (OMAL), Plataforma Rural, Veterinarios Sen Fronteiras, Xarxa per una nova cultura de l'aigua.