Un informe publicado pola nef (new economics foundation) e OCEAN2012 (coalición formada por máis de 170 organizacións europeas da que Ecoloxistas en Acción fai parte do grupo directivo) revela que se os europeos só consumisen peixe de subministración propia, ao ritmo de consumo actual, ficarían sen peixe o 6 de xullo, pasando a depender do peixe do resto do mundo a partir do 7 de xullo. Hoxe un de cada dous peixes consumido na UE provén de fóra da UE, mentres que hai vinte anos era un de cada tres.

PDF - 2 MB
Informe Fish Dependence

O informe Fish Dependence – O Día da Dependencia de Peixe – revela como os países da UE están a importar peixe e exportando a sobrepesca. Europa consome moito máis do que as súas augas poden producir. O estudo compara datos da FAO sobre consumo de peixe con cifras da Comisión Europea sobre capturas en caladoiros europeos mostrando como o consumo de peixe creceu mentres que as capturas nos caladoiros europeos reducíronse. De acordo co informe:

  • Se a EU consumise soamente peixe de subministración propia, quedaría sen peixe o 6 de xullo, pasando a depender do peixe procedente do resto do mundo a partir do 7 de xullo. Un día máis tarde que no 2011 e catro máis que en 2010.
  • España, o día en que comeza a depender de peixe doutros países prodúcese antes que para a UE no seu conxunto, concretamente o 25 de maio. España encóntrase entre os países máis «dependentes do peixe» dentro da UE, xunto con Portugal (30 de marzo), Alemaña (20 de abril), Italia (30 de abril) e Francia (21 de maio).
  • O día en que Europa entra en dependencia de peixe foise adiantando a respecto de 1990 (2 de setembro), o cal revela unha crecente dependencia de peixe de augas non-UE.
  • Esta data variou moi pouco durante os últimos tres anos, indicando una certa estabilización; aínda que é cedo para o confirmar.
  • O crecemento da acuicultura da UE non conseguiu compensar a nosa crecente dependencia do peixe procedente doutros lugares.

A diminución de capturas en augas europeas produciuse porque durante moitos anos estivemos extraendo peixe das nosas augas mais rapidamente do que o peixe pode rexenerarse. O baleiro creado pola diferenza entre o que consumimos e o que producimos encheuse con peixe procedente de fóra da UE. Así, cada vez máis imos capturar peixe en augas de países de fóra da UE e incrementamos o nivel de importacións.

Perda de emprego e ingresos

A sobrepesca significa que a UE está a obter moito menos das súas poboacións de peixes que se estas recuperasen un bo estado de saúde e fosen xestionadas de forma sustentábel. Cada ano pérdense milleiros de millóns de Euros e milleiros de empregos debido á sobrepesca.

  • Restaurar 43 stocks de pesca até o seu rendemento máximo sustentábel (RMS) xeraría 3,53 millóns de toneladas adicionais de desembarques, suficiente para satisfacer a demanda anual de peixe de case 160 millóns de cidadáns da UE[[O consumo medio de peixe da UE é de 22,2 kg por cápita e por ano (nivel de 2010). Información recibida da Organización para a Agricultura e a Alimentación (FAO), Departamento de Pesca de Nacións Unidas (2010). The state of world fisheries and aquaculture [O estado mundial da pesca e a acuicultura]. Roma: FAO.].
  • O valor de restaurar estes stocks ascende a 3.200 millóns de euros ao ano para todos os países. Ten un valor de 1.800 millóns de euros ao ano para a UE27, ou case tres veces os fondos destinados anualmente ás subvencións á pesca.
  • Restaurar estas poboacións de peixes permitiría a creación de 100.790 novos postos de traballo, dos cais uns 83.000 beneficiarían á UE27 (un 31% máis que o nivel actual de emprego no sector pesqueiro da UE).

«Cada ano os ministros de pesca europeos fan desaparecer millóns de euros e milleiros de empregos permitindo que a sobrepesca continúe. A reforma da Política Pesqueira Común dos próximos meses é unha magnífica oportunidade de pormos fin a esta sangría de emprego e de diñeiro», declara Aniol Esteban, membro de nef (new economics foundation) e de OCEAN2012 e coautor do informe. Aniol ademais engade que «Cada ano que pasa cos caladoiros sobreexplotados perdemos 3.000 millóns de euros que poderían manter 100.000 postos de traballo. Os ministros de pesca da UE deben explicar aos seus cidadáns porque nun contexto de crise económica e alto desemprego queren prolongar esta perda de emprego e ingresos até o 2020».

Lydia Chaparro, coordinadora de divulgación de OCEAN2012 e responsábel de Pesca de Ecoloxistas en Acción, afirma que «Este informe pon de relevo que se a xente desexa peixe e marisco sustentábeis, ten que asegurarse de que os responsábeis políticos deciden e aplican unha política pesqueira responsábel» e engade «Non é suficiente con formular o obxectivo de Rendemento Máximo Sustentábel para o ano 2020, necesitamos acelerar o ritmo e acurtar o prazo. O noso goberno debe dar un paso adiante para permitir recuperar os stocks e así xerar máis alimento, máis emprego e mellor situación económica. Non é aceptábel atrasar a toma de medidas» comenta Lydia Chaparro.

«A UE conta cuns dos maiores e máis ricos caladoiros do mundo, mais non conseguimos xestionalos de forma responsábel. Para satisfacermos o noso crecente apetito de peixe, sobreexplotamos os nosos caladoiros e exportamos a sobrepesca a outras partes do mundo» declara Miquel Ortega, coordinador político de OCEAN2012. «A solución á sobrepesca pasa por fixar os límites de captura a un nivel que garanta a recuperación rápida dos caladoiros; a asignación de cotas de pesca a aqueles que pescan de forma sustentábel e utilizar as subvencións de forma intelixente».