Ecoloxistas en Acción e Amigos da Terra reclaman responsabilidade aos eurodeputados españois.

PDF - 1.4 MB
Carta abierta (en inglés)

113 organizacións e coalicións da sociedade civil, entre elas moitas españolas, expresaron nunha carta aberta a súa preocupación sobre os impactos ambientais, sociais e económicos da entrada ao mercado europeo de agrocombustíbeis (tamén chamados biocombustíbeis). Esta carta chega nun dos momentos máis importantes da revisión das políticas europeas na materia: a votación nos diferentes Comités do Parlamento Europeo sobre a Proposta da Comisión para unha nova lexislación.

As organizacións asinantes, que representan a millóns de cidadáns, instan os responsábeis políticos europeos a reverter a expansión dos agrocombustíbeis procedentes de cultivos, por non presentaren vantaxes ou moi poucas para o clima e en cambio provocaren graves impactos ambientais e sociais:

  • Está moi documentado que, ao desprazar outros cultivos, os agrocombustíbeis provocan directa e indirectamente a destrución de ecosistemas vitais para o almacenamento de carbono, como bosques e humidais. Así, os devanditos carburantes provocan unha cantidade de gases de efecto invernadoiro parecida ou mesmo maior que os combustíbeis fóseis, tornando ridículas esas políticas que supostamente loitan contra a mudanza climática.
  • A competencia pola terra que xeran contribúe ao aumento e a volatilidade dos prezos dos alimentos, exacerbando a pobreza e a fame das poboacións máis vulnerábeis do mundo.
  • Todo isto cun custo de 10.000 millóns de euros ao ano para os contribuíntes e condutores europeos [1].

Liliane Spendeler, voceira de Amigos da Terra, declarou que «a demanda europea en agrocombustíbeis está a incrementar a tensión en relación ao uso da terra nos países do Sur, provocando acaparamentos de terras, deforestacións e conflitos sociais. É imprescindíbel reducirmos os agrocarburantes se non queremos que os nosos coches se movan á conta do empobrecimento dos pobos do Sur».

As organizacións asinantes da carta demandan que se contabilicen as emisións de gases de efecto invernadoiro debidas á mudanza indirecta no uso do solo (o chamado efecto ILUC) nos criterios de sustentabilidade, que se impoña un tope máximo e unha paulatina redución dos agrocarburantes procedentes de calquera tipo de cultivo, así como a desaparición de incentivos económicos en forma de vantaxes fiscais ou subvencións.

Abel Esteban, portavoz de Ecoloxistas en Acción, engadiu: «os eurodeputados teñen nestes días a responsabilidade de reverteren esta desastrosa situación. Desgrazadamente algunhas Comisións do Parlamento Europeo xa votaron na dirección contraria, subindo o tope máximo proposto pola Comisión e eliminando os factores ILUC. Os eurodeputados do PP e do PSOE votaron neste sentido. Esperemos que mude o seu voto na Comisión de Medio Ambiente o 10 de xullo, fuxindo de combustíbeis que ademais de destruír o planeta e a vida de millóns de persoas no Sur Global, custan moito diñeiro aos estados e condutores/as europeos/as».

Europa necesita un verdadeiro cambio no seu modelo de transporte, con vehículos moito máis eficientes, un bo transporte público, a electrificación baseada en enerxías renovábeis, solucións que si achegan beneficios sociais, ambientais e económicos reais.

Notas