Ecoloxistas en Acción rexeita o resultado da sentenza da Audiencia Provincial da Coruña sobre o Prestige e considéraa decepcionante porque non só non determinou responsabilidades a respecto doutros responsábeis políticos do Goberno ou da cadea de propietarios e xestores do buque, senón que absolveu aos que estaban acusados no proceso. A única condena foi de 9 meses para o capitán Apostolos Mangouras pero por un delito de desobediencia respecto das autoridades españolas.

A pesar de que a sentenza recoñece o deficiente e precario estado do petroleiro e que o control da inspección realizada tempo atrás pola empresa ABS non foi adecuado, os xuíces non atopan responsabilidades nese ámbito. Ecoloxistas en Acción entende que se o estado do buque é notoriamente deficiente e se produce un accidente que ocasiona un grave vertido, a responsabilidade debe atribuírse a quen tiveron a capacidade de tomar decisións sobre a navegabilidade do barco, que non son outros que as empresas propietarias e o capitán.

Os responsábeis do seu estado son os que puideron adoptar medidas para o cumprimento das medidas de seguridade que lles puideron impor nas revisións efectuadas, no investimento en medidas de manutención e mellora da estrutura e casco do buque, ou nas propias revisións realizadas, é dicir, o armador, o fretador, o propietario ou a compañía de inspección. O que a apertura da fenda se producise polo temporal, por unha onda xigante ou polo colapso dun tabique da estrutura ou por todos os factores á vez, non é tan determinante como o estado previo do barco.

Máis sorprendente é a absolución de quen aparece no proceso como o único responsábel administrativo do afastamento do petroleiro accidentado: o Director Xeral da Mariña Mercante. Para Ecoloxistas en Acción, non é de recibo considerar, como fai a sentenza, que achegar o barco á costa trouxese máis problemas que o afastamento. Naquelas datas xa existían protocolos e había experiencia sobre que un posíbel derrame nun porto supón un impacto económico e ecolóxico menor que en mar aberto, onde se dispersa e reparte a contaminación, como se comprobou despois, por centos de quilómetros de costa. Non se pode afirmar que as autoridades españolas tivesen nese momento o asesoramento adecuado.

Para Ecoloxistas en Acción, a maior catástrofe ambiental do Estado español e unha das maiores de Europa, con impactos ambientais e por suposto tamén sociais e económicos, sáldase pola xustiza española cunha sentenza baleira que nos enche de indignación.

O proceso xudicial xa nacía viciado desde o principio para Ecoloxistas en Acción dado que non todas as persoas que participaron na toma de decisións sobre a catástrofe, como Mariano Rajoy, Miguel Arias Cañete, Jaume Matas ou Francisco Álvarez Cascos, estaban sentados no banco.

Unha vez máis se demostra que a xustiza é incapaz de xulgar grandes catástrofes ambientais, que fican impunes, como o caso de Boliden coas minas de Aználcollar e agora o afundimento do Prestige.